Audrey Hepburn, nada como Audrey Kathleen Ruston o 4 de maio de 1929 en Ixelles e finada o 20 de xaneiro de 1993 en Tolochenaz (Vaud), foi unha actriz británico-belga que realizou a meirande parte da súa carreira artística nos Estados Unidos. Tamén foi moi activa como embaixadora de UNICEF.

É considerada pola American Film Institute como a terceira mellor estrela feminina de tódolos tempos.

Nada en Ixelles, un distrito de Bruxelas, Hepburn pasou a súa infancia entre Bélxica, Inglaterra e os Países Baixos, incluíndo a Arnhem que estivo ocupada polos alemáns durante a segunda guerra mundial. En Ámsterdam, estudou ballet con Sonia Gaskell antes de trasladarse a Londres en 1948 para seguir os seus estudos de ballet con Marie Rambert e traballar como corista nas producións musicais de West End.

Logo de aparecer en varias películas británicas e protagonizar a obra de Broadway de 1951, Gigi, Hepburn interpretou o papel principal de Vacacións en Roma (1953), o cal valeulle un Óscar á mellor actriz. Máis tarde actuando en películas de éxito como Sabrina (1954), Historia dunha monxa (1959), Breakfast at Tiffany's (1961), Charada (1963), My Fair Lady (1964) e Wait Until Dark (1967), Hepburn recibiu nomeamentos aos premios Oscar, Globo de Ouro e BAFTA e revindicou un premio Tony pola súa actuación teatral na obra de Broadway de 1954, Ondina. Hepburn segue sendo unha das poucas persoas que gañaron un Óscar, un Emmy, un Grammy e un Tony. Hepburn foi a primeira actriz en gañar un Oscar, un Globo de Ouro e un premio BAFTA por unha soa actuación: Vacacións en Roma en 1954.

Apareceu en menos películas a medida que a súa vida seguiu, dedicando gran parte da súa vida posterior a Unicef. Malia contribuír coa organización desde 1954, traballou nalgunhas das comunidades máis profundamente desfavorecidas de África, América do Sur e Asia entre 1988 e 1992. Foi galardoada coa Medalla Presidencial da Liberdade en recoñecemento ao seu labor como Embaixadora de boa vontade de Unicef a finais de 1992. Un mes máis tarde, Hepburn morreu de cancro apendicular na súa casa en Suíza a principios de 1993 á idade de 63 anos.

Traxectoria Infancia e mocidade Nada como Audrey Kathleen Ruston en Ixelles/Elsene, un municipio de Bruxelas, Bélxica. Era a única filla do inglés Joseph Victor Anthony Ruston e da súa segunda esposa, a baronesa Ella Van Heemstra, unha aristócrata holandesa que era filla do ex gobernador da Güiana Holandesa (Suriname), o barón Aarnoud van Heemstra. O pai da futura actriz engadiu máis adiante o apelido da súa avóa materna, Catherina, á familia; e o seu apelido converteuse en Hepburn-Ruston. Tiña dous irmáns de nai, froito dun primeiro matrimonio da súa nai co jonkheer (Señor) Hendrik Gustaaf Adolf Quarles van Ufford: jonkheer Arnoud Roberto Alexander ”Alex” Quarles van Ufford e jonkheer Ian Edgar Bruce Quarles van Ufford. Ella van Heemstra era descendente do rei Eduardo III de Inglaterra e do consorte escocés James Hepburn, cuarto Conde de Bothwell, de quen Katharine Hepburn tamén se considera descendente.

O pai de Hepburn traballou cunha compañía de seguros en Gran Bretaña, o cal significou que a familia tivo a oportunidade de viaxar a miúdo entre Bruxelas, Inglaterra e os Países Baixos. Entre 1935 e 1938 Hepburn estudou nunha academia privada e feminina en Kent, Inglaterra.

En 1935 os seus pais divorciáronse, e o seu pai, simpatizante nazi, abandonou a familia. Ambos os pais eran membros da unión británica de fascistas a mediados dos anos trinta, segundo Unity Mitford, amiga de Ella van Heemstra e seguidora de Adolf Hitler. Audrey chamou máis adiante a este feito «o momento máis traumático da súa vida». Non sería ata moito máis adiante cando conseguiu localizar ao seu pai en Dublín a través da Cruz Vermella. Desde entón permaneceu en contacto con el e apoiouno financeiramente ata a súa morte.

En 1939 trasladouse coa súa nai e os seus dous irmáns de nai á casa do seu avó en Arnhem, Países Baixos. Pensaban que Holanda era un lugar seguro para evitar ao exército nazi. Hepburn acudiu ao conservatorio de Arnhem entre 1939 e 1945, onde estudou piano e ballet clásico, os cales compaxinaba cos seus estudos escolares.

Vida durante a segunda guerra mundial Durante a súa mocidade Audrey sufriu a segunda guerra mundial, primeiro en Bélxica e logo en Holanda, de onde era orixinaria a súa nai. Para evitar que as súas orixes inglesas a delatasen, a nai de Audrey chamábaa Edda Van Heemstra, como ela, e obrigouna a falar holandés. Audrey falaba perfectamente inglés, francés, holandés e italiano, defendíase co alemán e tamén un pouco en castelán. Estudou para ser bailarina, pero a guerra fixo estragos na súa constitución, así que, pese a seguir estudando e practicando, Audrey viuse na disxuntiva de elixir unha nova profesión, que foi a de actriz.

En 1944 Hepburn xa era unha boa bailarina e, durante esta época, bailaba secretamente. O diñeiro que recadaba doábao á resistencia holandesa. Sobre esta época dixo máis adiante: «O mellor público que terei; non facía nin un só son ao terminar a miña actuación».

Co desembarco das tropas aliadas en Normandía o día D (6 de xuño), as cousas en Holanda empeoraron drasticamente. Durante o inverno de 1944 os alemáns confiscaron os alimentos e combustibles da poboación holandesa. Sen comida nin calor nos fogares, a xente morría de fame e frío nas rúas. Hepburn e moitos outros facían fariña a partir de tulipáns cos que podían cociñar galletas e tortas. A cidade holandesa de Arnhem foi devastada durante o bombardeo aliado, como parte da errada operación Market Garden. O seu tío e un primo da súa nai foron fusilados como membros da resistencia, o seu irmán Ian foi capturado e estivo nun campo de traballo. As carencias alimenticias fixéronse patentes e Audrey sufriu anemia e problemas respiratorios. En 1991 Audrey dixo: «Teño recordos. Recordo estar na estación de tren vendo como se levaban aos xudeus, e recordo en particular a un neno cos seus pais, moi pálido, moi louro, usando un abrigo que lle quedaba moi grande, entrando no tren. Eu era unha nena observando a un neno».

Audrey tamén notou as semellanzas entre ela e Anne Frank. «Tiña exactamente a mesma idade que Anne Frank. Ambas tiñamos dez anos cando empezou a guerra e quince cando acabou. Un amigo deume o libro de Anne en holandés en 1947. Lino e destruíno. O libro ten ese efecto sobre moitos lectores, pero eu non o vía así, non só como páxinas impresas; era a miña vida. Non sabía o que ía ler. Non volvín a ser a mesma, afectoume profundamente».

«Vimos fusilamentos. Vimos a homes novos poñerse contra a parede e ser tiroteados. Pechaban a rúa e despois volvíana a abrir e podías pasar por ese mesmo lugar. Teño marcado un lugar no diario, no cal Anne (Frank) di que fusilaron a cinco reféns. Ese foi o día en que fusilaron ao meu tío. Nas palabras desa nena eu lía o que aínda sentía no meu interior. Esa nena que vivira entre catro paredes fixera unha reportaxe completa de todo o que vivira e sentido».

Pero eses terribles anos non eran totalmente malos, e Audrey podía vivir algo a súa nenez. Seguindo cos paralelismos coa vida de Anne Frank, di: «O espírito de supervivencia é moi forte nas palabras de Anne Frank. Nun momento di "estou deprimida" e ao seguinte fálache de que quere montar en bicicleta. Ela é a mostra dunha infancia en terribles circunstancias».

Un xeito coa cal Audrey Hepburn pasaba o tempo era debuxando. Algúns dos seus debuxos poden verse hoxe en día.

O país foi liberado polas forzas aliadas e a Administración das Nacións Unidas para o Auxilio e a Rehabilitación interveu no mesmo. Hepburn dixo nunha entrevista que se comeu un paquete enteiro de leite condensada e que se puxo enferma polo exceso de azucre. Estas experiencias contribuíron a que Audrey estivese sempre á beira de UNICEF durante o resto da súa vida.

Formación como bailarina En 1945, ao finalizar a guerra, Audrey abandonou o conservatorio de Arnhem e mudouse a Ámsterdam onde tomou clases de ballet con Sonia Gaskell. En 1948 foise a Londres e seguiu estudando ballet, esta vez de man da recoñecida Marie Rambert, profesora de Vatslav Nizhinskii, un dos maiores bailaríns da historia da danza. De cando en vez Hepburn preguntáballe a Rambert sobre o seu futuro, ao que ela respondíalle que podería seguir alí e ter unha gran carreira, pero o feito de que fose relativamente alta (1,67 m), sumado á súa delgadeza por mor da malnutrición durante a ocupación alemá non lle permitiría ter un bo futuro como primeira bailarina. Pero Audrey quería sobresaír, así que confiou na súa mentora e intentou a actuación.Audrey Hepburn's Son Remembers Her Life Ademais, a situación económica da familia Hepburn non lle permitiría continuar cos seus estudos, e Audrey, necesitada de diñeiro, reformulouse o empezar a actuar, xa que esta profesión estaba mellor paga que a de bailarina. Rambert dixo despois sobre Audrey: «Era unha estudante marabillosa; se seguise, podería converterse nunha bailarina excepcional». A fame da guerra sumouse a disciplina da danza, que a volveu case anoréxica: nas súas Memorias José Luis de Vilallonga afirma que os seus xantares non pasaban dun á de polo e unha folla de leituga.

Primeiros anos de actriz A súa carreira como actriz comezaría co filme educativo Holandés en sete leccións. Despois actuou en producións musicais como High Button Shoes e Sauce Piquante. O seu primeiro papel nunha película foi no filme inglés One Wild Oat no cal actuaba como recepcionista dun hotel. Tamén actuou en papeis máis pequenos como Young Wives' Talle, Laughter in Paradise, The Lavender Hill Mob, e Monte Carlo Baby. Durante o rodaxe de Monte Carlo Baby foi elixida para protagonizar o musical de Broadway Gigi, estreado o 24 de novembro de 1951. A reporteira Sidonie-Gabrielle Colette dixo sobre Audrey: «¡Voilà!, ¡esta é a nosa Gigi!». Audrey gañou o Theatre World Award polo seu debut. Seguiu actuando neste musical durante os seis exitosos meses seguintes.

O seu primeiro papel de importancia foi no filme Secret People, no cal realizaba o papel dunha bailarina prodixio. Naturalmente, Audrey fixo todas as escenas de baile. Pero o papel que a catapultou á fama, ademais de ser o seu primeiro papel en Hollywood, foi, xunto a Gregory Peck, en Vacacións en Roma, de William Wyler.

Vacacións en Roma miniatura|esquerda|Hepburn en Vacacións en Roma, 1953. Nun primeiro momento os produtores querían a Elizabeth Taylor para o papel protagonista, pero o director William Wyler quedou impresionado pola proba de cámara de Audrey, na cal deixouse a cámara queda e empezáronselle a realizar unha serie de preguntas a Audrey, que non sabía que a cámara estaba gravando. As súas respostas e sinceridade demostraron o seu enorme talento e Wyler non dubidou en contratala. Wyler dixo: «Ten todas as cousas que buscou: encanto, inocencia e talento. Ademais é moi divertida. É absolutamente encantadora. Non dubidamos en dicir que é a nosa moza». O seu compañeiro de repartición, Gregory Peck, xa era unha estrela consagrada e no póster da película o seu nome tiña máis importancia que o «presentando a Audrey Hepburn». Cando acabou o rodaxe, Peck chamou ao seu axente e fixo que lle desen a mesma importancia aos dous nomes. Peck predixo que ela gañaría o Óscar. Ambos, Hepburn e Peck, conectaron durante o rodaxe, ata houbo rumores de que tiveron unha relación amorosa, rumores desmentidos por ambos. Con todo, Audrey engadiu: «En realidade, sentes algo de amor pola túa parella na película. Se vas interpretar un romance, tes que sentilo. Non o podes facer doutro xeito. Pero non o leves máis aló do plató». Debido ao grande éxito de Vacacións en Roma, Audrey foi portada da revista Time o 7 de setembro de 1953.