miniatura|O acordo de xurisdición busca que unha causa se substancia perante un tribunal que se poida percibir como adecuado ou favorable. Un acordo de xurisdición (tamén coñecido como elección de foro ou cláusula de submisión) é un pacto ou estipulación entre dous particulares polo cal se obrigan a litigar perante os tribunais dun determinado Estado en caso de que xurda unha controversia entre eles, excluíndo, con carácter xeral, a competencia de calquera outro. O ordenamento vixente actualmente en España e na Unión Europea (que ten competencia para lexislar no eido coa competencia xudicial internacional dos Estados membros) permite este tipo de pactos nun bo número de materias (familia, menores...), pero é no ámbito da contratación no cal os individuos teñen maior liberdade para determinar qué organos serán competentes para resolver os conflitos entre eles.

Os acordos de xurisdición son unha figura que garda unha estreita relación coa cláusula compromisoria ou convenio arbitral, en virtude do cal se acorda resolver calquera conflito ante un específico tribunal arbitral, excluíndo no proceso a competencia dos tribunais da xurisdición ordinaria.

Efectos do acordo de xurisdición O acordo de xurisdición desprega, principalmente, dous efectos:

O efecto prorrogatorio da competencia (prorrogatio fori), polo cal uns tribunais que anteriormente non eran competentes para coñecer dun litixio por ser alleos ao mesmo, adquiren dita competencia por seren elixidos a tal fin. O efecto derrogatorio da competencia (derogatio fori), polo cal uns tribunais que si tiñan competencia para resolver respecto dunha cuestión por seren «próximos» a ela, perden esa competencia por existir un acordo que privilexia a outros tibunais para exercer dita función. Este efecto derrogatorio, en calquera caso, está supeditado a que as partes non o exclúan.

Dobre natureza dos acordos de xurisdición Os acordos de xurisdición presentan, por unha banda, unha natureza contractual, pois non son senón unha estipulación ou acordo entre dous particulares, polo que están suxeitos a certas exixencias de validez propias dese tipo de relacións: requiren a emisión dun consentemento válido e do cumprimento dunhas determinadas exixencias formais.

Porén, esa natureza convive cunha eficacia unicamente procesal, pois o acordo desprega os seus efectos unicamente nese eido: isto é, a súa eficacia limítase única e exclusivamente a modular (nun sentido prorrogatorio ou derrogatorio) a competencia duns determinados órganos xurisdicionais, sendo controvertido o recoñecemento doutros efectos, como pode ser o dereito a percibir unha compensación en caso de que se incumpra un destes acordos (se ben, en determinados casos, esa posibilidade ten tido relevancia).

Transcendencia e utilidade dos acordos de xurisdición

O emprego dos acordos de xurisdición goza de ampla difusión no eido do comercio internacional, especialmente en sectores caracterizados pola súa alta internacionalización, como poden ser o do transporte marítimo ou o das inversións. O motivo é que se trata dunha ferramenta útil para paliar a crónica inseguridade que os devanditos ámbitos sofren respecto de qué tribunais poderían coñecer dun litixio derivado dese tipo de contratos, pois os mesmos gardan relación con múltiples xurisdicións, moitas das cales non resulta interesantes para os involucrados nesa relación.

Porén, ese obxectivo non sempre é o fundamento da introdución dun acordo de xurisdición nun deses contratos. A miúdo a finalidade é outra, concretamente o conseguir que calquera litixio se substancia ente uns tribunais que, pola súa localización, o seu funcionamento e a normativa que vaian a aplicar, se perciban como idóneos. Esta práctica é a denominada como forum shopping.

Notas

Categoría:Dereito