O Servicio Central de Documentación (SECED) foi o servizo de intelixencia español durante o final da ditadura de Francisco Franco e o principio da Transición (1972-1977). Foi continuador da Organización Contrasubversiva Nacional (OCN), creada en 1968 por mor dos movementos estudantís daquel ano.
Dentro do réxime valorouse a posibilidade de crear un Centro de Información e Documentación (CIDOC). O subsecretario da presidencia do goberno, Luis Carrero Branco, creou o 22 de xaneiro de 1972 o Servicio Central de Documentación, segundo o Decreto 511/1972. A súa sede instalouse inicialmente no número 10 da madrileña rúa de Alcalá Galiano. Posteriormente o ente mudouse ao número 5 do paseo da Castellana, o edificio de enfronte, que albergara a antiga sede da Dirección Xeral de Marrocos e Colonias. En 1977, xa durante a Transición, transformouse no Centro Superior de Información da Defensa (CESID) mediante a fusión coa Tercera Sección de Información del Alto Estado Mayor.
Organización O SECED estaba organizado en dúas grandes estruturas: a de información e a de operacións. Ao mesmo tempo había departamentos de acción psicolóxica, así como de diferentes asuntos especiais. Todo estaba baixo o mando dunha secretaría xeral, que era o Estado Mayor do servizo e o receptor de toda a información recibida.
A finais de 1973 o SECED estaba comprendido nunha ducia de delegacións rexionais e media ducia de subdelegacións provinciais repartidas por toda a xeografía española. Tamén contaba con oficinas e delegacións en varios departamentos ministeriais.
Operacións O SECED preocupouse fundamentalmente de combater os gromos terroristas que xurdiran.
Entre as operacións máis importantes que levou a cabo o SECED está a Operación Promesa, que supuxo o contacto con varios grupos políticos que posteriormente participaron na Transición. Outras operacións importantes foron a Operación Lucero e a Operación Alborada, que axudaron a preparar o camiño á Transición.
Probabelmente a operación máis importante do SECED foi a Operación Lobo. Mediante un axente infiltrado, Mikel Lejarza, conseguiron acabar con máis da cuarta parte de ETA, así como a maioría da cúpula terrorista.
Con todo, foron tamén responsábeis do terrorismo de extrema dereita. Destacan, entre outras, a Operación Reconquista, que levou aos sucesos de Montejurra. Así o confesou José Antonio Sáenz de Santa María, destacado militar e alto responsábel policial durante a Transición española.
Véxase tamén Terrorismo de estado Centro Nacional de Intelixencia (CNI)
Notas
Bibliografía
Categoría:Servizos de intelixencia Categoría:Historia de España do século XX Categoría:Franquismo