O Pacto Federal de Tortosa, ou Pacto de Tortosa, foi un manifesto ideolóxico ou proxecto de organización das forzas republicano-federalistas de Cataluña, Valencia, as illas Baleares e Aragón} xurdido a partir dunha reunión en Tortosa o 18 de maio de 1869. A elección de Tortosa tiña unha importante significación por se-lo centro dos territorios da antiga Coroa de Aragón. Por iso, os seus adversarios políticos denominárono coma o "pacto da Coronilla de Aragón" e a prensa de Madrid denunciouno como un pacto de tipo separatista.

A alianza Tralo triunfo da Revolución de 1868 que puxo fin ao reinado de Isabel II, celebráronse en xaneiro de 1969 eleccións a Cortes Constituíntes nas que o Partido Republicano Federal obtivo un bo resultado en Aragón, Cataluña e Valencia —aínda que globalmente inferior ás súas expectativas— o que animou á celebración en Tortosa, en maio, dunha asemblea federal dos territorios da antiga Coroa de Aragón —aínda que non acudirían representantes das provincias de Xirona nin de Alacant.

A reunión, foi presidida polo alcalde de Tortosa, Manuel Bes e Hediger e participaron os líderes do Partido Republicano Democrático Federal dos territorios anteriores. A iniciativa foi tomada polos membros do sector intransixente e federalista do partido en Barcelona, reunidos no Club de Federalistas, co obxectivo de organizar a xestión descentralizada do partido en territorios da antiga Coroa de Aragón, coa finalidade de promover a constitución dunha república federal.

O seu portavoz e impulsor máis notable foi Valentí Almirall i Llozer, autor a finais de 1868 das Bases para la constitución del Estado de Cataluña. Entre os principais participantes estiveron o catalán Josep Anselm Clavé, os valenciáns Francisco González Chermá e Emigdio Santamaría Martínez, e os aragoneses Mamés de Benedicto (vicepresidente da Asemblea), Marceliano Isábal y Bada (secretario), Fermín Colomer, Anxo Palacios, Francisco Giménez, e Ambrosio Gimeno.

O pacto mantiña unha forma moi historicista exaltando as liberdades da antiga coroa de Aragón, e foi un intento para organiza-las forzas federais nos territorios onde tiña unha forte presenza, a fin de ser unha punta de lanza para a estrutura dunha República Federal española estable e duradeira. Asinouse tamén unha alianza defensiva para manter e consolidar o espírito da revolución de 1868.

O texto do Pacto

Consecuencias A sinatura do Pacto de Tortosa foi a primeira expresión práctica do federalismo pactista, defendida por Pi i Margall, que rexeitaba o separatismo. Porén, provocou a xeito de imitación un feixe de acordos semellantes como o de Córdoba (12 de xuño) para as provincias confederadas de Andalucía, Estremadura e Murcia, o de Valladolid (15 de xuño) para as dúas Castelas, o pacto galaico-asturiano de A Coruña (18 de xuño), e o vasco-navarro de Éibar (28 de xuño), até que no mes de xullo foi asinado un Pacto Nacional auspiciado pola dirección do Partido Republicano Federal.

Pi i Margall e o Partido Republicano Federal pretenderon controlar o movemento centralizando o movemento e os diferentes pactos a través do Pacto Nacional de Madrid do 30 de xuño de 1869 pero provocou o rexeitamento de Almirall e outros. Ao imporse a constitución monárquica de 1869, produciuse un levantamento de carácter federalista en setembro do mesmo ano. E coa instauración da Primeira República (1873), en Barcelona intentouse a proclamación do estado catalán dentro da República Federal española.

Tralo fracaso do proxecto federal da Primeira República Española, Almirall converterase no principal impulsor do catalanismo político.​

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Bonamusa, Francesc (2004). "Republicanisme e federalisme. Catalunya 1830-1939". En Chust Calero, Manuel. Federalismo y cuestión federal en España. Col. Humanitats. Nº 14. Castelló de la Plana: Publicacións de la Universitat Jaume I. ISBN 84-8021-452-X.

Outros artigos Partido Republicano Democrátido Federal Francesc Pi i Margall Pacto Federal Castelán

Categoría:1869 Categoría:Sexenio Democrático