O factor de crecemento transformante ou TGF (do inglés Transforming Growth Factor), ás veces denominado factor de crecemento tumoral, é o nome que se lle dá a dous factores de crecemento polipeptídicos: TGFα e TGFβ.

En realidade, o nome "factor de crecemento transformante" é un pouco arbitrario, xa que as dúas clases de TGFs non están relacionados nin estrutural nin xeneticamente entre elas, e actúan a través de distintos mecanismos receptores. Ademais, non sempre inducen a transformación celular, como parece suxerir o seu nome, e non son os únicos factores de crecemento que poden inducir a transformación celular.

Tipos TGFα. Nalgúns cancros humanos está regulado á alza. Prodúcese nos macrófagos, células do cerebro, e queratinocitos, e induce o desenvolvemento epitelial. TGFβ. Nos humanos coñécense tres subtipos deste factor chamados TGFβ1, TGFβ2, e TGFβ3. Están regulados á alza na síndrome de Marfan e nalgúns cancros humanos, e xogan papeis fundamentais na rexeneración de tecidos, diferenciación celular, desenvolvemento embrionario, e regulación do sistema inmunitario. As isoformas como o TGFβ1 crese que están tamén implicadas na patoxénese da pre-eclampsia. Os receptores de TGFβ son receptores de serina/treonina quinases dun só paso.

Función Estas proteínas foron caracterizadas orixinalmente pola súa capacidade de inducir a transformación oncoxénica nun sistema de cultivo celular específico, os cultivos de fibroblastos de ril de rata. A aplicación de TGFs a fibroblastos de ril de rata normais induce que as células cultivadas proliferen e experimenten un sobrecrecemento, que xa deixa de estar suxeito á inhibición normal causada polo contacto entre células.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Tumor growth factor (TGF) citations

Categoría:Factores de crecemento Categoría:Transdución de sinais