Juana Ontañón Valiente, nada en Madrid o 22 de outubro de 1886 e finada na Cidade de México o 22 de agosto de 1972, foi unha mestra española, alumna da Institución Libre de Enseñanza e cofundadora do Ateneo Pablo Iglesias de Pamplona.

Traxectoria Juana foi a única muller dos 6 fillos de Teófila Valiente e José Ontañón Arias, institucionista e profesor de alemán da Escola de Estudos Superiores de Maxisterio. Estudou bacharelato como alumna libre no Instituto Cardenal Cisneros, e ao concluílo emprendeu, acompañando ao seu pai, unha viaxe de estudos por Alemaña. Ao seu regreso ingresou na escola Superior de Maxisterio, onde tivo entre as súas compañeiras a María de Maeztu (quen sacaría o número un da súa promoción, e Juana o número 2). Gañou praza por oposición na Escola Superior de Mestres de Cáceres.

En Cáceres coñeceu a Miguel del Río Guinea, profesor de matemáticas de instituto, con quen casou en 1914. Dous anos despois naceu o seu único fillo, Miguel. Ao pouco tempo a familia trasladouse a Pamplona onde residiron durante case 20 anos. En 1933 Juana e a súa familia trasladáronse a Madrid, onde ela exerceu como docente na Escola Normal. Tras estalar a guerra civil española abandonou a capital de España para continuar o seu traballo en Valencia e Barcelona.

Derrotada a República, o seu fillo, que ao alistarse separárase dos seus pais, volveu reunirse con eles en Francia. Dende alí os tres embarcaron para o exilio no buque Sinaia e arribaron a Veracruz (México) o 13 de xuño de 1939.

Unha vez instalada a familia, Juana retomou o seu labor docente no Instituto Luis Vives, fundado polos exiliados, dentro da Universidade Feminina. Tamén deu cursos para estranxeiros na Universidade Autónoma de México. Tras a morte do seu marido trasladouse a Boston, onde deu clases no Bryn Man College durante o curso 1946-1947. Tras este breve inciso regresou de novo a México para reunirse co seu fillo e os seus netos, país no que residiu até a súa morte en 1972.

Ademais do seu traballo como docente, Juana Ontañón traballou para a editorial mexicana Porrúa, como prologuista de diversas obras de autores como Alarcón, Bécquer, Espronceda, Larra, Valera ou Gabriel Miró. Tamén escribiu unha biografía de Santa Teresa de Ávila, publicada en 1977, cinco anos despois da súa morte.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en Madrid

Categoría:Alumnos da Institución Libre de Enseñanza Categoría:Finados en 1972 Categoría:Nados en 1886 Categoría:Personalidades sen imaxes