O factor de crecemento transformante beta 1 (TGF-β1) é un polipéptido membro da superfamilia do TGF beta de citocinas. É unha proteína segregada que realiza moitas funcións celulares, como o control do crecemento celular, proliferación celular, diferenciación celular e apoptose. En humanos, o TGF-β1 stá codificado polo xene TGFB1 do cromosoma 19.
Función O TGF-β é un conxunto multifuncional de peptidos que controla a proliferación e diferenciación celular, e outras funcións en moitos tipos celulares. O TGF-β actúa sinérxicamente co TGF alfa ao inducir a transformación tumoral de células. Tamén actúa como factor de crecemento autócrino. A desregulación da activación de TGF-β e a sinalización pode ter como resultado a apoptose. O TGF-β sintetízase en moitas células e todas teñen receptores específicos para este péptido. As isoformas TGF-β1, TGF-β2, e TGF-β3 funcionan todas utilizando os mesmos sistemas de sinalización por receptor.
O TGF-β1 foi identificado primeiro en plaquetas humanas como proteína cunha masa molecular de 25 kDa cun uso potencial na curación de feridas. Posteriormente determinouse que se sintetizaba como unha gran proteína precursora (que contén 390 aminoácidos) que é despois procesada proteoliticamente para producir un péptido maduro de 112 aminoácidos.
O TGF-β1 xoga un importante papel no control do sistema inmunitario, e presenta distintas actividades en distintos tipos de células, ou en células que están en distintos estados de desenvolvemento. A maioría das células inmunitarias (ou leucocitos) segregan TGF-β1.
Células T
Algunhas células T (por exemplo as células T reguladoras) liberan TGF-β1 para inhibir as accións doutras células T. A proliferación celular procedente da interleucina 1 e interleucina 2 de células T activadas, e a activación de células T colaboladoras quiescentes e T citotóxicas impídese pola actividade do TGF-β1. De xeito similar, o TGF-β1 pode inhibir a secreción e actividade de moitas outras citocinas, como o interferón-γ, factor de necrose tumoral-alfa (TNF-α) e varias interleucinas. Pode tamén diminuír os niveis de expresión de receptores de citocinas, como o receptor de IL-2 para regular á baixa a actividade das células inmunitarias. Porén, o TGF-β1 pode tamén incrementar a expresión de certas citocinas en células T e promove a súa proliferación, especialmente se as células son inmaturas.
Células B
O TGF-β1 ten efectos similares sobre as células B que tamén varían segundo o estado de diferenciación celular. Inhibe a proliferación e estimula a apoptose de células B, e xoga un papel no control da expresión de anticorpos, transferrina e proteínas MHC de clase II en células B maduras e inmaturas.
Células mieloides
Os efectos de TGF-β1 sobre os macrófagos e monocitos son predominantemente supresores; esta citocina pode inhibir a proliferación de ditas células e impedir a súa produción de especies reactivas do oxíxeno (por exemplo superóxidos (O2−)) e de intermediarios do nitróxeno (por exemplo óxido nítrico (NO)). Porén, igual que noutros tipos celulares, o TGF-β1 pode tamén ter o efecto oposto sobre as células de orixe mieloide. Por exemplo, o TGF-β1 actúa como quimioatractor, dirixindo unha resposta inmunitaria a algúns patóxenos; os macrófagos e monocitos responden a baixos niveis de TGF-β1 de modo quimiotáctico. Ademais, a expresión de citocinas monocíticas (como a interleucina 1 (IL-1)-alfa, IL-1-beta, e o TNF-α), e a morte por fagocitose causada por macrófagos pode incrementarse pola acción do TGF-β1.
Interaccións
O TGF-β1 presenta interaccións con:
Decorina, EIF3I LTBP1, Receptor de TGF beta 1, e YWHAE.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Factor de crecemento transformante beta Receptores de TGF beta
Bibliografía
Categoría:Factores de crecemento