Pioneer 5 foi unha misión espacial lanzada o 11 de marzo de 1960 mediante un foguete Thor-Able desde a base espacial de Cabo Cañaveral para estudar o espazo interplanetario entre a Terra e Venus.

Características Orixinalmente Pioneer 5 planificouse como unha sonda para sobrevoar Venus, pero debido a atrasos no programa lanzouse como unha sonda heliocéntrica.

Nave

Pioneer 5 estabilizábase mediante xiro e foi enviada a estudar o espazo entre as órbitas da Terra e Venus, en particular o campo magnético, as partículas provenientes das erupcións solares e a ionización desa zona. A nave era capaz de enviar datos a unha velocidade de 1, 8 ou 64 bps segundo a súa distancia á Terra e o tamaño da antena receptora. Debido ao reducido tamaño dos paneis solares que alimentaban a sonda, non era posible enviar datos continuamente, polo que se programaban catro períodos por día de 25 minutos cada un para a transmisión de datos, con posibilidade de aumentar o tempo en momentos de especial interese. No tempo que durou a misión recolléronse 138,9 horas de datos, uns 3 Mbit en total, a maior parte dos cales recibíronse nas estacións de Manchester e Hawai. Pioneer 5 deixou de operar de maneira útil o 30 de abril de 1960 pero a súa última transmisión recibiuse desde unha distancia por entón récord de 22,5 millóns de km, 106 días despois do seu lanzamento.

Instrumentos Pioneer 5 levaba catro instrumentos a bordo:

Un telescopio contador proporcional omnidireccional de tripla coincidencia para detectar partículas solares e estudar a radiación terrestre, podendo detectar fotóns con enerxías superiores a 75 MeV e electróns a máis de 13 MeV. Un magnetómetro rotatorio para medir o campo magnético tanto da Terra como do espazo interplanetario no rango entre 1 microgauss e 12 miligauss. Unha cámara de ionización e un tubo Geiger-Müller para estudar os raios cósmicos. Un detector de micrometeoritos consistente en dous diafrgmas acoplados a dous micrófonos.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Thor Able

Categoría:Satélites artificiais