miniatura|Rufino de Aquileia segundo Frederik Bloemaert (ca. 1614-1690) Tiranio Rufino de Aquileia (en latín, Tyrannius Rufinus Aquileiensis) nado en 345 na cidade de Concordia Sagittaria, na rexión italiana do Véneto, xunto á cidade de Aquileia, e finado en Mesina, Sicilia, en 411, foi un escritor e exéxeta cristián da antigüidade.Mark Vessey, 'Jerome and Rufinus', in Frances Young, Lewis Ayres and Andrew Louth, eds, The Cambridge History of Early Christian Literature, (2010), p327

Traxectoria

Estudos Estudou en Roma, onde coñeceu a San Xerome. Marchou despois a Aquileia para ser bautizado en 370, despois de recibir instrución cristiá do máis tarde bispo Cromacio e do diácono Eusebio. Acompañou a Exipto a nobre romana Melania, onde visitou os monxes do deserto de Nitria (Palestina). En Alexandría, frecuentou as clases de Dídimo o Cego, quen o afeccionou a Oríxenes, e coñeceu a Teófilo, futuro patriarca de Alexandría. En 380, atopou a Melania en Xerusalén e ingresou no mosteiro do Monte das Oliveiras. Xoán II de Xerusalén ordenouno sacerdote en 390.

Por eses anos, San Xerome fixara a súa residencia en Belén. En 397 tivo lugar o primeiro incidente entre Rufino e San Xerome: Epifanio, bispo de Salamina (Chipre), foi a Xerusalén para refutar o orixenismo contra Xoán de Xerusalén; apoiado por Rufino, Epifanio atopou axuda en san Xerome. O que san Xerome aprobara sempre era a Oríxenes exégeta, non dogmático.

Actividades en Occidente Rufino volve a Occidente e na coresma de 398 publica a súa tradución do De principiis, de Oríxenes, e a da apoloxía de Oríxenes feita por Pánfilo. Na primeira, non dubidou en presentar a Xerome como seguidor e admirador do alexandrino. San Xerome apresurouse a publicar unha nova tradución do De principiis que, de xeito diferente á de Rufino, conservaba literalmente as pasaxes do orixinal, que non deixaban de causar escándalo en Roma. O papa Anastasio (398-401) pediu contas a Rufino sobre o apoio que lle prestaba á doutrina de Oríxenes, para o que lle enviou Rufino a súa obra Apología ad Anastasium Romanae urbis episcopum. Rufino marchou entón a Aquileia con ocasión da morte da súa nai. Dirixiuse logo a Roma e, en compaña de Melania e outros familiares, foron a Pineto e logo a Sicilia.

Obra miniatura|Apologia in Hieronymum As súas obras conservadas abranguen cinco traballos principais e outros menores, como apoio a outros escritores: De benedictionibus Patriarcharum, na que demostra predilección pola exexese orixenista (PL 21,293336). Commentarium in Symbolum Apostolorum, na que aparece por vez primeira o Símbolo Apostólico en latín.Ver o texto completo traducido aquí. (En inglés) Apologia in Hieronymum, na que explica a súa propia posición e bota en cara a Xerome o seu interese apaixonado polos clásicos. Apologia ad Anastasium, onde defende a súa ortodoxia, posta en dúbida.Ver o texto completo traducido aquí. (En inglés) Escribiu tamén De adulteratione librorum Originis e dous libros como continuación da Historia de Eusebio (cara a 325-395). As súas cartas perdéronse. A actividade literaria de Rufino aparece, sobre todo, na súa modalidade de tradutor; de Oríxenes traduciu, ademais do De principiis, dezasete homilías sobre a Xénese, trece sobre o Éxodo, dezaseis sobre o Levítico, vinte e oito sobre os Números, vinte e seis sobre Xosué, nove sobre Xuíces e nove sobre o libro dos Salmos 36-38; traduciu o prólogo, tres libros e parte do cuarto do Comentario sobre Cantar dos cantares e dez libros do Comentario á epístola aos Romanos. De San Basilio traduciu as Regras e nove homilías; nove tamén de Gregorio Nacianceno; o diálogo de Adamancio; as Recognitiones Clementinae, cuxo texto orixinal se perdeu; a Historia Eclesiástica de Eusebio, que non só traduciu senón que estendeu a narración ata o ano 395; as sentenzas de Sexto, que abranguen 451 proverbios; e, finalmente, a Historia Monachorum.Cf. Altaner (1992:220).

Legado Malia ser desacreditado, non de todo inxustamente por parte de Xerome, é acertado afirmar que boa parte da obra de Oríxenes e doutros autores se conservou grazas ao traballo de Rufino. Por outra banda, a obra de Rufino é de enorme importancia para o estudo da historia do monaquismo. No entanto, existen razóns máis que fundadas para dubidar dun bo número dos acontecementos narrados por Rufino.

A Rufino como tradutor considéraselle inseguro; ás veces omite cousas, outras engádeas e mesmo modifica textos. O desexo principal de Rufino coa súa actividade de tradutor non é o de espertar a admiración ou o aplauso dos seus lectores, senón o de contribuír ao seu progreso espiritual. É por isto que, máis alá dalgunhas traducións orixenianas que debatían importantes cuestións dogmáticas, que lle causarían involucrarse na controversia antiorixenista, Rufino dedicouse á tradución de obras de contido moral. El mesmo, para entender un pouco o seu pensamento e a súa intención, nos prólogos afirma claramente que unha lectura privada de problemas dogmáticos e rica de ensinanzas de tipo moral é a máis apta para difundir a doutrina cristiá.

Coas súas traducións, Rufino non soamente ofreceu ao mundo occidental unha importante contribución para a formación cristiá e para o desenvolvemento dos intereses ascéticos dos seus contemporáneos, senón que tamén inflíu na cultura e na teoloxía medievais.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Altaner, B. Patrología. 5ª ed. Madrid 1962. Páxinas 653 e seguintes. (En castelán) Murphy, F. "Sources of the Moral Teaching ol Rulinus of Aquileia". En Studia Patristica. VI. Páxinas 147 a 154. (En inglés) Simonetti, M. "Osservazioni sul De benedictionibus patriarcharum dei R. d'Aquileia", en Ri. Cult. CM. 4 (1962). Páxinas 3 a 14. (En italiano) Autin, P. "Rulin et Pélage dans Jérôme. Prologue 1: in Jeremiam". En Latomus 22 (1963). Páxinas 792 a 794. (En francés) Romanink, K. "Une controverse entre S. Jérôme et Rulin d'A. à propos de l'épître de S. P. aux Éphésiens". En Aegyptus. 43 (1963). Páxinas 84 a 106. (En francés) Festugière, A. J. "Sur une édition de l'Historia Monachorum". En Revue Archéologique. I. París, 1963. Páxinas 210 a 215. (En francés)

Ligazóns externas "Tyrannius Rufinus" en Encyclopaedia Britannica. (En inglés) Obras completas en latín. (En latín)

Categoría:Escritores de literatura cristiá Categoría:Padres da Igrexa Categoría:Sacerdotes católicos de Italia Categoría:Teólogos cristiáns Categoría:Tradutores ao latín Categoría:Tradutores do grego