Xurxo Martínez González, nado en Coia (Vigo) en 1984, é un escritor e investigador galego. miniatura|Con Anxo Angueira e Emilio Insua na presentación de Común temos a patria... Pontevedra, 15/05/2018

Traxectoria Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e premio extraordinario de tese de doutoramento. Formou parte do ILG, do Proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Galega e de Informes de Literatura, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Participa en varios grupos de investigación sobre temas relacionados co século XIX galego. Dende o ano 2017 é o responsable técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.

Formou parte da directiva da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Impulsou e foi o primeiro secretario da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra.

En decembro de 2024 ingresou no Padroado da Fundación Penzol.

A nivel político, é militante arredista dende os 17 anos, participando en AMI. Formou parte do Comité Central e do Comité Executivo da Fronte Popular Galega (FPG) até 2009. Posteriormente intégrase na coordinadora da Rolda de Rebeldía, que daría paso ao Novo Proxecto Común, do cal nacería Anova-Irmandade Nacionalista. Integrouse na súa Coordinadora Nacional e, despois, na súa Dirección Permanente até 2017. Neste tempo participa en Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e En Marea, coalicións electorais nas cales participou Anova.

En canto á militancia sindical, integrouse na Corrente Sindical de Esquerdas, dentro da CIG, e actualmente é o secretario da sección sindical no Concello de Redondela.

En abril do ano 2022 conseguiu, após un proceso xudicial de catro anos, unha histórica sentenza pola que o TSXG obrigaba á Axencia Tributaria a garantir a atención en galego.

Publicou traballos de investigación en Grial, A Trabe de Ouro, Murguía. Revista Galega de Historia, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudo Vigueses, Boletín Avriense, Boletín Galego de Literatura, Anuari Verdaguer, Itinerarios ou Arraianos. Colabora na prensa dixital e escrita (Vieiros, A Peneira, Altermundo, Praza Pública, El Progreso, Nós Diario e Faro de Vigo).

Presentou a súa tese de doutoramento, dirixida por Gonzalo Navaza, sobre o periódico La Oliva (1856-1857), coa cal acadou a cualificación de sobresaínte cum laude e o Premio Extraordinario da Universidade de Vigo. É especialista na época do Rexurdimento, no primeiro provincialismo e na prensa decimonónica (en particular a da cidade de Vigo). Sobre estes temas participou en distintos congresos e conferencias.

Como investigador histórico sacou á luz traballos sobre Rosalía de Castro, Aurelio Aguirre, Ramón Villar Ponte, Fuco Gómez, Luís Soto, Martín Sarmiento, Fermín Penzol, Eduardo e Alejandro Chao, Juan Compañel ou Roberto González Pastoriza. Colaborou nos libros colectivos de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, Urbano Lugrís González, Antía Cal e Xosé González Martínez.

Forma parte de diversos grupos de investigación (GAELT, Universidade de Vigo; Illa, Universidade da Coruña; GELIV, Universidade de Barcelona) e colabora con outros centrados na investigación da literatura oitocentista.

Presidiu a asociación cultural A Nave das Ideas, impulsora do Día das Artes Galegas. Mantén o blog O murmurio das ondas.

Foi nomeado vicepresidente da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón).

Obras Ensaio Fuco Gómez (2007). Asociación Galega de Emigrantes Retornados. Luís Soto. A xeira pola unidade galega (2011). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. 264 páxs. ISBN 978-84-9914-314-9. Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro (2012). Vigo:Galaxia. Con Armando Requeixo. 134 páxs. ISBN 978-84-9865-462-2. Galicia ante todo. Páxinas esquecidas do Rexurdimento (1840-1853) (2017). Lugo: Alvarellos. Editor. 269 páxs. ISBN 978-84-16460-21-2. Prólogo de Xosé Ramón Barreiro. Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte (2018). Vigo: Xerais. Coa coautoría de Emilio Ínsua. 664 páxs. ISBN 978-84-9121-304-8. Co pensamento na patria. Escolma de artigos de Antón Villar Ponte (2020). Vigo: Editorial Galaxia. Editor. 236 páxs. ISBN 9788491515630. Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (2021). Vigo: Xerais. Ilustracións de David Rodríguez. 208 páxs. ISBN 978-84-9121-703-9. Reboiras. O camiño da rebeldía (2021). Allariz: Aira Editorial. Coa coautoría de Xosé Manuel Pereiro. 223 páxs. Querida Liberdade. Vida e Obra dun precursor do Rexurdimento. Antolín Faraldo (2022). Lugo: Alvarellos. Edición e estudo de Xurxo Martínez. ISBN 978-84-18567-17-9.

Obras colectivas Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís, 2011, A Nave das Ideas. "Roberto González Pastoriza, un xurista de lei", 2013, Irmandade Xurídica Galega. Rosalía na cobiza do lonxe, 2013, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión, 2013, Bubela. Recuerdos de agosto. Obra poética 1850-1858, de Aurelio Aguirre, con Olivia Rodríguez, 2013, Alvarellos Editora. Cadernos Ramón Piñeiro XXXIII. Epistolario Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro (Historial dun libro), con Luis Alonso Girgado e Luis Cochón Touriño, 2015, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. "Recordo dos Villar Ponte: Antón e Ramón", Arredor das Irmandades da Fala, 2016, Xerais. "Roberto González Pastoriza, crónica dun avogado galeguista", en Xuristas das Irmandades da Fala. 2016, Galeguizar Galicia. "Contra a desmemoria", prólogo do Centenário das Irmandades da Fala. 30º Festival da Poesía no Condado. 2016, SCD Condado. Os últimos carballos do Banquete de Conxo, con Henrique Alvarellos, Francisco Singul e Martín Souto. 2016, Alvarellos Editora. Fermín Penzol, rexistrador, bibliófilo e galeguista, 2017, Galeguizar Galicia. Roseiras de rosas roxas. Homenaxe poética a Manuel Leiras Pulpeiro, 2019, Concello de Mondoñedo (eds. Belén Bouzas e Armando Requeixo). Versos fideis. Premios de poesía Díaz Jácome para novos creadores, 2019, Concello de Mondoñedo (eds. Belén Bouzas e Armando Requeixo).

Premios XII Premio de poesía Díaz Jácome 2011 por Nocturno de Mondoñedo.Xurxo Martínez González gaña a XII edición do Premio de poesía Díaz Jácome I Premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro 2012. Finalista do Premio Losada Diéguez 2012. Premio de poesía da Universidade de Vigo 2013 co poema "Río Miño"Xurxo Martínez González gaña o primeiro premio da Universidade de Vigo. Premio de relato curto da Universidade de Vigo 2014 co conto "Dúas pezas de ouro" e segundo premio no certame de poesía co texto "Turonio". Premio de relato curto da Universidade de Vigo 2015 co conto "Fragmentos". Premio extraordinario de tese de doutoramento 2016 da Universidade de Vigo. Premio da Gala do Libro Galego na categoría de Ensaio e investigación 2019 por Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte (Xerais, 2018), compartido con Emilio Ínsua. Premio de Investigación Ramón Baltar Feijoo 2024 por Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Bitácora de Xurxo Martínez Artigos en Vieiros

Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1984