Luis Miguel Ramis Monfort, nado en Tarragona o 25 de xullo de 1970, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol español, que xogaba de defensa central. Dende 2026 adestra a Osasuna, na Primeira División. Formado na canteira do Gimnàstic de Tarragona, debutou na Primeira División co Real Madrid, antes de pasar polo Tenerife e o Deportivo da Coruña, gañando con este último o título de liga na tempada 1999/00.

Como adestrador dirixiu varios clubs da Segunda División.

Traxectoria

Como futbolista

Comezos Nacido en Tarragona, durante a súa infancia practicou varios deportes como fútbol, baloncesto, atletismo ou natación, pero acabou seguindo os pasos de seus irmáns maiores, os futbolistas José Vicente e Francisco Javier. Presentouse a unhas probas para ingresar na canteira do principal club de fútbol da cidade, o Gimnàstic, sendo aceptado no equipo infantil.

Gimàstic de Tarragona Foi subindo polas diferentes categorías inferiores ata chegar ao primeiro equipo, co que debutou na Segunda División B na tempada 1988/89, da man do adestrador Paco Parreño. Non tardou en facerse cun oco no equipo titular e militou dous anos na categoría de bronce, ata que o Nàstic descendeu ao remate da tempada 1989/90. Con todo, conseguiu ascender de novo na seguinte campaña, con sete goles dun Ramis xa titular indiscutible, sendo o xogador de campo con máis minutos disputados tras xogar completos 36 dos 38 partidos de liga.

Real Madrid Castilla O seu rendemento no Nàstic chamou a atención de varios clubs e tras unha visita de Vicente del Bosque ao Nou Estadi, foi fichado polo Real Madrid Castilla, da Segunda División, por uns 12 millóns de pesetas. No filial branco tivo como adestrador a Mariano García Remón e coincidiu con xogadores como Juanmi, Urzaiz, Esnáider, Mutiu, Vallina, Javi Torres ou Carlos Cano. Na Universidade Complutense de Madrid continuou estudando a carreira de Ciencias Químicas que comezara en Cataluña e da que se licenciou anos despois.

Debutou na categoría de prata o 8 de setembro de 1991, nun partido contra o Palamós. Aínda que nun inicio xogaba sempre saíndo dende o banco de suplentes, acabou facéndose coa titularidade, pechando a súa primeira campaña en Madrid con 29 partidos.

Real Madrid Afianzado de xeito absoluto no once inicial na tempada 1992/93, destacou ata o punto de rematar a campaña xogando no primeiro equipo do Real Madrid. Foi o técnico asturiano Benito Floro quen o fixo debutar co conxunto principal, nos oitavos de final da Copa da UEFA contra o Vitesse en Arnhem, encontro ao que o club español chegou coas baixas de Sanchís e Rocha. Ramis ocupou así o centro da defensa xunto a Fernando Hierro, e con Nando e Lasa nos laterais, e disputou os 90 minutos, saíndo vencedor o Real Madrid por 0-1.

O 26 de xuño de 1993 participou na final da Copa do Rei celebrada no estadio Luis Casanova contra o Zaragoza, substituíndo na segunda metade a Chendo, e proclamouse campión ao gañar o seu equipo por 2-0. No campionato de liga, o Real Madrid acabou subcampión, a un punto de Barcelona de Cruyff.

Na segunda xornada da tempada 1993/94 marcou o seu primeiro gol na Primeira División e o seu único tanto co Real Madrid, dándolle a vitoria ao seu equipo ante o Celta de Vigo no Bernabéu, só un minuto despois de ingresar no terreo de xogo. Foi cun remate de cabeza, a súa grande especialidade, co que superou ao gardameta céltico Cañizares. Acabou de novo a liga na segunda posición e conquistou tanto a Supercopa de España como a efémera Copa Iberoamericana.

Tenerife En xuño de 1994 converteuse en xogador do Tenerife, despois de ser incluído como parte do pago na operación que levou ao internacional arxentino Redondo do club insular ao Real Madrid. Chegou ao Tenerife nun momento de transición trala histórica tempada 1993/94. Coa marcha do adestrador Valdano tamén ao Real Madrid, Vicente Cantatore pasou a ocupar o posto no banco, e debido á saída de varios futbolistas importantes, o club incorporou ademais de Ramis a Víctor, Vivar Dorado, o célebre Juanele, así como os arxentinos Ojeda, Buljubasich e Pizzi.

Ramis axiña formou unha sólida parella de centrais xunto a César Gómez e tras un discreto 15º posto na tempada 1994/95, chegou ao banco o alemán Jupp Heynckes, co que o Tenerife, con Pizzi como grande estrela, volveu á parte alta da clasificación, pechando a campaña 1995/96 no quinto lugar e igualando así o mellor resultado da historia do club. Ramis contribuíu cun total de 69 partidos nos seus dous anos en Santa Cruz de Tenerife, 57 deles como titular, e anotou 5 goles.

Sevilla No verán de 1996 o Real Madrid exerceu a súa opción de recompra sobre Ramis e utilizouno como moeda de cambio para abaratar a fichaxe de Davor Šuker de parte do Sevilla, club ao que se incorporou o catalán. Titular indiscutible no centro da defensa, disputou un total de 43 encontros ao longo da tempada, saíndo de inicio en todos agás un, pero non puido evitar o descenso do equipo á Segunda División.

Deportivo da Coruña Tralo descenso do Sevilla recibiu ofertas de varios clubs de Primeira, como o Espanyol ou o Celta de Vigo, pero foi o Deportivo da Coruña o que conseguiu a súa fichaxe, sendo traspasado por 325 millóns de pesetas e máis a cesión de David Fernández. Debutou co club galego na segunda xornada da tempada 1997/98 ante o Mallorca en Riazor, realizando un bo partido, pero un erro seu facilitou o gol do equipo balear. O adestrador Carlos Alberto Silva non o convocou para as seguintes xornadas e non recuperou protagonismo ata a chegada ao banco de José Manuel Corral, pechando a súa primeira campaña na Coruña cun total de 22 partidos e un gol que marcou nun derbi contra o Celta.

Con todo, o seu paso polo Deportivo estivo marcado polas lesións, ata o punto de que chegou a recibir o "Premio ao Infortunio" por parte dunha das peñas do club. Especialmente grave foi a lesión que padeceu o 1 de novembro de 1998, nun partido ante o Mallorca, rompendo o ligamento cruzado e o peroné á altura do nocello, o que o afastou dos terreos de xogo durante máis de sete meses.

Na tempada 1999/00 formou parte do histórico equipo que alzou o primeiro e único título de liga na historia do Deportivo, aínda que apenas contou para o adestrador Javier Irureta, disputando só tres partidos de liga, dous de Copa do Rei e un da Copa da UEFA. A saída de Schürrer no ano 2000 abríalle a porta a máis minutos de xogo, pero novas lesións cortaron as súas esperanzas. Con todo, gañou co Deportivo a Supercopa de España e debutou na Liga de Campións nun partido ante o Hamburgo, substituíndo na segunda metade a Emerson. O 27 de xaneiro de 2001 disputou o seu último encontro coa camiseta do Deportivo da Coruña, nun partido de liga ante o Athletic Club no vello San Mamés. Catro días despois, no derradeiro día do mercado invernal, foi cedido ao Racing de Santander, tamén en Primeira, ata o final da tempada.

Racing de Santander No club cántabro coincidiu cos seus excompañeiros Vivar Dorado e Manjarín, e sumou 11 partidos e un gol, sen poder evitar o descenso a Segunda.

Gimàstic de Tarragona Despois duns meses sen equipo, en xaneiro do 2002 regresou ao seu primeiro club, o Nàstic, no que militou durante media tempada na Segunda División. Xogou un total de 13 partidos, marcando dous goles, pero ao remate da competición o equipo baixou a Segunda B.

Racing de Ferrol No inicio da campaña 2002/03 volveu pasar varios meses sen equipo, ata que en novembro volveu a Galicia para fichar polo Racing de Ferrol, tamén de Segunda. No equipo verde recuperou a regularidade e disputou 22 encontros ás ordes de Luis César, pero acabou sufrindo o seu terceiro descenso consecutivo.

Últimos equipos A continuación pasou por varios clubs da Comunidade de Madrid: San Sebastián de los Reyes (co que non chegou a debutar en partido oficial), Pegaso Tres Cantos e Cobeña, onde se retirou en 2006, despois de lograr un histórico ascenso á Segunda B na Cidade Deportiva de Abegondo.

Como adestrador

Canteira do Real Madrid Inmediatamente despois de colgar as botas, regresou ao Real Madrid para iniciar unha carreira como adestrador na canteira do club branco. Primeiramente foi segundo adestrador do equipo xuvenil, pasando logo a dirixir el mesmo o conxunto cadete. Máis tarde adestrou o Xuvenil C, logo o B e finalmente o A, no que permaneceu tres tempadas, conquistando dúas veces a División de Honra, ademais de gañar unha Copa do Rei (20 anos despois da última) e unha Copa de Campións.

Real Madrid Castilla En xaneiro de 2016 Zinedine Zidane subiu ao primeiro equipo do Real Madrid e Ramis ocupou o seu posto no banco do Real Madrid Castilla.​ A pesar dos seus excelentes resultados, con 14 vitorias en 19 partidos, e de proclamarse campión do seu grupo, non conseguiu ascender á Segunda División, e ao remate da tempada foi substituído por Santiago Solari.

Almería En marzo de 2017 substituíu a Fernando Soriano no banco do Almería, club da Segunda División que ocupaba postos de descenso. Con Ramis como adestrador, o equipo andaluz gañou máis da metade dos partidos que restaban e conseguiu salvar a categoría, o que lle serviu para a renovación do seu contrato. Con todo, acabou sendo destituído en novembro de 2017, despois de oito xornadas sen gañar.

Albacete En xuño de 2018 anunciouse a súa fichaxe polo Albacete, tamén de Segunda.​ Despregando un bo fútbol, vistoso e dinámico, o Albacete instalouse dende o comezo da competición nos postos altos, e mediada a liga, ocupaba a segunda praza do campionato, a un só punto do líder, o Granada de Diego Martínez. Finalmente rematou a liga na cuarta posición e disputou a promoción de ascenso, caendo ante o Mallorca. Continuou no banco na seguinte campaña, pero foi destituído en xaneiro de 2020, despois dunha mala xeira de resultados, sumando só 6 dos últimos 36 puntos posibles.

Tenerife En novembro de 2020 regresou ao Tenerife, desta vez como adestrador, substituíndo ao cesado Fran Fernández. O equipo ocupaba a 17ª praza e acabou a tempada como 14º. Na campaña 2021/22 Ramis levou o club ata o quinto posto final, accedendo deste xeito a unha promoción de ascenso a Primeira na que acadou a final, antes de caer eliminado fronte ao Girona de Míchel. En abril de 2023 anunciou que deixaría o club ao remate da tempada, que concluíu nunha 10ª posición.

Espanyol En novembro de 2023 púxose á fronte do Espanyol, tamén en Segunda, ocupando o lugar do destituído Luis García. Colleu o conxunto "perico" na quinta posición e levouno ata a terceira praza, antes de ser cesado en marzo de 2024, cando foi substituído polo galego Manolo González.

Burgos O último día de outubro de 2024 foi anunciado como novo adestrador do Burgos, trala destitución de Jon Pérez Bolo. Colleu o equipo na 16ª posición, con tres puntos por riba do descenso, e pechou a tempada salvando con comodidade a categoría, con 10 puntos sobre as posicións de descenso. Dirixiu o club burgalés durante toda a tempada 2025/26, manténdose na metade superior da táboa ao longo da totalidade da competición. Rematou na sétima posición, con 72 puntos, os mesmos que o Castellón, que conseguiu a clasificación para a promoción de ascenso. En xuño de 2026 anunciouse que non continuaría no club para a vindeira campaña.

Osasuna Trala súa saída do Burgos anunciouse a súa fichaxe por Osasuna, da Primeira División.

Palmarés

Futbolista Real Madrid Copa do Rei (1): 1992/93. Supercopa de España (1): 1993. Copa Iberoamericana (1): 1994.

Deportivo da Coruña Primeira División (1): 1999/00. Supercopa de España (1): 2000.

Adestrador Real Madrid Castilla Segunda División B (1): 2015/16.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en fortunecity.com Datos do xogador en bdfa.com.ar

Categoría:Nados en 1970 Categoría:Nados en Tarragona Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla