A interleucina 27 (IL-27) é un membro da familia da IL-12 de citocinas. É unha citocina heterodímera que está codificada por dous xenes distintos: EBI3 e IL-27p28. A interleucina 27 exprésana as células presentadoras de antíxenos e interacciona cun complexo receptor da superficie celular específico chamado receptor de IL-27 (IL-27R). Este receptor consta de dúas proteínas: IL-27Rɑ e gp130. IL-27 induce a diferenciación de diversas poboacións de células T no sistema inmune e tamén regula á alza a IL-10.
Transdución de sinais Cando IL-27 se une ao receptor de IL-27, actívanse vías de sinalización como a vía JAK-STAT e a da p38 MAPK. Hai dous tipos de respostas, chamadas proinflamatoria e antiinflamatoria, que implican diferentes tipos de células, como macrófagos, células dendríticas, células T e células B. A resposta que se activa é moi dependente do ambiente que rodea a IL-27.
Diferenciación de células T Hai moitos subconxuntos de células T, como Th1, Th2, Th17, Tr1 e Treg. A IL-27 está moi implicada na diferenciación destas células ao inducir ou suprimir cada subconxunto de células T. As células Th1, que expresan o IFNγ, xéranse pola intervención de IL-27 por medio da dimerización de STAT1 e a localización nuclear que seguidamente leva á expresión de T-bet e de xenes sinatura de Th1. As células Th2, que expresan a IL-4, son inhibidas pola IL-27 por medio do factor de transcrición GATA-3. As células Th17, que expresan IL-17, IL-22 e o factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos (GM-CSF), son inhibidas por IL-27 por medio de STAT1 e da expresión do factor de transcrición RORγt. As células Tr1, que expresan IL-10, son inducidas por IL-27 por medio do factor de transcrición c-Maf. As células Treg son inhibidas pola IL-27 por medio de STAT1 e STAT3.
Produción de IL-10 IL-10 actúa de modo antiinflamatorio ao suprimir respostas inflamatorias. Unha forma por medio da cal IL-27 pode ter unha resposta antiinflamatoria é pola expresión de IL-10. IL-27 está implicada na produción de IL-10 ao estimular varios subconxuntos de células T, especialmente células Tr1. Tamén están implicados os factores de transcrición STAT1 e STAT3 que se unen especificamente ás subunidades do receptor, a IL-27ɑ e a glicoproteínas. IL-27 pode activar a sinalización de STAT3, o que finalmente orixina un incremento da secreción de IL-10 polas células Treg.
Notas
Categoría:Citocinas