A eclipse do darwinismo é o nome que se lle deu a un período entre finais do século XIX e principios do XX en que a explicación darwinista da evolución por selección natural perdera apoios entre a comunidade científica. Julian Huxley utilizou a frase "a eclipse do darwinismo" para describir a situación no estudo da evolución antes do que el chamou a síntese moderna; nese período da eclipse a evolución fora aceptada de maneira xeral nos círculos científicos pero poucos biólogos crían que a selección natural fose o seu mecanismo primario. Historiadores da ciencia como Peter J. Bowler utilizaron a mesma frase como etiqueta para o período da historia do pensamento evolucionista desde a década de 1880 ata arredor de 1920, cando se desenvolveron e exploraron alternativas á selección natural, xa que moitos biólogos consideraban a selección natural unha idea incorrecta de Charles Darwin, ou polo menos de importancia relativamente menor. Propúxose o termo alternativo a interfase do darwinismo, para evitar a implicación en gran medida incorrecta de que a suposta eclipse fora precedida dun período de vigorosa investigación darwinista.

Aínda que ao longo do século XIX houbo moitas explicacións da evolución como o vitalismo, o catastrofismo e o estruturalismo, ao chegar ao século XX estaban vixentes as seguintes:

A evolución teísta, que era a crenza de que Deus guiaba directamente a evolución. (Isto non debería confundirse co uso máis recente do termo evolución teísta, que se refire á crenza teolóxica na compatibilidade entre a explicación científica da evolución e a relixión.) O neolamaramarckismo, que foi a idea de que a evolución é impulsada pola herdanza dos caracteres adquiridos durante a vida do organismo. A ortoxénese, que era a crenza de que os organismos eran afectados por forzas internas ou leis do desenvolvemento que guían a evolución en direccións determinadas. O mutacionismo, que era a idea de que a evolución era en boa medida o produto de mutacións que creaban novas formas ou especies nun só paso.

A evolución teísta case desapareceu da literatura científica a finais do século XIX, xa que as apelacións directas a causas sobrenaturais considerábanse fóra do método científico. As outras alternativas tiñan un significativo seguimento xa ben entrado o século XX; a liña principal da bioloxía abandonounas esencialmente cando os desenvolvementos da xenética as fixeron cada vez máis insostibles, e cando o desenvolvemento da xenética de poboacións e a síntese moderna da evolución demostraron o poder explicativo da selección natural. Ernst Mayr escribiu que aínda na década de 1930 a maioría dos libros de texto salientaban os mecanismos non darwinistas.

Contexto

A evolución fora amplamente aceptada nos círculos científicos só uns poucos anos despois da publicación de A orixe das especies, pero a aceptación da selección natural como o seu mecanismo impulsor non suscitara un acordo igual. Presentáronse seis obxeccións á teoría no século XIX:

O rexistro fósil era descontinuo, o que indicaba interrupcións na evolución. O físico Lord Kelvin calculou en 1862 que a idade da Terra era de entre 20 e 400 millóns de anos, o que era demasiado pouco tempo para a evolución. Argumentouse que moitas estruturas eran non adaptativas (sen función), polo que non terían evolucionado por selección natural. Algunhas estruturas parecían ter evolucionado cun padrón regular, como algunhas de animais non relacionados como a lura e os mamíferos. Sostíñase que a selección natural non era creativa, mentres que se admitía que a variación non era na maior parte dos casos algo valioso. O enxeñeiro Fleeming Jenkin sinalou correctamente en 1868, revisando A orixe das especies, que a herdanza por mestura preferida por Darwin se opoñería á acción da selección natural. A herdanza por mestura sería descartada en favor da xenética mendeliana a inicios do século XX.

Tanto Darwin coma o seu estreito seguidor Thomas Henry Huxley admitiran francamente tamén que a selección podería non ser a explicación completa da evolución; Darwin estaba preparado para aceptar unha certa proporción de lamarckismo, mentres que Huxley sentíase cómodo co cambio mutacional repentino e a evolución dirixida (ortoxenética).

A finais do século XIX, a crítica da selección natural chegara a un punto en que en 1903 o botánico alemán, Eberhard Dennert escribía que "Estamos presentes perante o leito de morte do darwinismo", e en 1907 o entomólogo da Universidade Stanford Vernon Lyman Kellogg, que apoiaba a selección natural, afirmou que "... a pura verdade é que a teoría da selección darwinista, considerada respecto a súa pretendida capacidade de ser unha explicación mecánica independentemente suficiente da descendencia, está hoxe seriamente desacreditada no mundo biolóxico." Engadiu, non obstante, que había problemas que impedían unha aceptación ampla de calquera das alternativas, xa que as grandes mutacións parecían demasiado pouco comúns, e non había probas experimentais de mecanismos que puidesen soster o lamarckismo ou a ortoxénese. Ernst Mayr escribiu que un exame da literatura evolutiva e dos textos de bioloxía mostrou que aínda en 1930 a crenza de que a selección natural era o factor máis importante na evolución era un punto de vista minoritario, e só uns poucos xenetistas de poboacións eran estritamente seleccionistas.

Motivación das alternativas

miniatura|upright=2.0|As alternativas á evolución por selección natural incluída a evolución directa (ortoxénese), que ás veces invocaba un control divino directo ou indirecto.

Diversos factores motivaron á xente a propoñer outros mecanismos evolutivos como alternativas á selección natural, algunhas das cales databan de antes do libro de Darwin A orixe das especies. A selección natural, co seu énfase na morte e a competición, non atraía a moitos naturalistas porque sentían que era inmoral, e deixaba pouco espazo para a teleoloxía ou o concepto de progreso no desenvolvemento da vida. Algúns destes científicos e filósofos, como St. George Jackson Mivart e Charles Lyell, que acabaron aceptando a evolución pero non lles gustaba a selección natural, poñían obxeccións de tipo relixioso. Outros, como Herbert Spencer, o botánico George Henslow (fillo do mentor de Darwin John Stevens Henslow, tamén botánico), e Samuel Butler, sentían que a evolución era un proceso inherentemente progresivo que a selección natural por si soa non podía explicar. E outros, como os paleontólogos norteamericanos Edward Drinker Cope e Alpheus Hyatt, tiñan unha perspectiva idealizada e sentían que a natureza, incluída o desenvolvemento da vida, seguía padróns ordenados que a selección natural non podía explicar.

Outro factor era a aparición dunha nova facción de biólogos a finais do século XIX, como o xenetista Hugo de Vries e Thomas Hunt Morgan, que querían reestruturar a bioloxía converténdoa principalmente nunha ciencia experimental de laboratorio. Non confiaban no traballo de naturalistas como Darwin e Alfred Russel Wallace, que dependían das observacións de campo sobre as variacións, adaptacións, e bioxeografía, considerando que estas eran excesivamente anecdóticas. Ao contrario, eles centrábanse en temas como a fisioloxía e xenética que podían ser facilmente investigadas con experimentos controlados no laboratorio, e menosprezaban a selección natural e o grao ao cal os organismos se adaptaban ao seu ambiente, que non podía ser comprobado doadamente de maneira experimental.

Teorías antidarwinistas durante a eclipse Evolución teísta Entendemos aquí por evolución teísta a intervención de Deus na evolución, e non o concepto moderno do século XX de evolución teísta como a compatibilidade entre a ciencia (que explicaría a evolución) e a relixión e un deus creador.

miniatura|upright|Louis Agassiz (aquí en 1870, con debuxos de Radiata) cría nunha secuencia de creacións na cal a humanidade era a culminación do plan divino.

A ciencia británica desenvolveuse a inicios do século XIX baseándose na teoloxía natural, que consideraba a adaptación de especies que eran fixas unha evidencia de que foran creadas especialmente cun deseño divino deliberado. Os conceptos filosóficos do idealismo alemán inspiraron os conceptos dun plan ordenado de creación harmoniosa, que Richard Owen reconciliou coa teoloxía natural como un padrón de homoloxías que mostraban a evidencia dun deseño. De maneira similar, Louis Agassiz consideraba a teoría da recapitulación como símbolo dun padrón dunha secuencia de creacións na cal a humanidade era a meta dun plan divino. En 1844 a obra Vestiges of the Natural History of Creation adaptou o concepto de Agassiz ao evolucionismo teísta. O seu autor anónimo Robert Chambers propuxo unha "lei" de desenvolvemento progresivo ordenado pola divindade, no que a transmutación das especies era unha ampliación da teoría da recapitulación. Isto popularizou a idea, pero foi fortemente criticado polos científicos establecidos. Agassiz seguiu opoñéndose enerxicamente á evolución, e despois de trasladarse a América en 1846 o seu argumento idealista dun deseño dun desenvolvemento ordenado fíxose moi influente. En 1858 Owen propuxo cautelosamente que este desenvolvemento podería ser a expresión real dunha lei creativa continua, pero distanciouse dos transmutacionistas. Dous anos despois na súa revisión da obra A orixe das especies de Darwin, Owen atacou Darwin á vez que abertamente apoiaba a evolución expresando súa crenza nun padrón de transmutación por medios similares a unha lei. Este argumento idealista do deseño foi adoptado por outros naturalistas como George Jackson Mivart e o duque de Argyll, que rexeitaba a selección natural no seu conxunto en favor de leis do desenvolvemento que guiaban a evolución por camiños preordenados.

Moitos dos seguidores de Darwin aceptaron a evolución porque podía reconciliarse co deseño. En particular, Asa Gray considerou que a selección natural era o principal mecanismo da evolución e tratou de reconciliala coa teoloxía natural. Propuxo que a selección natural podería ser un mecanismo no cal o problema do mal que supoñía sufrir producía o ben maior da adaptación, pero concedía que isto tiña dificultades e suxería que Deus podería influír nas variacións sobre as cales actuaba a selección natural para guiar a evolución. Para Darwin e Thomas Henry Huxley esa penetrante influencia sobrenatural estaba máis alá da investigación científica, e George Frederick Wright, un sacerdote ordenado que era colega de Gray no desenvolvemento da evolución teísta, puxo a énfase na necesidade de buscar causas secundarias ou coñecidas no canto de recorrer a explicacións sobrenaturais: "Se deixamos de observar esta regra poñemos final a toda ciencia e a toda ciencia sólida."

Unha versión secular deste naturalismo metodolóxico foi moi ben recibida por unha xeración máis nova de científicos que trataban de investigar as causas naturais do cambio orgánico, e rexeitaron a evolución teísta na ciencia. En 1872 o darwinismo no seu senso amplo do feito da evolución era aceptado como punto de partida. Arredor de 1890 só unha poucos científicos vellos se mantiñan na idea do deseño na ciencia, e este desaparecera por completo da corrente científica principal arredor de 1900. Había aínda inquedanza sobre as implicacións da selección natural, e aqueles que buscaban un propósito ou dirección na evolución volvéronse cara ao neolamarckismo ou a ortoxénese para proporcionar explicacións naturais.

Neolamarckismo

esquerda|miniatura|Jean-Baptiste Lamarck