Posthumanidade é un concepto orixinado nos campos da ficción científica, a futuroloxía, a arte contemporánea e a filosofía, que literalmente significa "persoa ou entidade que existe nun estado alén do ser humano". O concepto concita cuestións de ética e xustiza, linguaxe e comunicación trans-específica, sistemas sociais, e as aspiracións intelectuais da interdisciplinariedade. O "posthumanismo" non se debe confundir co "transhumanismo" (a mellora nanobiotecnolóxica dos humanos) e coas definicións limitadas do posthumano como a esperada transcendencia da materialidade.
Posthumanismo En teoría crítica o posthumano é un ser hipotético que representa ou procura reconcibir o humano. É o obxecto da crítica posthumanista, que cuestiona criticamente o humanismo renacentista, unha rama da filosofía humanista que defende que a natureza humana é un estado universal do cal o ser humano emerxe; a natureza humana é autónoma, racional, capaz do libre albedrío, e unificado en si mesmo como cúspide da existencia. Así, a postura posthumana recoñece a imperfectibilidade e desunión dentro dun, e entende o mundo a través de perspectivas heteroxéneas mentres procura manter o rigor intelectual e a dedicación ás observacións obxectivas. É clave nesta práctica posthumana a habilidade de cambiar perspectivas de xeito fluído e manifestarse a través de diferentes identidades. O posthumano, para os teóricos críticos do tema, presenta unha ontoloxía emerxente e non estática; noutras palabras, o posthumano non é un individuo singular e definido, senón un que pode "chegar a ser", ou encarnar, distintas entidades, e comprender o mundo segundo perspectivas múltiples e heteroxéneas.Haraway, Donna J, "Situated Knowledges" en Simians, Cyborgs, and Women. Routledge, Nova York: 1991
Os discursos críticos arredor do posthumanismo non son homoxéneos, senón que de feito presentan unha serie de ideas contraditorias, e o mesmo termo é obxecto de discusión, cun dos dos máis prominentes autores asociados co posthumanismo, Manuel de Landa, lamentando o termo como "moi parvo". A exposición das ideas de, por exemplo, Robert Pepperell, en The Posthuman Condition, e N. Katherine Hayles en How We Became Posthuman, baixo un mesmo termo, é claramente problemático debido a estas contradicións.
O posthumano identifícase a grandes trazos co "cyborg" de A Cyborg Manifesto de Donna Haraway.Texto de A Cyborg Manifesto en español O concepto de cyborg de Haraway é unha versión irónica das concepcións tradicionais de cyborg, invertendo o tradicional tropo do cyborg cuxa presenza vén cuestionar a prominente diferenza entre humanos e robots. O cyborg de Haraway sería, segundo moitos puntos de vista, unha versión "beta" do posthumano, pois a súa teoría cyborg levou a que a teoría crítica se ocupase do tema.Haraway, Donna J, Simians, Cyborgs, and Women. Routledge, Nova York: 1991. "A Cyborg Manifesto" apareceu orixinalmente en Socialist Review en 1985.
Seguindo a Haraway, Hayles, cuxo traballo está na base de gran parte do discurso posthumano crítico, asevera que o humanismo liberal, que separa mente e corpo, facendo do corpo unha "envoltura" ou vehículo para a mente, faise progresivamente máis complicado a finais do século XX e no XXI, porque a tecnoloxía da información pon en cuestión o corpo humano. Hayles mantén que debemos ser conscientes dos avances na tecnoloxía da información ao tempo que entendemos a información como "incorpórea", isto é, algo que, fundamentalmente, non pode substituír o corpo humano, senón que pode ser unicamente incorporado nel e nas prácticas da vida humana.
Trans-humanismo
Definición De acordo cos pensadores trans-humanistas, un posthumano é un hipotético ser futuro "cuxas capacidades básicas exceden tan radicalmente as dos actuais humanos como para non se poder considerar humano de xeito unívoco segundo os patróns vixentes".
Métodos Os posthumanos poderían ser intelixencias artificiais completamente sintéticas, ou unha simbiose de humano e intelixencia artificial, ou consciencias transferidas, ou o resultado de aplicar a un humano biolóxico moitas melloras tecnolóxicas pequenas pero con efecto acumulativo, isto é, un cyborg. Algúns exemplos disto último poden ser o redeseño do organismo humano usando nanotecnoloxía molecular ou melloras radicais usando combinacións de tecnoloxías como a enxeñería xenética, a psicofarmacoloxía, as terapias de prolongamento da vida, interfaces cerebro-computador, ferramentas avanzadas de manexo da información, fármacos de mellora da memoria, computadores vestíbeis ou implantados, e técnicas cognitivas.
Futuro posthumano Tal como se usa neste artigo, "posthumanidade" non se refire necesariamente a un hipotético futuro onde os humanos se extinguiron ou desapareceron da Terra dalgún outro xeito. O mesmo que as especies derivan unha doutra, tanto humanos como posthumanos poderían coexistir. Porén, o escenario apocalíptico semella ser un punto de vista compartido por unha minoría de trans-humanistas, como Marvin Minsky e Hans Moravec, que se poderían considerar misántropos, polo menos en canto á humanidade no seu estado actual. Pola contra, outros, como Kevin Warwick, defenden a probabilidade de que humanos e posthumanos coexistan, pero cunha predominancia destes na sociedade, debido ás súas superiores capacidades.Warwick, K: “I,Cyborg”, University of Illinois Press, 2004 Recentemente algúns académicos teñen comezado a especular que o posthumanismo proporciónanos unha análise alternativa do cinema e a literatura apocalípticas, e así vampiros, lobishomes e mesmo zombis pasan a se considerar potenciais formas evolutivas do humano.Deborah Christie, Sarah Juliet Lauro, ed. (2011). Better Off Dead: The Evolution of the Zombie as Post-Human. Fordham Univ Press. p. 169. ISBN 0-8232-3447-9, 9780823234479
Moitos autores de ficción científica, como Greg Egan, H.G. Wells, Bruce Sterling, Frederik Pohl, Greg Bear, Charles Stross, Neal Asher, Ken MacLeod e autores do proxecto Orion's Arm,Orion's Arm - Encyclopedia Galactica - Archailects teñen escrito traballos ambientados en futuros posthumanos.
O Deus posthumano Unha variación do tema posthumano é a noción dun "Deus posthumano": a idea de que os posthumanos, xa non confinados aos parámetros da natureza humana, poderían adquirir tal poder físico e mental como para semellar seres divinos segundo os actuais patróns humanos. Esta noción non se debería interpretar como relacionada coa idea representada nalgunhas obras de ficción científica de que unha especie suficientemente avanzada pode "ascender" a un plano de existencia superior. Máis ben significa soamente que algúns seres posthumanos poden chegar a un grao tal de sofisticación intelectiva e tecnolóxica que o seu comportamento non sería comprensíbel aos humanos actuais, simplemente por causa da súa intelixencia e imaxinación limitadas.Michael Shermer. Shermer's Last Law, Jan 2002
Notas
Véxase tamén Outros artigos Biohacking Biopunk Escala de Kardáshov Postciberpunk Singularidade Tecnolóxica
Categoría:Transhumanismo Categoría:Evolución humana Categoría:Conceptos filosóficos