Vilachá é unha aldea de parroquia de Pereira, no concello do Pino, a menos de 200 m ao sur da estrada nacional N-547, que vai de Lugo a Santiago, a uns 700 m ao sur do Camiño de Santiago e a uns sete quilómetros ao leste do aeroporto internacional de Lavacolla. Segundo o IGE, en 2019 tiña 76 habitantes (38 homes e 38 mulleres).

Trátase dunha zona rural de pouca pendente, numerosos regatos e unha vexetación conformada principalmente por eucaliptos, piñeiros e, aínda que en menor medida, carballos. Ao igual que no resto de parroquias do concello do Pino, son frecuentes en Vilachá os agros de millo e verza. Apenas a 600 m ao sur discorre o río Brandelos, que nesta parte acaba por adentrarse no concello de Touro.

Outros topónimos desta área próxima a Vilachá son, ao norte, Cotera (que estriba o Castro de Amenal), ao leste a Fonte Peña de Arca (a 170 m da rúa da Casilla, no Pedrouzo) e a Corredoira do Monte, e, por fin, ao sueste, en dirección ás terras do concello de Touro, os topónimos de Debaixo das Quenllas e As Fontiñas (en dirección á ermida de San Cidre ou Sidro, en Bama).

No lugar hai varios exemplos de hórreos tipo O Pino.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Pereira

Parroquias do Pino

Notas

Categoría:Lugares do Pino