Myonycteris torquata é unha especie de megaquiróptero da familia Pteropodidae que vive en Angola, Camerún, a República Centroafricana, a República do Congo, a República Democrática do Congo, Costa do Marfil, Guinea Ecuatorial, Gabón, Ghana, Guinea, Liberia, Nixeria, Ruanda, Serra Leoa, Sudán do Sur, Togo e Uganda. Os seus hábitats naturais son bosques de terras baixas húmidos tropicais e subtropicais e a sabana húmida.

Anatomía e fisioloxía Ten un prominente colar de pelos ríxidos e pegañentos que cobren a pelame da gorxa e os lados do pescozo en adultos. Na súa parte dorsal, a pelame é longa e de cor castaña, comparada coa súa superficie ventral que é máis curta e a cor máis clara. O carecer de penachos auriculares basais e de ombreiras axuda a distinguilo doutras especies de morcegos da froita.

Ecoloxía Sábese pouco da súa ecoloxía. Segundo Bergmans (1976), parece ser unha especie solitaria, que pasa a maior parte do tempo na selva e preto do límite entre o bosque e a sabana. Adoita voar nos estratos superiores do bosque, descendendo ás veces a niveis inferiores, onde pode observarse. Disponse de moi poucos espécimes en coleccións, o que suxire a súa rareza.

Taxonomía Hai pouca diferenza entre as dúas subespecies descritas M. t. leptodon e M. t. wroughtoni, e a miúdo considéranse divisións taxonómicas indefinidas.

Conexión co virus Ébola M. torquata é unha das tres especies de morcegos da froita africanos nas cales se atoparon anticorpos contra o virus Ébola, xunto con ARN do virus. Porén, nunca se illou neles o virus. Non se sabe se estas especies son hóspedes accidentais ou un reservorio para o virus Ébola que causa infección en humanos e outros mamíferos terrestres. Malia que se atoparon evidencias da infección do ébola en M. torquata, os morcegos parece que non enferman.

Notas

Categoría:Quirópteros Categoría:Animais descritos en 1878