A execución da familia imperial rusa, pertencente á dinastía Romanov, tivo lugar en Ekaterimburgo a noite entre o 16 e 17 de xullo de 1918. O tsar Nicolao II, a súa esposa a tsarina Alexandra e os seus cinco fillos (Olga, Tatiana, María, Anastasia e Aleksei) foron fusilados xunto a un grupo de axudantes que decidiron acompañalos no seu exilio, entre os que destacan Eugene Botkin, Anna Demidova, Aleksei Trupp e Ivan Kharitonov. O fusilamento foi executado por un grupo de bolxeviques dirixidos por Iakov Iurovski baixo as ordes do Soviet Rexional dos Urais.

O lugar no que se agocharon os corpos foi descuberto en 1979 polo detective Aleksandr Avdonin, pero o achado dos restos non se publicou ata 1989, durante o período da glasnost.

A identidade dos restos quedou confirmada mediante unhas investigacións forenses e do ADN, tralas cales os restos foron enterrados na fortaleza de San Pedro e San Paulo de San Petersburgo en 1998, 80 anos despois da súa execución, nun funeral ao que non asistiron importantes membros da igrexa ortodoxa rusa, que se mostraban receosos de recoñecer a autenticidade dos restos. En 2007 descubriuse un segundo enterramento, máis pequeno, que contiña os restos dos dous nenos Romanov que faltaban no enterramento principal. Porén, os restos atopados nesta segunda tumba están gardados nun depósito estatal á espera de que se realicen novas análises xenealóxicas. En 2008, tras un considerable e prolongado litixio, o Fiscal Xeral de Rusia rehabilitou a familia Romanov como "vítimas da represión política". En 1993 o goberno pos-soviético abriu un litixio criminal, mais ninguén foi acusado en base a que os executores estaban xa mortos.

Algúns historiadores atribúen a orde ao Goberno de Moscova, especificamente a Iakov Sverdlov e Vladimir Lenin, quen desexaban previr o rescate da familia real pola Lexión checoslovaca, que se aproximaba á zona na súa loita fronte aos bolxeviques no seo do Exército Branco no transcurso da guerra civil rusa. Tal afirmación apóiase nunha pasaxe do diario de Lev Trotski. Porén, nunhas investigacións recentes efectuadas por Vladimir Soloviov afírmase que non existe documento algún que sinale a Lenin ou Sverdlov como responsables. Lenin tiña un gran control sobre o destino dos Romanov e asegurouse de que o seu nome non fose asociado co seu destino en ningún documento oficial. O presidente Boris Eltsin describiu a execución como un dos episodios máis vergoñosos da historia de Rusia.

En setembro de 2015 o Comité de Investigacións de Rusia reabriu as investigacións sobre a execución da familia imperial.

Contexto Abdicación e traslado a Tobolsk miniatura|dereita|Localización dos principais lugares dos últimos días dos Romanov, que estiveron retidos en Tobolsk antes de ser enviados a Ekaterimburgo para a súa execución. miniatura|dereita|Nicolao e Aleksei cortando leña durante a estancia en Tobolsk. miniatura|Distribución das habitacións ocupadas pola familia Romanov durante a súa estancia en Tobolsk.

O , Nicolao II, desposuído xa como monarca, foi trasladado ao Palacio de Alexandre en Tsarskoe Selo, onde as novas autoridades estaban a reunir a antiga familia imperial. O goberno provisional ruso confinouno xunto á súa familia baixo arresto domiciliario. Rodeados por gardas e recluídos nas súas habitacións, os Romanov foron inspeccionados na primeira noite con Nicolao de volta nas dependencias de palacio.

En agosto de 1917, o presidente do goberno provisional ruso, Aleksandr Kerenskii, evacuou os Romanov a Tobolsk, presuntamente para protexelos da crecente onda revolucionaria. Alí establecéronse na antiga mansión do gobernador con considerables comodidades. A familia dispoñía de tres estancias no primeiro piso: unha para o tsar e a tsarina, outra para as catro grandes duquesas e outra máis grande para Aleksei, quen a compartía co mariñeiro Nagornii. Tamén podían facer uso dunha gran sala de estar así como dun pequeno salón e dun despacho para o tsar. Xunto a eles permaneceron Pierre Gilliard, Anna Demidova, Tutelberg e Chemodurov, Tegleva e Erzberg, ocupando as estancias do piso inferior. O resto do séquito foi aloxado nun apartamento que foi requisado xusto diante da mansión do gobernador. Tralo ascenso ao poder dos bolxeviques en outubro de 1917 logo da Revolución de Outubro, endurecéronse as condicións do seu arresto e as discusións sobre un hipotético xuízo a Nicolao volvéronse cada vez máis frecuentes. O historiador Latishev escribiu sobre a idea de que o xuízo a Nicolao II tiña o apoio de Trotski, mais Lenin mostraba dúbidas sobre a perda de tempo nese proceso. Segundo as testemuñas do comisario de xustiza Steinberg, a cuestión foi posposta indefinidamente.

A vida da antiga familia imperial na cidade foi monótona, consistía en xornadas nas que se limitaban a dar un pequeno paseo matutino polo terreo cercado da casa, a cortar madeira para o lume, cultivar unha pequena horta e criar unha granxa de porcos e pavos. Pola tarde adoitaban ler e nalgunhas ocasións os nenos representaban obras teatrais que preparaban coa axuda do profesor Gilliard. Os diarios da familia dan conta da monotonía dos días:

Segundo o historiador V. M. Khrustalev, na primavera de 1918, os líderes bolxeviques desenvolveron un plan para reunir todos os membros da dinastía Romanov nos Urais, onde quedarían retidos a unha distancia considerable dos perigos externos preto do Imperio alemán e a Entente, e por outra banda, os bolxeviques tiñan fortes posicións políticas que os axudaban a manter a familia baixo o seu control. O 1 de marzo de 1918, a familia comezou a ser alimentada con racións de soldado, o que significou a marcha de dez dos seus serventes e ter que prescindir de manteiga e café.

Traslado a Ekaterimburgo O 1 de abril de 1918, o Comité Executivo Central de Todas as Rusias (VTsIK) decidiu trasladar a familia imperial a Moscova. Pola contra, as autoridades do Soviet dos Urais propuxeron transferilos a Ekaterimburgo. Talvez como resultado do enfrontamento entre Moscova e os Urais, o VTsIK tomou unha nova decisión o 6 de abril de 1918, segundo a cal todos os arrestados serían enviados a Ekaterimburgo. Finalmente, as decisións do VTsIK reducíronse ás ordes para a preparación dun xuízo aberto a Nicolao II e o traslado da familia. A organización do traslado confiouse a Vasilii Iakolev, o enviado especial do Comité, a quen Sverdlov coñecera ben no traballo revolucionario durante a primeira revolución rusa.

Vasili Iakovlev liderou a misión secreta que levaría a familia imperial a Ekaterimburgo, co propósito de trasladalos posteriormente a Moscova. Debido á enfermidade de Aleksei, os gardas decidiron deixar os nenos, coa excepción de María, en Tobolsk, coa intención de reunilos máis adiante.

miniatura|dereita|Entrega da familia ao Soviet dos Urais. Pintura de V. N. Pchelin (1927).

Nicolao, Alexandra e María abandonaron Tobolsk o 26 de abril de 1918 cunha escolta e chegaron a Tiumen ao día seguinte. O 30 de abril o tren chegou a Ekaterimburgo, onde Iakolev deixou a familia baixo o mando do representante do Soviet dos Urais, Beloborodov. Xunto á familia estaban o príncipe Dolgorukov, o médico Sergeii Botkin, a asistenta Ana Demidova, o mordomo de Nicolao Chementii Demodurov e o mariñeiro Ivan Sednev.

Hai evidencias de que durante o traxecto de Nicolao II desde Tobolsk ata Ekaterimburgo, o líder do Soviet rexional dos Urais tratou de asasinalo. Beloborodov escribiu máis adiante nas súas memorias inacabadas:

O resto dos membros da familia, Aleksei, Olga, Tatiana e Anastasia, saíron cara a Ekaterimburgo o 20 de maio, onde chegaron tres días máis tarde xunto a un grupo de axudantes e oficiais do séquito, dos cales só A. E. Company, I. M. Kharitonov, o sobriño de I. D. Sednev, Leonid Sednev e o coidador de Aleksei, Klementii Nagornii foron acollidos na casa Ipatiev. Os profesores dos nenos, Pierre Gilliard e Charles Sydney Gibbes, así como as damas de compañía, tiveron que quedar na estación de ferrocarril e non puideron acompañar a familia. Os dous mestres permaneceron na cidade e a miúdo paseaban preto da casa Ipatiev.

Os Romanov atopábanse baixo custodia do Exército Vermello en Ekaterimburgo. A guerra civil continuaba e o Exército Branco (unha ampla alianza de forzas anticomunistas) ameazaba con tomar a cidade, polo que creceu o medo a que os Romanov caesen en mans dos brancos. Tal posibilidade constituía algo inaceptable para os bolxeviques por dous motivos: en primeiro lugar, o tsar ou calquera membro da súa familia podían converterse nun símbolo da loita branca e solicitar máis apoios para a mesma; en segundo lugar, as nacións europeas podían considerar lexítimos dirixentes de Rusia o tsar ou calquera outro membro da súa familia se o tsar morría. Isto traduciuse nunha maior capacidade de negociación en favor dos brancos para obter apoio estranxeiro. Pouco despois da execución da familia imperial, a cidade caeu en mans do Exército Branco.

A mediados de xullo de 1918, as forzas da Lexión Checoslovaca aproximáronse a Ekaterimburgo para protexer o ferrocarril Transiberiano, do que tiñan control. Segundo o historiador David Bullock, os bolxeviques crían erroneamente que os checoslovacos tiñan a misión de rescatar os Romanov, polo que rendeu o pánico e executáronos. A Lexión chegou á cidade menos dunha semana despois e fíxose co seu control.

Catividade en Ekaterimburgo

A familia imperial mantívose nun estrito illamento na casa Ipatiev. Tiñan prohibido falar noutra lingua que non fose o ruso. Non tiñan acceso á súa equipaxe, que foi almacenada nun pequeno cuarto no patio da casa. Tamén foron confiscadas as súas cámaras Kodak Brownie e o equipo fotográfico. Pola súa banda o persoal do servizo recibiu a orde de referirse á familia polos seus nomes de pía e o patronímico. Durante a estancia na casa a familia foi sometida a varios rexistros das súas pertenzas e foi confiscado o diñeiro que levaban para "ser custodiado polo tesoureiro Soviet Rexional dos Urais".

A casa estaba rodeada por un valo de 4 metros que impedía ver o interior da casa desde as rúas. O valo orixinal pechaba o xardín pola rúa Voznesenskii, e máis tarde, o 5 de xuño, construíuse un segundo, máis alto e longo que o primeiro, que pechou por completo o perímetro da propiedade. Unha das razóns para que se levantase este segundo valo foi o descubrimento de que a xente podía ver desde o exterior as pernas de Nicolao cando este usaba o bambán do xardín.

miniatura|A casa Ipatiev, co valo que se levantou xusto antes da chegada de Nicolao, Alexandra, e María o 30 de abril de 1918. Na parte superior esquerda da casa había un ático onde se colocou unha metralladora Maxim. Xusto debaixo estaba o dormitorio dos antigos emperadores.

Seláronse as ventás de tódalas estancias que ocupou a familia, inicialmente cubertas con follas de periódico e desde o 15 de maio os cristais foron encalados. A única fonte de ventilación da familia foi unha fortochka situada na habitación das grandes duquesas, e pola que tiñan completamente prohibido asomarse. Tras pedilo en varias ocasións, permitíronlles que unha das dúas ventás na habitación de Nicolao e Alexandra quedase deselada o 23 de xuño. Porén, os gardas recibiron a orde de incrementar a vixilancia na familia e os prisioneiros recibiron a orde de non mirar pola ventá ou intentar facer sinais a ninguén no exterior, baixo risco de recibir un disparo. Desde esta ventá, a familia podía ver tan só o chapitel da catedral de Voznesenskii. O 11 de xullo instalouse un enreixado debido a que Alexandra ignorou en repetidas ocasións as advertencias de Iurovski de non permanecer moi cerca da ventá cando esta estivese aberta.

As cartas falsas