Miguel Ares Canaval, nado no Canaval (Présaras, Vilasantar) en 1565, e finado en Ourense o 1 de xaneiro de 1611, foi un eclesiástico galego, bispo da diocese de Ourense dende 1595 até a súa morte.
Traxectoria dereita|miniatura|Catedral de Ourense. Fillo de Alfonso Ares e María González, naceu na despois chamada Casa do Bispo. Estudou en Santiago de Compostela e en Salamanca, sobresaíndo pola súa cultura, intelixencia e bondade. Foi enviado a Ávila, onde conseguiu a dignidade de Maxistral da Sagrada Escritura.
A súa sona de intelectual e bo cristián chegou ata a Corte do Rei Filipe II, quen no ano 1593 o propuxo como bispo da Real Audiencia de Charcas da cidade de La Plata, hoxe chamada Sucre, en Bolivia, posto que rexeitou.
O 30 de maio de 1595 tomou posesión como bispo de Ourense, co nome de Miguel Ares Canaval, xa que mudou o segundo apelido polo seu lugar de nacemento, algo habitual naquela época.
Dende Ourense visitou o Santuario de Nosa Señora da Laxe, en Armental, do que foi devoto dende neno. Interesándose sempre polo seu coidado, enviou ofrendas ó santuario segundo consta nos libros de Fábrica. Tamén fundou a carón do santuario unha escola ou seminario e conseguiu importantes doazóns para o seu mantemento. Deste xeito alfabetizáronse numerosos nenos da contorna, entre eles Alfonso Ares, veciño de Vilariño e sobriño de Miguel, que chegou a ocupar distintos cargos na arquidiocese de Santiago de Compostela. Este seminario estivo funcionando ata poucos anos despois da desamortización de Mendizábal, na que se incautaron todos os bens do santuario e os que mantiñan o seminario. Faleceu o 1 de xaneiro de 1611. Está sepultado na Capela Maior da catedral ourensá.
Notas
Categoría:Bispos da diocese de Ourense Categoría:Bispos católicos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Nados en 1565 Categoría:Nados en Vilasantar Categoría:Finados en 1611 Categoría:Bispos da Igrexa católica latina