José Tomé Roca, nado en Guitiriz o 3 de setembro de 1958, é un político galego do PSdeG-PSOE.

Traxectoria

Profesor de Tecnoloxía Agraria na Escola de Capacitación Agraria de Monforte de Lemos. Foi Secretario Xeral de UGT Lemos e concelleiro en Monforte de Lemos polo PSdeG-PSOE.

Encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE no concello de Monforte de Lemos nas eleccións municipais de 2003, sendo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de medio ambiente baixo a alcaldía do nacionalista Severino Rodríguez Díaz. Nas eleccións autonómicas de 2005 foi elixido deputado e volveu ser elixido nas autonómicas de 2009, aínda que causou baixa o 6 de setembro de 2011.

Encabezou a candidatura socialista en Monforte de Lemos en 2007 e 2011, mellorando progresivamente os seus resultados, se ben os nacionalistas mantiveron a alcaldía (con maioría absoluta no primeiro caso e maioría simple no segundo), co cal formou parte da oposición. Nas eleccións municipais de 2015 encabezou de novo a candidatura do PSdeG-PSOE e logrou a vitoria con 6 concelleiros, polo que foi elixido alcalde e gobernou minoría.

Nas eleccións municipais de 2019 volveu encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE e acadou unha ampla maioría absoluta con 11 concelleiros, o que lle permitiu revalidar o cargo de alcalde de Monforte de Lemos. Impulsado por estes resultados, en xullo de 2019 foi elixido presidente da Deputación de Lugo mediante un pacto co BNG. En febreiro de 2022 foi elixido Secretario Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo, tras alcanzar un acordo de integración co alcalde de Castroverde Xosé María Arias Fernández, o cal pasou a selo seu vicesecretario xeral. Nas eleccións municipais de 2023 revalidou a alcaldía con maioría absoluta e foi reelixido presidente da Deputación. En abril de 2025 foi reelixido Secretario Provincial tras impoñerse nas eleccións primarias ao deputado provincial e concelleiro en Paradela Iván Castro Díaz.

Polémica En decembro de 2025, a raíz da denuncia anónima dunha muller nun programa televisivo de Cuatro, Código 10, foi acusado de acoso sexual. Aos poucos, dimitiu como presidente da Deputación de Lugo, deuse de baixa do PSdeG-PSOE e deixou de ser Secretario do partido na provincia, para poder defenderse, mais mantivo a acta como deputado provincial non adscrito e a alcaldía de Monforte, onde conseguiu que tódolos concelleiros se mantivesen fieis a el.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos

Eleccións municipais en Monforte de Lemos

Ligazóns externas Ficha en galegos.info

Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Monforte de Lemos Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Presidentes da Deputación de Lugo Categoría:Nados en Guitiriz

Categoría:Nados en 1958 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Sindicalistas de UGT Galicia Categoría:Concelleiros de Monforte de Lemos