A gaivota pequena (Hydrocoloeus minutus) é unha ave pertencente á familia dos láridos.
Características Cría en colonias pequenas próximas a cursos de auga doce. Aliméntase na superficie da auga ou caza pequenos insectos voando. O niño adoita localizarse entre a vexetación. É unha gaivota moi pequena, que se move con movementos rápidos. En voo pódese chegar a confundir cun carrán. Os individuos tardan tres anos en acadar a plumaxe de adulto. Esta plumaxe caracterízase sobre todo pola cabeza, peteiro e ollo completamente negros.
Distribución e migracións Cría no norte de Rusia, na Siberia Occidental, Finlandia e puntos illados de Escandinavia e dos países do Báltico. Tamén cría en puntos illados do mar Negro e do mar de Azov. Recentemente tense documentado a cría na provincia canadense de Ontario. Os individuos do Báltico adoitan migrar en xullo, desprazándose por todo o mar do Norte e a canle da Mancha. Estas aves invernan por toda a costa atlántica de Europa Occidental e chegan ata o golfo de Guinea. As aves do leste de Europa e Rusia migran cara ó sur e invernan en África. Existe unha terceira tendencia migratoria, de menor importancia, de aves que se desprazan polos ríos da Europa Central, invernando nas costas do Mediterráneo Occidental e Central, tanto nas ribeiras europeas coma nas africanas. Na primavera prodúcese a migración contraria que adoita ocorrer entre os meses de marzo e maio.
En Galicia É unha ave escasa e de distribución irregular. Máis frecuente na migración invernal, con citas entre os meses de novembro e xaneiro. A migración primaveral é aínda máis escasa, con citas históricas entre os meses de marzo e maio. As citas limítanse ás provincias de Coruña e Pontevedra, téndose localizado en portos pesqueiros e lagoas costeiras.
Notas
Categoría:Láridos Categoría:Aves de Eurasia