Andrea Dworkin, nada en Camden, Nova Jersey, o 26 de setembro de 1946 e finada en Washington, D.C. o 9 de abril de 2005, foi unha ensaísta estadounidense, teórica do feminismo radical. Foi coñecida sobre todo pola súa crítica da pornografía, que comparou coa violación e outras formas de violencia contra as mulleres.

Militante antibelicista e achegada ao anarquismo de fins dos anos 1960, Dworkin escribiu máis dunha decena de libros sobre a teoría e a práctica do feminismo radical. A finais dos anos 1970 e 1980, gañou sona nacional como portavoz do movemento feminista antipornografía e polos seus escritos sobre pornografía e sexualidade, particularmente polos libros Pornography: Men Possessing Women (1979) e Intercourse (1987), as súas dúas obras máis coñecidas.

A súa personalidade e as súas posicións categóricas sobre a sexualidade e a pornografía foron admiradas e aplaudidas por numerosas feministas, así como tamén foron o punto de mira de críticas, sobre todo por parte de feministas liberais.

Traxectoria

Primeiros anos Dworkin naceu en Camden, Nova Jersey, filla de Sylvia Spiegel e Harry Dworkin. A súa nai era filla de inmigrantes xudeus húngaros e o seu pai era neto dun xudeu ruso que deixou Rusia cando tiña quince anos para escapar do servizo militar. Ela tiña un irmán máis novo, Mark. O seu pai era un mestre e socialista convencido, a quen acreditou a súa paixón pola xustiza social. A súa relación coa súa nai foi dura, aínda que máis tarde Dworkin escribiu sobre o apoio da súa nai aos métodos anticonceptivos e á legalización do aborto, «moito antes de que fosen crenzas respectables», que inspirou o seu activismo posterior.

Aínda que describiu a súa familia xudía como dominada en moitos sensos pola lembranza do holocausto, isto non foi un impedimento para levar unha infancia feliz ata que acadou a idade de nove anos, cando un varón descoñecido abusou sexualmente dela nun cinema. Cando Dworkin tiña dez anos, a súa familia mudouse dende a cidade aos suburbios de Cherry Hill, Nova Jersey (entón coñecida como Delaware Township), vivencia sobre a que máis tarde escribiu «a miña experiencia foi como se fose abducida por extraterrestres e me levasen a unha colonia penal». En sexto grao, a administración da escola castigouna por se rexeitar a cantar «Silent Night» (como xudía, obxectou que fora forzada a cantar cancións relixiosas cristiás na escola). Ela dixo que «probablemente se convertería nunha rabino» se estivese permitido para as mulleres cando estaba na escola e que «lle gustaría ter sido» unha erudita talmúdica.Vincent, Norah, Sex, Love and Politics: Andrea Dworkin, en New York Press, vol. 11, n.º 5, Feb. 4–10, 1998, p. 42, col. 1

Dworkin comezou a escribir poesía e ficción en sexto grao.Dworkin, Heartbreak, pp. 37–40. Daquela, dubidaba entre se converter nunha avogada ou nunha escritora; debido ao seu interese xacando polo aborto, elixiu a escritura porque ela podía «facelo nunha habitación soa» e «ninguén me podería parar».Ambas as citas: Vincent, Norah, Sex, Love and Politics, op. cit., p. 42, col. 4. Durante o instituto, lía avidamente co apoio dos seus pais. Estivo particularmente influenciada por Arthur Rimbaud, Charles Baudelaire, Henry Miller, Fiódor Dostoievski, Che Guevara e os poetas da xeración Beat, especialmente Allen Ginsberg, e incluíu entre os escritores que «máis admiraba» a Genet, Shelley e Byron.Vincent, Norah, Sex, Love and Politics, op. cit., p. 42, col. 4 (quoting interviewer Vincent).

Universidade e activismo temperán En 1965, mentres estudaba en Bennington College, Dworkin foi arrestada durante unha protesta antiguerra de Vietnam no United States Mission to the United Nations e enviada á New York Women's House of Detention. Testemuñou que os doutores da prisión lle realizaron un exame pelviano que foi tan doloroso que estivo a sangrar días despois. Falou en público e testemuñou perante un gran xurado sobre a súa experiencia; a repercusión que tivo o seu testemuño nos medios deu lugar a novas nacionais e internacionais. O gran xurado rexeitou inculpar ninguén, mais o testemuño de Dworkin atraeu a indignación pública polo maltrato das reclusas e contribuíu á clausura da prisión anos máis tarde.

Pouco despois de testemuñar perante o gran xurado, Dworkin deixou Bennington e dirixiuse no transatlántico Castel Felice a Grecia para continuar a súa escritura. Viaxou dende París a Atenas no Expreso de Oriente e foi vivir e escribir a Creta. Na súa estada en Creta, escribiu unha serie de poemas titulados (Vietnam) Variations, unha colección de poemas en verso e en prosa que imprimiu na illa nun libro titulado Child, e unha novela nun estilo semellante ao realismo máxico titulada Notes on Burning Boyfriend —unha referencia ao pacifista Norman Morrison, quen se prendeu lume a si mesmo ata morrer a xeito de protesta pola guerra de Vietnam. Tamén escribiu unha serie de poemas e diálogos que ela mesma imprimiu despois do seu regreso aos Estados Unidos nun libro titulado Morning Hair.

Despois de vivir en Creta, Dworkin volveu a Bennington por dous anos, onde continuou a estudar literatura e a participar en campañas en contra do código de conduta estudantil da universidade, a prol da contracepción no campus, a legalización do aborto e en contra da guerra de Vietnam. Graduouse cunha licenciatura en literatura en 1968.

Vida nos Países Baixos Despois de se graduar, dirixiuse a Ámsterdam para entrevistar anarquistas neerlandeses do movemento contracultural de Provo. Na súa estada, involucrouse e despois casou cun dos anarquistas que coñeceu: Cornelius (Iwan) Dirk de Bruin.Dworkin, Andrea. Videotape Collection of Andrea Dworkin, 1981–1998 (Inclusive): A Finding Aid(Cambridge, Mass.: Arthur and Elizabeth Schlesinger Library on the History of Women in America, Radcliffe Institute for Advanced Study, Harvard Univ. (Vt-136), Feb., 2009) , data de acceso 31 de xullo de 2011. Pouco despois de casar dixo que de Bruin comezou a abusar dela severamente apancándoa e pateándoa, queimándoa con cigarros, abatanándoa nas pernas cunha barra de madeira e golpeándolle a cabeza contra o chan ata deixala inconsciente.

Após deixar a de Bruin en 1971, Dworkin dixo que o seu exmarido a atacou, a perseguiu e a acosou, á vez que era golpeada e ameazada cada vez que encontraba onde se agochaba. Dworkin atopábase desesperada pola ausencia de cartos, adoito sen fogar, a miles de quilómetros da súa familia e máis tarde, nun dos seus libros, comentou que «a miúdo eu vivía a vida dun fuxitivo, aínda que se trataba máis da vida desesperada dunha muller maltratada que fuxira por última vez, sexa cal for o resultado». Sen recursos, viuse obrigada a se prostituír durante un período. Ricki Abrams, unha feminista e compañeira expatriada, acolleu Dworkin na súa casa e axudouna a atopar lugares para se aloxar, como unha barcaza, unha granxa comunitaria e incluso inmobles abandonados. Dworkin, nese momento, tratou de conseguir cartos para volver aos Estados Unidos.

Abrams introduciu a escritora estadounidense nas primeiras obras do feminismo radical dos Estados Unidos, de aí que Dworkin estivese notablemente inspirada por Sexual Politics (Política sexual) de Kate Millett, The Dialectic of Sex (A dialéctica do sexo) de Shulamith Firestone e Sisterhood is Powerful (A sororidade é poderosa) de Robin Morgan. Ela e mais Abrams comezaron a traballar xuntas en «fragmentos e pezas temperás» dun texto feminista radical sobre o odio ás mulleres na cultura e na historia, incluíndo un borrador completo dun capítulo sobre a revista da contracultura pornográfica Suck, que foi publicado por un grupo de compatriotas expatriadas nos Países Baixos.

Máis tarde, Dworkin escribiu que aceptara axudar a pasar un maletín de heroína pola alfándega a cambio de mil dólares e un boleto de avión, pensando que se tiña éxito podería regresar a casa co boleto e os cartos, e se a collían, polo menos escaparía do abuso do seu exmarido ao ir ao cárcere. A pesar da anulación do trato, o varón que lle prometera os cartos deulle o billete de avión de todos os modos e regresou aos Estados Unidos en 1972.

Denantes de deixar Ámsterdam, Dworkin falou con Abrams sobre a súa experiencia nos Países Baixos, o movemento feminista emerxente e o libro que comezaran a escribir xuntas. Dworkin aceptou rematalo —co título de Woman Hating— e publicalo cando chegase aos Estados Unidos. Nas súas memorias, Dworkin relata que durante a conversación prometeu que dedicaría a súa vida ao movemento feminista.

Volta a Nova York e contacto co movemento feminista En Nova York, Dworkin traballou de novo como organizadora antiguerra, participou en manifestacións polos dereitos das lesbianas e contra o apartheid en Suráfrica. A poeta feminista Muriel Rukeyser contratouna como axudante (Dworkin máis tarde dixo, «Fun a peor axudante da historia, pero Muriel seguiu comigo porque cría en min como escritora»). Dworkin tamén se uniu a un grupo de concienciación e axiña se implicou coa organización feminista radical, centrándose en campañas contra a violencia contra as mulleres. Alén dos seus escritos e activismo, Andrea gañou sona como oradora, principalmente para eventos organizados por grupos feministas locais. Fíxose coñecida polos seus discursos apaixonados e inflexibles que espertaban fortes sentimentos tanto na parte seguidora coma na crítica, e inspirou o seu público á acción, como o seu discurso na primeira marcha de Take Back the Night en novembro de 1978, e o seu discurso de 1983 no Midwest Regional Conference of the National Organization for Changing Men (agora coñecido como National Organization for Men Against Sexism) titulado I Want a Twenty-Four Hour Truce During Which There Is No Rape (Quero unha tregua de vinte e catro horas durante a cal non haxa violacións).

Relación con John Stoltenberg En 1974 coñeceu o escritor e activista feminista John Stoltenberg (agora coñecido por escribir unha serie de libros e artigos enmarcados no feminismo radical sobre a masculinidade) cando ambos os dous deixaban unha lectura de poesía en Greenwich Village sobre temas misóxinos. Volvéronse amigos moi próximos e finalmente foron vivir xuntos. Aínda que Dworkin escribiu publicamente «quero a John con todo o meu corazón e alma» e Stoltenberg describiu a Dworkin como «o amor da miña vida», ela continuou publicamente a se identificar como lesbiana e el como gai. Stoltenberg, relatando a perplexidade que a súa relación semellaba causar á xente na prensa, resumiu a relación dicindo: «Expoño só os feitos máis sinxelos publicamente: si, Andrea e mais eu vivimos xuntos, amámonos e somos compañeiros de vida, e si, ambos os dous saímos do armario».

Dworkin e Stoltenberg casaron en 1998; despois da morte da escritora Stoltenberg dixo: «É por isto porque nunca lle dixemos a ninguén que casamos, porque a xente se confunde. Eles pensan "Oh, é de teu", e non queriamos esas parvadas».

Amizade con Michael Moorcock miniatura|Michael Moorcock, un autor recoñecido polas súas novelas de ciencia ficción e fantasía, tamén foi un dos amigos máis achegados de Andrea Dworkin. Andrea Dworkin e mais Michael Moorcock mantiveron unha longa amizade dende 1986, data do seu primeiro encontro nunha discusión sobre literatura na Universidade de East Anglia en Inglaterra. Moorcock, que se denomina profeminista, explicou que se achegou a East Anglia só para coñecer a Dworkin, cuxas obras apreciaba. A novela de Dworkin Mercy (publicada no ano 1992), foi dedicada a Moorcock, mentres que, pola súa banda, este último fixo o mesmo con Dworkin coa súa obra Jerusalem Commands (tamén publicada no ano 1992).