miniatura|165px|A rosa vermella da casa dos Lancaster miniatura|165px|A rosa branca da casa dos York miniatura|dereita|165px|A Rosa Tudor, creada ao termo da guerra civil, unindo ambos os emblemas
A guerra das Dúas Rosas foi unha guerra civil que enfrontou intermitentemente os membros e partidarios da casa de Lancaster contra os da casa de York entre 1455 e 1485. Ambas as familias pretendían o trono de Inglaterra, por orixe común na casa de Plantagenet, como descendentes do rei Eduardo III.
O nome guerra das Dúas Rosas ou guerra das Rosas, fai referencia aos emblemas de ambas as dúas casas, a rosa branca de York e a vermella de Lancaster, foi produto do Romanticismo.
A guerra deuse principalmente entre os membros da aristocracia terratenente e exércitos dos señores feudais. O apoio a cada un dos bandos dependeu nunha gran medida dos matrimonios dinásticos entre a nobreza. O patriarca da casa de Lancaster, Xoán de Gante tivo como primeiro título o de conde de Richmond, o mesmo que detería Henrique VII ao final da guerra. O líder da casa de York foi Edmundo de Langley, que posuía o Señorío de Cambridge. Máis tarde, durante os reinados dos Tudor e dos Estuardo, Richmondshire e Cambridgeshire transformaríanse en focos principais de recusantes e os enxebres ou puritanos, respectivamente. Cómpre destacar que a pelexa entre as faccións se prolongou máis aló da época de Henrique, xa que os monarcas que o seguiron impediron a continuidade dos enfrontamentos.
A guerra das Dúas Rosas provocou a extinción dos Plantagenet e debilitou enormemente as ringleiras da nobreza, ademais de xerar un gran descontento social. Este período marcou o declive da influencia inglesa no continente europeo, o afrouxamento dos poderes feudais dos nobres e, en contrapartida, o aumento da influencia por parte dos comerciantes, e o crecemento e fortalecemento dunha monarquía centralizada baixo os Tudor. Esta guerra sinalou a fin da Idade Media inglesa e o comezo do renacemento.
A loita pola sucesión O antagonismo entre ambas as dúas casas comezou co derrocamento e asasinato do rei Ricardo II, en 1399, a mans do seu curmán Henrique Bolingbroke, duque de Lancaster. Henrique era o cuarto fillo de Xoán de Gante, quen á súa vez era o terceiro fillo de Eduardo III: as súas expectativas de chegar ao trono eran escasas. De acordo á lei de sucesión inglesa e os precedentes sentados pola tradición, a coroa debía recaer nos descendentes masculinos de Leonel de Anveres, segundo fillo supervivente de Eduardo III. De feito, Ricardo II designara herdeiro presunto da coroa o neto de Leonel, Roger Mortimer. Con todo, tolerouse a situación exclusivamente porque o goberno de Ricardo II fora extremadamente impopular. Por esta causa, o Parlamento declarouno rei de Inglaterra e asumiu a coroa co nome de Henrique IV.
Á morte de Bolingbroke, o 20 de marzo de 1413, asumiu a coroa o seu fillo Henrique V, quen era un gran soldado. Os seus logros militares contra Francia durante a guerra dos Cen Anos déranlle unha gran popularidade, permitindo afianzar o control dos Lancaster sobre o trono. Durante o seu curto reinado, Henrique V debeu sufocar unha revolta liderada polo neto de Henrique III, Ricardo, conde de Cambridge. Unha vez desfeito o Complot de Southampton (nome que designa aquela revolta), Ricardo foi executado, o 5 de agosto de 1415, ao comezo da campaña que levaría á vitoria na batalla de Agincourt. No entanto, a dona de Ricardo, Ana Mortimer, aduciu ter tamén dereitos sobre a coroa, xa que era filla de Roger Mortimer e, polo tanto, descendente de Leonel de Anveres. Henrique V finou no ano 1422, e Ricardo, duque de York, conde de Cambridge e fillo de Ana Mortimer, propúxose desafiar o novo rei, o feble Henrique VI.
Henrique VI
dereita|miniatura|136px|Henrique VI.
O rei Henrique VI de Lancaster estaba rodeado dunha morea de rexentes e conselleiros impopulares. Os máis notables deles foron Edmundo de Beaufort, duque de Somerset, e Guillerme da Pole, duque de Suffolk, a quen se acusou de non ser quen de manexar o goberno e concluír a guerra contra Francia. Durante o goberno de Henrique VI perdéronse virtualmente todas as posesións inglesas no continente, incluídas as terras gañadas por Henrique V. Henrique VI comezou a ser percibido como un rei feble e inhábil. Para maiores males, este sufriu por entón unha serie de episodios embarazosos causados por mor dunha enfermidade mental emerxente. Cara mediados da década de 1450, moitos consideraban a Henrique incapaz de gobernar. A legalidade da curta liña de reis Lancaster pasou a estar infestada de dúbidas, e a casa de York fortaleceu a súa pretensión sobre a coroa. O crecente descontento civil, sumado á multiplicación de nobres con exércitos privados e á incapacidade e corrupción da corte de Henrique VI, formaron o clima político ideal para a guerra civil.
Cando, en 1453, o rei padeceu un primeiro episodio grave, produto da súa enfermidade mental, estableceuse un Consello de Rexencia encabezado polo Lord Protector, o poderoso e popular Ricardo Plantagenet, duque de York e líder da súa casa. Ricardo comezou decontado a pugnar audazmente pola súa pretensión ao trono, encarcerando a Somerset, e apoiando os seus aliados Salisbury e Warwick en conflitos menores contra os adherentes á causa de Henrique, especialmente os condes de Northumberland. Con todo, o restablecemento de Henrique, en 1455, frustrou as ambicións de Ricardo, quen axiña foi despedido da corte pola dona do rei, Margarida de Anjou. A incapacidade manifesta de liderado de Henrique traduciuse no fortalecemento da cada vez máis poderosa raíña Margarida, quen se converteu na máxima figura da casa de Lancaster. Ela conformou unha alianza de varios nobres contra Ricardo, co fin de minguar a súa influencia. A crecente frustración de Ricardo e a agresividade da raíña derivaron finalmente en accións armadas, dando lugar á primeira batalla de Santo Albano.
A fase inicial (1455-1460) miniatura|esquerda|148px|A Torre do Reloxo de Santo Albano (c. 1500).
A pesar de que os enfrontamentos armados estouraron xa no período anterior, entre os adherentes do rei Henrique e os seguidores de Ricardo, duque de York, foi durante os anos 1455 e 1489 cando tiveron lugar as principais accións armadas da guerra das Dúas Rosas.
O 22 de maio de 1455, mentres o duque de York dirixía unha pequena forza cara a Londres, foi enfrontado polas tropas leais de Henrique no poboado de San Albano (St. Albans). Este primeiro combate aberto da guerra, a pesar de ser de escala reducida, fundouse na intención de Ricardo de remover da corte os malos conselleiros do rei. O resultado foi a derrota das forzas de Lancaster, morrendo en acción varios dos seus líderes, entre eles Somerset. York e os seus aliados reconquistaron as súas posicións de influencia. Por un tempo, ambos os dous bandos sentíronse impresionados por chegaren ao campo de batalla, e realizaron os seus mellores esforzos para acadaren a reconciliación. Con todo, o rei volveu sufrir un ataque de demencia, designándose a York como Lord Protector e á raíña Margarida como encargada do coidado do monarca, unha posición secundaria e á marxe do poder.
Logo da primeira batalla de Santo Albano, o compromiso adquirido polas partes en 1455 chegou a acadar certo éxito, con York á cabeza do Consello ata a recuperación de Henrique. A pesar disto, os problemas xerados polo conflito emerxeron de novo, en especial o asunto de se correspondía a Ricardo ou a Eduardo de Westminster (fillo de Henrique VI e Margarida) a sucesión da coroa. A primeira quenda era inaceptable para Margarida, quen rexeitou calquera solución que significase o desherdamento do seu fillo, deixando en claro que toleraría esa situación tanto coma durase a supremacía militar do duque de York. Henrique recuperouse no interior do país en 1456, pero a raíña non lle permitiu volver a Londres. Polo menos no interior do reino contaban cunha alta popularidade, non así na capital, onde os mercadores atopábanse alporizados pola caída dos mercados e a ampla desorde. Por estas razóns, a corte do rei estableceuse na cidade de Coventry, onde o novo duque de Somerset, Henrique Beaufort, medraba en popularidade enchendo o posto baleiro do seu pai. A raíña conseguiu convencer o seu esposo da importancia de descoñecer os nomeamentos e arranxos feitos por York, e ordenoulle volver á súa posición en Irlanda. Os disturbios aumentaron e sucedéronse na capital e por toda a costa sur, pero o rei mantívose nos seus cuarteis reforzando as súas posicións. A raíña estableceu a conscrición obrigatoria por primeira vez en Inglaterra, realizando levas para os seus exércitos. Mentres tanto, a popularidade de Ricardo Neville, conde de Warwick e aliado de York, medraba sen pausa, emerxendo como o campión das clases mercantís. miniatura|esquerda|148px|O Castelo de Ludlow
Ante esa situación, York decidiu volver a Inglaterra, retomándose as hostilidades o 23 de setembro de 1459 na batalla de Blore Heath en Staffordshire. Esta acción significou o fracaso do grande exército de Lancaster en evitar que a forza dos York dirixida por Lord Salisbury, proveniente do Castelo de Middleham en Yorkshire, se reunise coas tropas acuarteladas no Castelo de Ludlow. Con todo, a guerra continuou cun triunfo dos Lancaster na batalla da Ponte de Ludfor, que forzou a fuxida cara a Calais de Eduardo, o fillo máis vello de York (e posterior rei Eduardo IV de Inglaterra), Salisbury e Warwick. Os Lancaster recuperaron o control total, nomeando a Somerset gobernador de Calais. Os seus intentos de derrotar a Warwick foron doadamente truncados. Entre 1459 e 1460, os seguidores de York abafaron, dende Calais, distintos puntos da costa inglesa, acrecentando a sensación de caos e desorde.
Para 1460, Warwick e os seus seguidores estaban listos para iniciar a invasión da illa, establecéndose en Kent e en Londres, onde atoparon moito apoio. Henrique dirixiu un exército cara ao sur, mentres Margarida ficou no norte co Príncipe Eduardo. O 10 de xullo de 1460, as forzas atopáronse na batalla de Northampton, que probou ser unha completa desfeita para os Lancaster. O exército de York, dirixido por Ricardo Neville, axudado pola traizón entre os dirixentes Lancaster, logrou prender o rei Henrique VI, levándoo prisioneiro a Londres.
A Acta de acordo
Logo dos seus logros militares, York, baseándose na ilexitimidade da liña sucesora dos Lancaster, decidiuse a reclamar o trono. Desembarcou no norte de Gales, dende onde se dirixiu xunto coa súa dona Cecilia a Londres, onde ambos o dous foron recibidos co cerimonial reservado aos monarcas. O Parlamento estaba reunido e Ricardo agardaba que se lle concedese directamente a coroa, tal e coma fixeran en 1399 con Henrique IV. No canto diso atopou un silencio sepulcral. Ao anunciarse a súa pretensión á coroa, os lores, incluídos Warwick e Salisbury, estaban abraiados coas súas intencións. Non había ánimo entre eles para destronar o rei Henrique, senón que se limitaron aos seus esforzos orixinais, expulsando os malos conselleiros.