O cloud rap, tamén coñecido como trillwave, é un subxénero do hip hop que xurdiu da escena do hip hop do sur dos Estados Unidos entre finais da década de 2000 e principios da de 2010. O estilo nutrese de influencias do trap, a música ambient e a new age para crear unha sonoridade atmosférica, relaxada, difusa e onírica, mediante o uso extensivo de reverberación e samples etéreos e fragmentados ( chopped samples ). Foi impulsado inicialmente por artistas e produtores como Lil B, Clams Casino, Friendzone, Main Attrakionz, Viper, Metro Zu e SpaceGhostPurrp.
En 2010, o blogueiro musical Walker "Walkmasterflex" Chambliss, cofundador do blog Space Age Hustle, cuñou o termo "cloud rap" para describir a música de Squadda B, membro de Main Attrakionz. O termo popularizouse inda máis co álbum recompilatorio do grupo, 3 Years Ahead: The Cloud Rap Tape. En 2011, o xénero gañou popularidade co lanzamento do primeiro sinxelo de ASAP Rocky, "Peso", seguido de "Purple Swag" e da súa mixtape de debut, Live. Love. ASAP ; este traballo contou coa produción de Clams Casino e Friendzone, así como coa colaboración de Main Attrakionz e SpaceGhostPurrp.
En 2013, Yung Lean publicou o sinxelo "Ginseng Strip 2002", que se fixo viral en internet e contribuíu a popularizar inda máis o estilo. O seu colectivo, Sad Boys, adquiriu relevancia na escena do cloud rap. Outros artistas destacados, como Bones, Xavier Wulf, Chris Travis, Night Lovell e Black Kray, converteríanse tamén en figuras prominentes desta escena. O cloud rap influíu en varios xéneros de rap xurdidos en internet, como o emo rap, digicore, hexD, jerk, rage e sigilkore.
Notas
Categoría:Subxéneros do Hip hop