Juan Francisco Camacho de Alcorta, nado en Cádiz o 26 de setembro de 1813.Na documentación do Ministerio de Facenda aparece o 16 de setembro: http://www.minhafp.gob.es/Documentacion/Publico/SGT/LIBRO%20MINISTROS%20DE%20HACIENDA/242-303.pdf e finado en Madrid o 23 de xaneiro de 1896 foi un financeiro e político español, que destacou por ser ministro de Facenda durante o reinado de Amadeu I, a Iª República, o reinado de Afonso XII e maila rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena.
Traxectoria Nace nunha familia tradicionalista de pai gaditano e nai vasca. O pai foi Intendente Honorario de Provincia e, posibelmente, de aí viña a súa relación coa economía porque non se lle coñece formación nin carreira universitaria. En 1832, tiña o rango de capitán nas Milicias Nacionais.
Evolución política De carácter moderado tivo unha evolución política notable pois foi membro da Unión Liberal case dende a fundación. Despois pasaría polo Partido Constitucional e a partir de 1880 afiliouse ao Partido Liberal, recentemente fundado. Despois de deixar o Partido Liberal pasou a militar no Partido Conservador.
Foi elixido deputado de Alacant entre 1853 e 1858, e por Valencia entre 1858 e 1871. En 1872 saíu senador por Ourense e Murcia e optou por Murcia. Retornou nas eleccións xerais de 1876 ao Congreso dos Deputados por Alacant de novo (distrito de Alcoi), aínda que en 1878, renunciou a ese escano para ser nomeado senador vitalicio.
Cargos En 1857 foi nomeado Director Xeral do Tesouro baixo as ordes de Alejandro Mon y Menéndez. Foi ministro de Facenda en 5 ocasións e con diferentes réximes. Durante o reinado de Amadeo de Savoia, entre o 20 de febreiro e o 26 de maio de 1872 no goberno presidido por Sagasta. Repetiu o cargo dende o 13 de maio ao 3 de setembro de 1874, durante a Primeira República española no goberno do que foi presidente Juan Zavala de la Puente e dende o mesmo 3 de setembro ao 31 de decembro, cun novo goberno de Sagasta. Durante a Restauración, que levou ao trono de Afonso XII foi de novo ministro do goberno que presidía Sagasta (1881-1883) desde o 2 de novembro de 1881 ao 9 de xaneiro de 1883 e, finalmente, durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, ocupou por última vez a carteira de Facenda entre o 27 de novembro de 1885 e o 2 de agosto de 1886, no goberno do que foi presidente de novo Sagasta.
Despois de mudar de partido e entrar no Partido Conservador, foi nomeado gobernador do Banco de España en dúas ocasións, entre 1883 e 1884 , e entre 1891 e 1892.
Actuacións Entre as súas principais actuacións como ministro inclúen a creación en 1881, do Corpo de Avogados do Estado, a reorganización da Inspección das Finanzas Públicas e unha ventaxosa conversión da débeda pública en 1881, así como a reorganización dos ingresos públicos, como por exemplo: o establecemento dunha Contribución Industrial e do Comercio que causaría a protesta de tódolos gremios e o seu proxecto de venda dos bosques nacionais, que tamén foi moi impopular e que provocaron protestas e unha forte oposición; o restablecemento do imposto de Consumos (abolido na Gloriosa) e a creación do imposto de Dereitos Reais (antes denominado imposto hipotecario e imposto sobre traslacións do dominio).
Cando en 1881 chega ao Ministerio de Facenda descatouse que o seu antecesor, o conservador Fernando Cos-Gayón, tiña xa elaborado un proxecto para arranxar o problema da débeda que acabou provocando a caída do goberno. Porén, Juan Francisco Camacho conseguiu sacalo adiante a final de ano. Foi a primeira reestruturación de débeda voluntaria e pactada -até entón todas as anteriores foran obrigadas- que se beneficiou da boa coxuntura internacional aproveitada polo ministro. O proxecto de conversión da débeda consistiu na reorganización dos títulos públicos e conseguiu diminuír o endebedamento do Estado e reducir fortemente as cargas financeiras. Así puido presentar o orzamento de 1882, por vez primeira, sen déficit. Canto Camacho abandonou o ministerio, a débeda reducírase dun 200% do PIB (1879) a un 70% (1886).
Tamén destacou como home de negocios e impulsor de diferentes iniciativas empresariais como a Sociedade Española Mercantil e Industrial, que era a corporación da casa Rothschild en España. Foi Director xeral da Compañía Arrendataria de Tabacos durante un breve período no que tivo que facer fronte a un grave conflito coas traballadoras ao intentar aplicar medidas rigorosas; e tamén directivo da Compañía de Ferrocarril Madrid-Zaragoza.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Múgica de Urquía, Enrique José (1976). Vida y obra de Juan Francisco Camacho. Madrid: Universidad Complutense de Madrid. Facultad de Ciencias Políticas y Sociología. Tesis inédita. Velaguer Gastela, Ublado e J.G.F (1889). Apuntes biográficos del Excmo. Señor Juan Francisco Camacho. Madrid: Establecimiento tipográfico de Fortanet.
Outros artigos Lista de gobernadores do Banco de España
Ligazóns externas Lozano Peña, Noelia (2008). El fondo antiguo en la biblioteca de Juan Francisco Camacho. Traballo de investigación: Medtrado en Xestión da documentación. Universidade Complutense de Madrid. Ficha do Congreso dos Deputados Expediente persoal no Senado
Categoría:Gobernadores do Banco de España Categoría:Políticos da Unión Liberal Categoría:Políticos do Partido Liberal (España) Categoría:Políticos do Partido Conservador (España) Categoría:Nados en 1813 Categoría:Finados en 1896 Categoría:Nados en Cádiz Categoría:Ministros de España Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados Categoría:Senadores de España