A interleucina 4 (IL-4 ou IL4) é unha citocina do grupo das interleucinas que induce a diferenciación das células T colaboradoras virxes (células Th0) a células Th2. Unha vez que as células Th2 foron activadas pola acción da IL-4, estas producen cantidades adicionais de IL-4 nun bucle de retroalimentación positiva. A célula que produce inicialmente a IL-4, e que causou así a diferenciación da Th0, non foi aínda identificada con certeza, pero estudos recentes indican que estas células efectoras poden ser os basófilos. A IL-4 está estreitamente relacionada coa interleucina 13 e ambas as dúas teñen funcións similares.
Función
Ten varias funcións biolóxicas entre as que están a estimulación da proliferación de células B e T activadas, e a diferenciación das células B en células plasmáticas. É un regulador clave nas inmunidades humoral e adaptativa. A IL-4 induce na célula B o cambio de clase ás IgE, e regula á alza a produción de MHC de clase II. A IL-4 fai diminuír a produción de células Th1, macrófagos, IFN-gamma, e IL-12 en células dendríticas.
A sobreprodución de IL-4 está asociada a alerxias.
Inflamación e reparación de feridas
Os macrófagos dos tecidos xogan un importante papel na inflamación crónica e na curación de feridas. A presenza de IL-4 nos tecidos extravasculares promove a activación alternativa dos macrófagos en células M2 e inhibe a activación clásica dos macrófagos en células M1. O incremento de macrófagos reparadores (M2) está acoplado coa secreción de IL-10 e TGF-β que teñen como resultado a diminución da inflamación patolóxica. A liberación de arxinase, prolina, poliaminases e TGF-β por parte da célula M2 activada está ligada coa reparación de feridas e a fibrose.
Receptor
O receptor da interleucina 4 chámase IL-4Rα. Este receptor pode atoparse formando parte de tres complexos diferentes no corpo. Os receptores de tipo 1 están compostos da subunidade IL-4Rα cunha cadea γ común e únense especificamente á IL-4. Os receptores de tipo 2 constan dunha subunidade IL-4Rα unida a unha subunidade diferente chamada IL-13Rα1. Estes receptores de tipo 2 teñen a capacidade de unirse tanto a IL-4 coma a IL-13, dúas citocinas con funcións biolóxicas moi relacionadas.
Estrutura
A IL-4 presenta un pregamento globular compacto (similar ao doutras citocinas), estabilizado por 3 pontes disulfuro. Unha metade da estrutura está dominada por un feixe de hélices alfa con xiro levoxiro. As hélices son antiparalelas, con dúas conexións colgantes, que caen formando unha folla beta antiparalela de dúas febras.
Descubrimento Esta citocina foi codescuberta por Maureen Howard e William Paul e a Dra. Ellen Vitetta e o seu grupo de investigación en 1982.
A secuencia de nucleótidos da IL-4 humana foi illada catro anos despois confirmando a súa semellanza cunha proteína de rato chamada factor-1 estimulador de célula B (BCSF-1).
Importancia clínica
A IL-4 tamén favorece a mitoxénese, desdiferenciación, e metástases no rabdomiosarcoma. A IL-4, xunto con outras citocinas de Th2, están implicadas na inflamación das vías aéreas observada nos pulmóns de pacientes con asma alérxica.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Interleukin 4 en Gentaur Recombinant Human Interleukin-4 da Universidade Cornell Interleukin-4 no Glosario de Alerxias en Health On the Net Foundation
Este artigo incorpora texto en dominio público de Pfam e InterPro - IPR002354.
Categoría:Proteínas Categoría:Citocinas Categoría:Dominios proteicos