Eraserhead é un filme surrealista de body horror estadounidense escrito e dirixido por David Lynch en 1977. Filmado en branco e negro, Eraserhead é a primeira longametraxe de Lynch, que chegou despois de varias curtametraxes. O filme foi producido coa axuda do American Film Institute (AFI) durante o tempo de estudo que estivo alí o director. Protagonizada por Jack Nance, Charlotte Stewart, Jeanne Bates, Judith Anna Roberts, Laurel Near, e Jack Fisk, conta a historia de Henry Spencer (Nance), encargado de coidar ao seu fillo terribelmente deforme nunha desolada paisaxe industrial.

O filme tardou seis anos en ser gravado debido a que ninguén se interesou no proxecto, mais as doazóns de Fisk e a súa muller Sissy Spacek mantiveron o financiamento da produción. O filme foi rodado en diversas localizacións propiedade do AFI en California, incluíndo Greystone Mansion e un conxunto de cortes onde Lynch viviu durante un tempo. Lynch e mailo deseñador de son Alan Splet pasaron un ano traballando no son do filme despois da insonorización do estudio. A banda sonora de Eraserhead conta con música de órgano por Fats Waller e inclúe a canción "In Heaven", escrita para o filme por Peter Ivers.

Inicialmente cunha reducida apertura ao público e con pouco interese, Eraserhead gañou popularidade durante a súa emisión como un filme de media noite. Dende o seu lanzamento recibiu críticas positivas. A imaxinaría surrealista e as correntes subterráneas sexuais considéranse elementos temáticos clave, e o deseño de son intricado considérase o seu mellor punto técnico. As análises temáticas do filme tamén salientan estas cuestións elaborando sobre o fatalismo e inactividade de Spencer. No 2004 a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos preservou o filme no National Film Registry pola súa relevancia "cultural, histórica ou esteticamente significativa".

Sinopse O Home no Planeta (Jack Fisk) tira dunhas pancas no seu fogar no espazo, mentres que a cabeza de Henry Spencer (Jack Nance) flota no ceo. Unha criatura xigante con forma de espermatozoide emerxe da boca de Spencer, flotando no baleiro. O Home no Planeta semella controlar a criatura coas súas pancas, deixándoa caer eventualmente nunha poza de auga.

Nunha paisaxe urbana industrial, Spencer camiña cara a súa casa coa súa compra. A Rapaza Fermosa Doutro Lado do Andar (Judith Anna Roberts) párao xusto fóra do seu apartamento, informándolle que a moza deste, Mary X (Charlotte Stewart), invitouno a cenar coa súa familia. Spencer deixa a súa compra no seu apartamento, que está cheo de montes de lixo e vexetación morta. Esa noite Spencer visita a casa de Mary X e ten unha conversa incómoda coa nai dela (Jeanne Bates). Durante a cena pídenlle que corte un polo que "fixo" o falador pai de Mary X, Bill (Allen Joseph). O animal retórcese no prato e sáelle sangue a chorros. Trala cea, a nai de Mary X arrodea nunha esquina a Spencer e trata de bicalo, dicíndolle que Mary X tivo ó seu fillo e que os dous deben casar. Mary X pola súa parte non está segura de se o que tivo é realmente un neno.

A parella trasládase ó apartamento dunha habitación de Spencer e comeza a coidar do neno—unha masa toda envolta en vendas cunha cara inhumana que semella unha serpe, cun parecido á criatura con forma de espermatozoide. O neno rexeita a comida que lle dan, chorando de forma incesante. O seu son provoca que Mary X se volva histérica, polo que marcha e deixa a Spencer co neno. Spencer tenta coidar do neno, dándose conta de que ten dificultades para respirar e está cheo de úlceras dolorosas.

Spencer comeza a experimentar visións, volvendo a ver ó Home no Planeta, así como á Muller no Radiador (Laurel Near), que lle canta mentres machaca criaturas con forma de espermatozoide. Tras un encontro sexual coa Rapaza Fermosa Doutro Lado do Andar, Spencer ten unha visión na que unha criatura que se asemella ó neno decapítao, deixándolle un membro cicatrizado que se asemella á cara do neno. Pouco despois a cabeza de Spencer afúndese nunha poza de sangue e cae do ceo, aterrando nunha rúa. Un neno atópaa, levándoa a unha fábrica de lapis para transformala en gomas de borrar.

Spencer trata de atopar á Rapaza Fermosa Doutro Lado do Andar, pero atópaa xunto a outro home. Desolado, Spencer volve á súa habitación, onde o neno está a chorar. Colle unha tesoira e por primeira vez quítalle as vendas ó neno. Tras isto vese que o neno non ten pel, e as vendas mantiñan os órganos internos xuntos, espallándose no momento en que as corta. O neno emite un grito afogado de dor, e Spencer córtalle os órganos coa tesoira. Das feridas sae un líquido espeso que cobre ó neno. A electricidade na habitación sobrecárgase, e mentres as luces titilan o neno medra ata acadar unhas proporcións enormes. Cando se queiman as luces por completo, o Planeta está no lugar da cabeza do neno. Spencer aparece no medio dunha nube ondulada de restos de goma de borrar. Unha cara do planeta ráchase, e dentro del aparece o Home no Planeta manexando as pancas con dificultade, con chispas saíndo delas. A Muller no Radiador abraza a Spencer mentres unha luz branca e un ruído branco van aumentando en intensidade progresivamente ata que o filme remata de forma abrupta.

Produción Pre-produción Antes da produción do filme, o guionista e director David Lynch realizou estudos de arte, creando varias curtametraxes para animar as súas pinturas. Cara 1970 mudou a súa dedicación cara ó cinema, e ós 24 anos aceptou unha bolsa de estudos no Center for Advanced Film Studies da AFI. O curso non lle gustaba e Lynch chegou a considerar deixar o estudo, pero mudou de parecer cando lle ofreceron unha oportunidade de producir un guión propio. Déronlle permiso para usar o campus da escola como estudio de cine, e converteu as cortes sen uso da escola nunha serie de estudios, mudándose a vivir alí. A maiores usou Greystone Mansion, tamén propiedade da AFI, para moitas escenas.

Lynch tiña comezado un traballo nun guión titulado Gardenback, baseado nunha pintura súa dunha figura cunha chepa á que lle saía vexetación das costas. Gardenback era un guión surrealista sobre o adulterio, que incluía un insecto que medraba cada vez máis que representaba a luxuria dun home pola súa veciña. O guión tería sido un filme duns 45 minutos de duración, o que a AFI considerou que era demasiado para un guión tan figurativo e non lineal. No lugar deste primeiro guión, Lynch presentou Eraserhead, desenvolvido baseándose nun sono sobre a cabeza dun home levada por un neno a unha fábrica de lapis. Varios membros da xunta da AFI opuxéronse a producir unha obra tan surrealista, pero foron persuadidos cando o decano Frank Daniel ameazou coa súa renuncia se vetaban a súa produción. O guión de Lynch para Eraserhead estaba influenciado pola literatura da súa época de estudante, incluíndo obras como a novela de Franz Kafka de 1915 A metamorfose e a historia curta de Nikolai Gogol de 1836 "Нос".

O guión puido estar inspirado tamén no medo de Lynch á paternidade. A súa filla Jennifer nacera cunha condición "severa de pé equinovaro", requirindo cirurxía correctiva extensiva na súa infancia. Jennifer declararía posteriormente que a súa concepción non esperada e os seus defectos de nacemento foran a base da temática do filme. O ton do filme tamén se formou en base as experiencias de Lynch vividas nun barrio conflitivo de Filadelfia. Lynch e a súa familia pasaron cinco anos vivindo nun ambiente de "violencia, odio e sucidade". Os crimes na zona eran comúns, servindo de inspiración do fondo urbano de Eraserhead. Ó describir este período da súa vida Lynch afirmou: "Vin tantas cousas en Filadelfia que non podía crelas ... Vin unha muller adulta agarrarse os peitos e falar coma un bebé, queixándose de que lle doían as mamilas. Este tipo de cousas bótate cara atrás". O crítico de cine Greg Olson no seu libro David Lynch: Beautiful Dark argumenta de que este período foi un gran contraste coa infancia de Lynch no Pacífico Noroeste, dándolle ó director unha "visión bipolar ceo-inferno de América" que subsecuentemente deulle forma ós seus filmes.

A procura dos actores para o filme comezou en 1971, e Jack Nance foi seleccionado para o papel principal. Porén, os membros da AFI subestimaran a escala do proxecto, aprobando Eraserhead polo seu guión de 21 páxinas, asumindo que a proporción habitual dun minuto de filme por páxina reduciría a súa duración a uns 20 minutos aproximadamente. Este malentendido xunto a propia dirección meticulosa de Lynch provocaron que o filme permanecese en fase de produción durante varios anos. Nun exemplo extremo da súa intricada programación de rodaxe, unha das escenas do filme que comeza co personaxe de Nance abrindo unha porta, e ata un ano despois non se rodou a escena na que entra na habitación. Nance pola súa banda estaba moi implicado coa produción do filme, mantendo o peiteado pouco ortodoxo do seu personaxe durante todo o período de xestación da película.

Rodaxe Apoiada por doazóns regulares do amigo da infancia de Lynch Jack Fisk e a muller deste, Sissy Spacek, a produción do filme continuou durante varios anos. A muller de Nance Catherine E. Coulson puxo fondos adicionais, doando os ingresos conseguidos no seu traballo de camareira, e polo propio Lynch que traballou repartindo xornais mentres durou a produción principal da fotografía do filme. Nunha das abundantes pausas do rodaxe, Lynch conseguiu producir a curtametraxe The Amputee, aproveitando o desexo da AFI de probar novas producións de filmes antes de comprometerse con adquisicións maiores. Esta curta tiña a Coulson de protagonista, quen continuou traballando xunto a Lynch en tarefas técnicas para Eraserhead. O equipo de produción de Eraserhead era moi pequeno, composto polo propio Lynch; o deseñador de son Alan Splet; o cinematógrafo Herb Cardwell, que faleceu durante a produción e foi substituído por Frederick Elmes; a directora de produción e técnico de decorados Doreen Small; e Coulson, que desempeñou varios traballos durante a produción.

Os efectos especiais físicos empregados para crear o neno deformado mantivéronse en segredo. O operador que traballou nas gravacións non editadas do filme levaba os ollos tapados para evitar revelar a natureza do útil, e negouse a falar dos efectos empregados en entrevistas posteriores. O útil—ó que Nance alcumou "Spike"—tiña varias partes funcionais. O pescozo, ollos e boca podían operarse de forma independente. Lynch falou deste elemento de forma críptica en entrevistas posteriores, afirmando en ocasións que "nacera preto de alí" ou que "quizais fose algo que atoparan". John Patterson, do xornal The Guardian, especulou que este utensilio podería estar feito a partir dun coello ó que lle sacaran a pel ou a partir dun feto de cordeiro. O neno do filme considérase un precursor doutros elementos de filmes posteriores de Lynch, como por exemplo a maquillaxe de John Merrick no filme de 1980 The Elephant Man e os vermes de area do filme de 1984 Dune.

Durante a produción do filme Lynch comezou a experimentar cunha técnica de gravación de diálogos falados foneticamente ó revés e revertendo posteriormente o son resultante. Aínda que finalmente non usou esta técnica no filme, volveu a probala en "Episode 2", o terceiro episodio da serie de televisión de 1990 Twin Peaks. Nesta época comezou tamén a interesarse na meditación transcendental, adoptando unha dieta vexetariana e deixando de fumar e consumir alcohol.

Edición