Sergio Mattarella, nado en Palermo o 23 de xullo de 1941, é o actual presidente de Italia, cargo que ocupa dende o 31 de xaneiro de 2015. É o primeiro siciliano nomeado presidente do país.

Traxectoria

Orixes É fillo do ministro democristián e antifascista Bernardo Mattarella e irmán de Piersanti Mattarella, presidente do Goberno Rexional de Sicilia asasinado en 1980 pola Mafia. Licenciado en Dereito na Universidade de Roma La Sapienza e docente de Dereito parlamentario na Universidade de Palermo.

É viúvo dende 2012, cando faleceu a súa muller, Marisa Chiazzese. Con ela foi pai de tres fillos: Laura (que asumiu a función de primeira dona), Francesco e Bernardo Giorgio.

Carreira política Comezou a súa carreira política na Democracia Cristiá. Electo deputado en 1983 e reelecto en 1987, foi ministro de Relacións co Parlamento entre 1987 e 1989, e logo, entre 1989 e 1990, ministro de Educación. Ademais, foi o autor da lei electoral italiana, chamada "Mattarellum", vixente entre 1993 e 2005, que combinaba o voto maioritario en distritos uninominais e o voto proporcional.

Logo dos escándalos de corrupción que afectaron aos partidos políticos italianos a principios da década de 1990, militou no Partito Popular Italiano, por cuxa coalición, L'Ulivo, foi electo deputado en 1994 e 1996. Foi vicepresidente do Consello de Ministros sendo primeiro ministro Massimo D'Alema entre 1996 e 1999, e ministro de Defensa entre 1999 e 2001.

Opositor a Silvio Berlusconi, foi un dos fundadores da Margherita, partido de centro esquerda que hoxe está inserto no Partido Democrático. Foi membro da Cámara de Deputados en todas as lexislaturas dende 1983 ata 2008. En 2009 foi designado membro do Consello da Presidencia de Xustiza Administrativa deixando de militar politicamente por iso. Logo, en 2011 foi nomeado para o cargo de xuíz do Tribunal Constitucional.

Presidente da República Italiana Foi electo Presidente da República o 31 de xaneiro de 2015, con 665 votos sobre 1009 votantes, xurando o cargo o 2 de febreiro seguinte. Durante o seu mandato, Sergio Mattarella mediou en varias crises políticas. Deste xeito, en 2016, logo da dimisión de Matteo Renzi, logrou propor un goberno dirixido por Paolo Gentiloni, e, en 2021, tras a fin do executivo de Giuseppe Conti, encomendou a formación dun a Mario Draghi. Ademais, tamén tivo relevancia nas negociacións para formar goberno logo das eleccións parlamentarias de 2018. Naquela altura o Movemento 5 Estrelas e a Liga Norte fixéronse socios de goberno, mais Sergio Mattarella vetou o nomeamento de Paolo Savona como ministro de Economía debido o seu euroescepticismo. Esta acción foi criticada por algúns sectores do Movemento 5 Estrelas, que chegaron a formular un xuízo político ao presidente Mattarella; posteriormente cualificaron a idea como un "erro".

Á fin do seu primeiro mandato era unha figura moi valorada pola opinión pública de Italia.

Durante as eleccións presidenciais de 2022, ante falta de apoios doutros candidatos (entre os que soaron Silvio Berlusconi, Mario Draghi ou Andrea Riccardi), comezou a formularse a reelección de Sergio Mattarella. Aínda que semellaba que non era favorable á posibilidade de continuar no Quirinal, o consenso que espertaba o seu nome levaríao a reconsiderar a súa posición. Deste xeito, o 29 de xaneiro de 2022, Sergio Mattarella foi reelecto Presidente da República. Sumou 759 votos na oitava votación, sendo o segundo xefe do Estado italiano con máis apoio, só superado por Sandro Pertini en 1978 cando logrou 832. O 3 de febreiro de 2022 xurou de novo ante o parlamento inaugurando o seu segundo mandato.

Galería

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial da Presidencia de Italia

Categoría:Presidentes de Italia Categoría:Nados en Palermo Categoría:Nados en 1941