Peter Kenilorea, nado como Kenirorea Kau'ona Keninaraiso'ona en Takataka o 23 de maio de 1943 e finado en Honiara o 24 de febreiro de 2016, foi un alto funcionario e político salomonés. Foi o primeiro ministro das Illas Salomón entre 1978 e 1981 e de novo de 1984 a 1986. Traxectoria Kenilorea naceu nunha aldea do distrito de 'Are'are, no sur da illa Malaita. Seu pai, Ezra Toi'mae Arahaimou, da tribo to'oroniera do poboꞌareꞌare era pastor da pentecostal Igrexa Evanxélica dos Mares do Sur. Súa nai, Esther Hoirao, era filla do pastor Jeremiah Akoiasi, da aldea de Maanawai e da tribo wauruha do pobo 'are 'are . En 1956 ingresou na King George VI School de Auki, onde estudou ata 1963 onde se aplicaba unha política inmersiva en inglés con prohibición para os alumnos de empregaren as súas linguas maternas, o que provocou que despois de tres anos Kenilorea non fose quen de se expresar na lingua 'are 'are. En 1964 obtivo unha bolsa do Plan Colombo que lle permitiu continuar a súa formación en Nova Zelandia, e alí estudou no Wesley College de Paerata (1964), no Wanganui Boys' College (1966) e no Ardmore Teachers' College de Auckland, onde se diplomou en 1967. Persoa fondamente relixiosa, Kenilorea foi predicador laico da Igrexa Evanxélica dos Mares do Sur e participou a título individual na creación da Solomon Islands Christian Association en 1967. En 2008 publicou a súa autobiografía Tell It As It Is. Autobiography of Rt. Hon. Sir Peter Kenilorea, KBE, PC Solomon Islands’ First Prime Minister Función pública De volta ás Illas Salomón deu clases de secundaria no King George VI School, que en 1965 trasladara a súa sede a Honiara, de 1968 a 1971. En 1970, como presidente da Asociación do Servizo Civil, exerceu a súa influencia para lograr un servizo público con máis presenza da poboación nativa. E en 1971 tras cursar un programa intensivo na Universidade do Sur do Pacífico e lograr o certificado en administración pública, ingresou na función pública dentro do proceso coñecido como indixenizaciónCoñecido en inglés, lingua de referencia ao ser un termo que xurdiu no seo da administración colonial británica do que as Illas Salomón formaban parte na época, como localization. Véxase: Kirk-Greene, A. H. M. (2000). Britain’s Imperial Administrators, 1858–1966. Palgrave Macmillan ou substitución gradual dos funcionarios británicos por nativos . Foi subsecretario de finanzas (1971) que dependía do alto comisario, para pasar logo á administración xeral e así ocupou o posto de oficial de distrito de Isabel en 1972 e o de Malaita do Norte en 1973 e nese ano pasou á administración central para desempeñar o posto de oficial superior de terras (1973-1974). En 1974 converteuse no primeiro salomonés nativo en asumir os cargos de secretario do ministro xefe e vicesecretario do Gabinete e en 1975 fíxose cargo do posto de comisario do distrito de Salomón Oriental.
Actividade política A súa primeira actividade política pública data de 1970 ao se presentar ás eleccións xerais de 1970 como independente pola circunscrición de Honiara, mais o gañador foi Peter Salaka, quen acababa de fundar un efémero Partido Laborista, e Kenilorea quedou segundo co 21,7 % dos votos. Nas eleccións de 1973 presentou a súa candidatura pola circunscrición de 'Are 'are, a súa circunscrición natal, pero perdeu fronte ao outro candidato David Kausimae que renovou o seu escano mentres Kenilorea logrou o 36,86% dos votos. Nas eleccións de 1976 presentouse como independente, sen oposición, na nova circunscrición de 'Are 'are oriental e logrou entrar na Asemblea Lexislativa. E aínda que concorreron tres partidos políticos, o grupo máis numeroso entre os lexisladores era o Grupo Independente que integraba 15 dos 38 deputados, que presentou a Kenilorea como o seu candidato a ministro xefe e, na sétima votación impúxose a Solomon Mamaloni por 21 votos a 16, e pasou a ser o segundo ministro xefe tras o propio Mamaloni. Xefe do goberno Kenilorea desempeñou un papel central no proceso constitucional que levou á independencia das Illas Salomón. En 1977 encabezou a delegación parlamentaria que negociou en Londres os termos constitucionais e financeiros da independencia. A Constitución de 1978 estableceu un sistema parlamentario baseado no modelo de Westminster e entrou en vigor coa independencia, o 7 de xullo de 1978 e Kenilorea tornouse o primeiro primeiro ministro das Illas Salomón. Para concorrer ás eleccións de 1980 Kenilorea formou o Partido Unido das Illas Salomón que se presentou formalmente en marzo dese ano e aínda que Kenilorea renovou o seu escano sen problemas o seu partido foi o primeiro con 15 escanos, a maioría dos deputados eran independentes e Kenilorea estableceu un goberno en minoría co apoio do Grupo Independente. Pero en agosto de 1981 perdeu a confianza do Parlamento e os independentes uníronse cos partidos da oposición para formar un novo goberno dirixido por Mamaloni. Nas eleccións de 1984 o seu partido quedou de primeiro con 13 escanos e Kenilorea converteuse en primeiro ministro o 24 de outubro. Posicións posteriores En decembro de 1986 dimitiu logo de se ver implicado nun escándalo financeiro e en 1988 asumiu o posto de ministro de asuntos exteriores ata 1989 e de novo de 1990 a 1991. Entre 1991 e 1994 foi director xeral da Pacific Islands Forum Fisheries Agency e de 1996 a 2001 foi defensor do pobo das Illas Salomón.
Durante a violencia étnica que viviu a illa de Guadalcanal no cambio de século entre os habitantes orixinarios da illa e os procedentes da illa de Malaitaparticipou como presidente, canda Paul Tovua, nas negociacións destinadas a favorecer o proceso de paz. Entre decembro de 2001 e 2010 foi o presidente do Parlamento. Presentouse en 2012 ás eleccións parciais no distrito de 'Are 'are oriental, pero quedou terceiro con pouco máis do dez por cento dos votos. Posicións políticas Democracia e constitucionalismo Kenilorea identificábase como político conservador e de dereitas, mais esa posición debía entenderse no seo dunha sociedade salomonesa de carácter comunitaria e relacionaba a súa concepción da liberdade cos seus principios cristiáns e a súa crenza na democracia. e aínda que valoraba o liderado tradicional das comunidades consideraba que o exercicio do poder político debía corresponder ás institucións políticas do Estado Política nuclear Como primeiro ministro Kenilorea defendeu unha política contraria á entrada nas augas territoriais, portos e aeroportos das Illas Salomón de buques e aeronaves con propulsión nuclear ou capacidade para transportar armas nucleares. Nun discurso ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1985 presentou esta política como parte do compromiso do país coa paz, co dereito internacional e coa oposición ás armas de destrución masivae condenou e lamentou enerxicamente a actividade militar e os ensaios nucleares de Francia no atol de Mururoa e a utilización do Pacífico para as "preocupacións egoístas" dunha potencia europea e mesmo cualifiicou as pretensións francesas na rexión como "colonialistas en todos os aspectos".
Notas
Categoría:Nados en 1943 Categoría:Nados nas Illas Salomón Categoría:Finados en 2016 Categoría:Primeiros ministros das Illas Salomón Categoría:Valedores