miniatura|220px|Dmitrii Shostakovich en 1950. A estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado tivo lugar o 9 de agosto de 1942 durante a segunda guerra mundial, mentres a cidade de Leningrado (actual San Petersburgo) era sitiada polas forzas da Alemaña nazi.

Dmitrii Shostakovich tiña a intención de que a obra fora estreada pola Orquestra Filharmónica de Leningrado, mais a causa do sitio esta foi evacuada da cidade, así como o propio compositor. A estrea mundial da sinfonía tivo lugar en Kuibyshev coa Orquestra do Teatro Bolshoi. A estrea en Leningrado foi realizada polas persoas sobreviventes da Orquestra da Radio de Leningrado, con reforzos de músicos militares. A maioría das persoas que integraban a orquestra estaban famentas, o que dificultou os ensaios: desmaiábanse frecuentemente durante os ensaios, e tres morreron. A orquestra só foi capaz de tocar a sinfonía ata o final unha vez antes do concerto.

A pesar das pobres condicións das persoas que interpretaron a sinfonía e de moitas das que asistiron á estrea, o concerto foi un grande éxito, provocando unha ovación dunha hora de duración. O concerto foi apoiado por unha ofensiva militar soviética, cuxo nome en clave era ‘‘Borrasca’’, destinada a silenciar as forzas alemás durante a actuación. A sinfonía foi retransmitida ás liñas alemás por medio de altofalantes como xeito de guerra psicolóxica. A estrea en Leningrado foi considerada pola crítica musical como unha das interpretacións artísticas máis importantes da guerra polos seus efectos psicolóxicos e políticos. O director concluíu que "nese momento, triunfamos sobre a desalmada maquinaria de guerra nazi". En 1964 e 1992 leváronse a cabo concertos conmemorativos coa participación dos músicos sobreviventes.

Antecedentes miniatura|As persoas de Leningrado deixaban as súas casas destruídas logo dos bombardeos alemáns. O compositor soviético Dmitrii Shostakovich (1906–75) finalizou a súa Sinfonía n.º 7 o 27 de decembro de 1941 e adicoulla á súa Leningrado natal. Neses momentos a cidade estaba sitiada polas forzas da Alemaña nazi, o que provocou a morte de en torno a un terzo da poboación existente antes da guerra.

Shostakovich quería que a Orquestra Filharmónica de Leningrado estrease a sinfonía, mais a agrupación fora evacuada a Novosibirsk como parte do éxodo cultural levado a cabo polo goberno. No seu lugar, a estrea mundial realizouse en Kuibyshev o 5 de marzo de 1942, interpretada pola Orquestra do Teatro Bolshoi baixo a dirección de Samuil Samosud. A estrea en Moscova foi realizada por unha combinación das orquestras do Bolshoi e a Orquestra da Radio de Moscova o 29 de marzo no salón columnado da Casa dos Sindicatos.

A partitura da sinfonía microfilmada foi enviada a Teherán en abril para permitir a súa difusión en occidente. Recibiu a súa estrea radiofónica en Europa occidental o 22 de xuño, nunha retransmisión de Henry Wood e a Orquestra Filharmónica de Londres, e a súa estrea de concerto nun concerto dos ‘‘Proms’’ no Royal Albert Hall de Londres o 29 xuño. A estrea norteamericana foi retransmitida dende a cidade de Nova York o 19 de xullo de 1942 pola Orquestra Sinfónica da NBC baixo a dirección de Arturo Toscanini.

Preparación A Orquestra da Radio de Leningrado baixo a batuta de Karl Eliasberg era a única agrupación sinfónica que permanecía na cidade despois de que a Filharmónica fora evacuada. A última actuación da Orquestra da Radio tivera lugar o 14 de decembro de 1941 e a súa última retransmisión o 1 de xaneiro de 1942. Unha nota do plan de ensaios indica para o seguinte ensaio que "o ensaio non tivo lugar. Srabian está morto. Petrov está enfermo. Borishev está morto. A orquestra non está operativa".

O 2 de abril de 1942, Boris Zagorsky e Yasha Babushkin do departamento de artes da cidade de Leningrado anunciaron os preparativos para a interpretación da sinfonía. O paro nas retransmisións musicais chegou á súa fin rapidamente grazas a Andrei Zhdanov, un político soviético involucrado na defensa de Leningrado, para permitir os ensaios e proporcionar apoio moral á cidade. Realizar a sinfonía "converteuse nun asunto de orgullo cívico, mesmo militar". Segundo un membro da orquestra, "as autoridades de Leningrado buscaban darlle á xente algo de estimulación emocional para que se sentisen coidados". Considerouse un acto político importante polo seu valor potencial como propaganda.

Das 40 persoas que integraban orixinalmente a Orquestra da Radio de Leningrado, só 14 ou 15 vivían aínda na cidade; os outros morreran de fame ou foran loitar contra o inimigo. A sinfonía de Shostakovich requiría unha grande orquestra de 100 músicos, o que significa que o resto do persoal era moi insuficiente. Eliasberg, naquel tempo tratado de "distrofia", foi de porta en porta buscando aquelas persoas que se adicasen á música que non responderan á reestruturación da orquestra debido á fame ou á debilidade. "Meu Deus, que delgadas estaban moitas delas", lembraba un dos organizadores. "Como esas persoas se animaron cando comezamos a sacalas dos seus escuros apartamentos. Sacáronnos as bágoas cando sacaron as súas roupas de concerto, os seus violíns e violonchelos e frautas, e comezaron os ensaios baixo o xeado toldo do estudio". Un avión que transportaba subministracións para Kuybyshev transportou a partitura da sinfonía de 252 páxinas a Leningrado.

O primeiro ensaio, que tivo lugar en marzo de 1942, tiña unha duración de tres horas, mais tivo que parar logo de 15 minutos porque 30 das persoas que integraban a orquestra e que asistiron ao mesmo estaban demasiado febles para tocar os seus instrumentos. Frecuentemente sufrían esvaecementos durante os ensaios, especialmente as que tocaban instrumentos de vento metal. O propio Eliasberg tivo que ser arrastrado dos ensaios nunha zorra, e finalmente foi trasladado polos funcionarios comunistas a un apartamento próximo e entregáronlle unha bicicleta para o seu transporte. Os seus primeiros intentos na dirección foron como "un paxaro ferido con ás que van caer en calquera momento". Un informe de Babushkin sinalou que "o primeiro violín está morrendo, o timbaleiro morreu no seu camiño ao traballo, o trompa está ás portas da morte ...". As persoas que integraban a orquestra recibiron racións extra (doadas por civís entusiastas da música) nun esforzo por combater a fame, e ladrillos quentes foron empregados para irradiar calor; con todo, tres intérpretes morreron durante os ensaios. Carteis en toda a cidade solicitaban a toda persoa música que se puxese en contacto co Comité da Radio para a súa incorporación á orquestra. Tamén se retirou a intérpretes da fronte ou se re asignaron a bandas militares soviéticas co apoio do comandante da fronte de Leningrado, Leonid Govorov.

Ademais da Sétima sinfonía, a improvisada orquestra tamén ensaiou obras sinfónicas tradicionais de Beethoven, Chaikovskii e Rimskii-Korsakov. O 5 de abril tivo lugar un concerto de extractos de Chakovskii. Algunhas persoas na orquestra protestaron pola decisión de tocar a sinfonía de Shostakovich, non querendo gastar as súas poucas forzas nunha obra "intricada e non moi accesible". Eliasberg ameazou con rescindir as racións adicionais, reprimindo calquera disidencia. Durante os ensaios, Eliasberg foi criticado pola súa actitude dura: integrantes que faltaban aos ensaios, chegaban tarde, ou non tocaban segundo as expectativas perderon as súas racións. Un membro da orquestra perdeu as súas racións por asistir ao enterro da súa muller e chegar tarde ao ensaio. Aínda que algunhas fontes suxiren que foi contratado un equipo de copistas, de acordo con outras fontes foron as propias persoas da orquestra os que tiveron que copiar as súas partes individuais a man dende a partitura.

Os ensaios leváronse a cabo seis días á semana no Teatro Pushkin, frecuentemente dende as 10 a.m. ata a 1 p.m. Con todo, estes eran interrompidos frecuentemente polas sirenas de ataque aéreo, e algunhas das persoas que integraban a orquestra foron requiridas para realizar tarefas antiaéreas ou de loita contra os incendios. Para permitirlles asistir aos ensaios, concedéronselles tarxetas de identificación orquestral para amosar nos puntos de control. As persoas que formaban parte da orquestra militar (e algunhas tropas ordinarias) foron enviadas aos ensaios para reforzar a orquestra. Os ensaios trasladáronse á sala da Filharmónica en xuño, e a finais de xullo aumentaron a 5-6 horas diarias. Os instrumentos estaban en malas condicións e había poucos reparadores dispoñibles; a un oboísta pedíuselle un gato a cambio dunha reparación, xa que o reparador famento xa comera varios.

A orquestra tocou a sinfonía completa só unha vez antes da estrea, nun ensaio xeral o 6 de agosto.

Interpretación upright|miniatura|O escenario moderno do Gran Salón da Filharmónica onde se celebrou o concerto. O concerto tivo lugar no Gran Salón da Filharmónica o 9 de agosto de 1942. Este fora o día que Hitler designara previamente para celebrar a caída da cidade cun luxoso banquete no Hotel Astoria de Leningrado. A interpretación estivo precedida por un discurso pregravado de Eliasberg, emitido ás 6 p.m.:

O tenente xeneral Govorov ordenou un bombardeo das posicións da artillaría alemá antes do concerto nunha operación especial, co nome en clave de "Borrasca". O persoal da intelixencia soviética localizara as baterías alemás e postos de observación unhas semanas antes, en preparación para o ataque. Tres mil proxectís de alto calibre foron lanzados sobre o inimigo. O propósito da operación era impedir que as tropas alemás apuntasen á sala de concertos e asegurarse de que estivese o suficientemente tranquila para escoitar a música polos altofalantes que ordenara colocar. Tamén animou os soldados soviéticos a escoitar o concerto a través da radio. O musicólogo Andrei Krukov máis tarde eloxiou as accións de Govorov como xeito de proporcionar un "incentivo" para o concerto, engadindo que a súa decisión de permitir que os soldados participasen foi "unha decisión absolutamente excepcional". O propio Govorov posteriormente comentoulle a Eliasberg que "tocamos o noso instrumento na sinfonía, tamén, xa sabes", en referencia ao fogo de artillaría. A contribución militar no asunto non foi amplamente coñecida ata despois do final da guerra.

Houbo unha grande audiencia no concerto, que incluía líderes do partido, persoal militar, e civís. As persoas de Leningrado que non collían na sala de concertos reuníronse arredor das fiestras abertas e altofalantes. No escenario, as persoas que integraban a orquestra estaban "vestidos como repolos" con varias capas para evitar os estremecementos inducidos pola indixencia. Pouco antes do inicio do concerto, as luces eléctricas sobre o escenario acendéronse por primeira vez dende que comezaran os ensaios. Cando a sala de concertos quedou en silencio, Eliasberg comezou a dirixir. A actuación foi dunha pobre calidade artística, mais salientou polas emocións desatadas na audiencia e polo seu final: cando algúns músicos "desfaleceron" debido ao esgotamento, a audiencia levantouse "nun xesto notable, espontáneo ... animándoos a seguir adiante".

A interpretación recibiu unha ovación en pé que durou unha hora, e Eliasberg recibiu un ramo simbólico de flores de Leningrado de mans dunha nena. Moitas persoas da audiencia estaban chorando debido ao impacto emocional do concerto, que foi visto como unha "biografía musical do sufrimento de Leningrado". As persoas que integraron a orquestra foron invitados a un banquete polos funcionarios do partido para celebralo.