Na igrexa de San Salvador de Meis (Meis) consérvanse catro pezas procedentes dun baldaquino, incrustadas no exterior do muro que circunda a igrexa, na praza anexa: tres ó redor dunha fonte e unha cuarta a uns metros á esquerda.
Descrición O Nacemento de Cristo: con san Xosé á esquerda, a mula e o boi sobre a moldura do arco, o meniño Xesús no seu presebe de pallas e a Virxe axeonllada á dereita. A adoración dos Reis, cos tres reis magos á esquerda, o central sinalando a estrela que os guía e o máis adiantado entregando os regalos. A Virxe está sentada en maxestade, sostendo no colo a Xesús, e san Xosé sitúase tras eles, á dereita. O Descendemento, co corpo de Cristo centrado, sobre o colo da Virxe María. A ámbolos lados están os dous santos homes, Xosé de Arimatea e Nicodemo, un sosténdolle a cabeza e outro os pés, e á dereita da escena, san Xoán; as tres figuras aparecen nimbadas e entre elas poden verse os instrumentos da Paixón: a cruz, a esqueira e o martelo. No cuarto panel, separado das outras tres anteriores, represéntase unha escena de guerra, cun cabaleiro a cabalo, á dereita, que se enfronta a outra figura de pé situada á esquerda, cunha ave (¿unha aguia?) no centro. A escena foi identificada popularmente como a Batalla de Clavijo, co apóstolo Santiago loitando contra os mouros. Neste panel obsérvanse certas diferenzas nos elementos decorativos respecto és outros tres.
Véxase tamén Bibliografía
Meis Categoría:Meis