Asclepias é un xénero de plantas herbáceas, con flores e perennes, caracterizadas por produciren un látex que contén glicósidos cardíacos chamados cardenólidos, que exsudan cando as células sofren danos. A maioría das especies son tóxicas para os humanos e moitas outras especies, principalmente pola presenza dos cardenólidos. Porén, como ocorre con moitas plantas, algunhas especies aliméntanse das súas follas ou do néctar das súas flores sen que lles fagan mal. Un insecto que se alimenta de certas especies de asclepias é a bolboreta monarca, que as necesita como hóspede para as súas eirugas.
O xénero Asclepias conté unhas 200 especies distribuídas en África, América do Norte e do Sur. Previamente clasificábase dentro da familia Asclepiadaceae, a cal se considera agora unha subfamilia (Asclepiaidoidea) dentro da familia Apocynaceae.
Etimoloxía e primeiras clasificacións No século I d. C. Dioscórides describiu unha planta chamada ἀσκληπιάς (asklepias) en grego e Plinio o Vello describiu unha plaanta chamada asclepias en latín. Aínda que se adoita explicar que deriva do nome do deus grego da medicina Asclepio (Esculapio), ningún dos autores menciona ao deus en relación con esta planta. A planta á que se refiren eses autores foi despois identificada como a Vincetoxicum hirundinaria, que non pertence, pois, ao xénero Asclepias. Algúns botánicos non están de acordo con isto porque, aínda que as descricións antigas son curtas e vagas, Vincetoxicum hirundinaria non ten follas como as dunha hedra.
Linné foi quen primeiro describiu o xénero Asclepias na súa obra Genera Plantarum de 1737 sen especificar ningunha especie de planta no xénero. Linné publicou Flora Suecica en 1745 e Materia Medica en 1749. A única Asclepias que menciona en calquera deses libros era a Asclepias vincetoxicum. Ambos os libros mencionan que en farmacia esta planta se denominaba Hirundinariæ. En ningunha das obras dá Linné indicacións sobre a orixe do nome Asclepias, seguramente porque era o que levaban usando para estas plantas algúns herboristas e botánicos durante séculos. Estas publicacións fixéronse antes da súa innovación de 1753 da nomenclatura científica binomial, que debería constar só de dúas palabras -xénero e especie- en vez de dunha descrición moito máis longa.
Cando Linné describiu as 18 especies que se asignaron ao xénero Asclepias no seu libro Species Plantarum de 1753, incluíu Asclepias vincetoxicum. Esta planta chámase agora Vincetoxicum hirundinaria e está fóra do xénero. Desas 18 especies, 7 foron asignadas a outros xéneros en anos posteriores: Xysmalobium undulatum, Calotropis gigantea, Gymnema lactiferum, Vincetoxicum hirundinaria, Vincetoxicum nigrum, Gomphocarpus fruticosus e Cynanchum thesioides. As especies que seguen permanecendo en Asclepias das descritas por Linné son: A. syriaca, A. amoena e A. purpurascens (agora ambas consideradas A. purpurascens), A. variegata, A. nivea, A. incarnata, A. curassavica, A. decumbens e A. tuberosa (ambas agora consideradas A. tuberosa), A. verticillata e A. rubra.
Flores miniatura|Unha bolboreta monarca sobre unha Asclepias incarnata. miniatura|Cápsulas das sementes de Asclepias syriaca, imaxe superior en agosto e a de abaixo en decembro. miniatura|Brote de asclepias, uns poucos días despois da sementeira. miniatura|A estrutura química da oleandrina, un dos glicósidos cardíacos. Os membros do xénero producen algunhas das flores máis complexas do reino das plantas, comparables coas das orquídeas en complexidade. As flores teñen cinco pétalos que se reflicten cara atrás revelando un xinostexio rodeado por unha coroa de cinco membranas. A coroa está composta por unha estrutura de caparuza e corno de cinco pares na que a caparuza actúa como unha funda para o corno interno. Unhas glándulas que levan polinios encóntranse entre a caparuzas. O tamaño, forma e cor dos cornos e caparuzas adoitan ser importantes para identificar as especies do xénero.http://orbisec.com/milkweed-flower-morphology-and-terminology/ Milkweed Flower Morphology
A polinización neste xénero realízase dun xeito pouco común. O pole está agrupado en complexas estruturas chamadas polinios (ou "sacos polínicos"), en vez de ser grans separados ou tétrades, como é normal na maioría das plantas. Os pés ou a pezas bucais dos insectos que visitan as flores, como as abellas, avespas e bolboretas, escorregan nunha das cinco fendas de cada flor formadas polas anteras adxacentes. As bases dos polinios entón adhírense mecanicamente aos insectos, e un par dos sacos polínicos poden separarse quedar pegados ao insecto polinizador cando sae voando, iso supoñendo que o insecto é o suficientemente grande para producir a necesaria forza de arrastre (se non, o insecto pode quedar atrapado e morrer).Robertson, C. (1887) Insect relations of certain asclepias. I. Botanical Gazette 12: 207–216 A polinización efectúase por un procedemento inverso no cal un dos polinios queda atrapado na fenda da antera. Os insectos himenópteros de grandes corpos (abellas, avespas) son os polinizadores mellores e máis comúns, que realizan un 50 % de toda a polinización das Asclepias,Ollerton, J. & S. Liede. 1997. Pollination systems in the Asclepiadaceae: a survey and preliminary analysis. Biological Journal of the Linnean Society (1997), 62: 593–610. mentres que as bolboretas monarcas son polinizadores bastante malos destas plantas. miniatura|Macho de Pepsis grossa, unha avespa polinizadora típica das asclepias. miniatura|Abella do mel en Asclepias asperula mostrando polinios que lle quedaron pegados ás patas. miniatura|Sementes de Asclepias syriaca dispersadas polo vento.
As especies de Asclepias producen as sementes en cápsulas denominadas folículos. As sementes, que están dispostasn en ringleiras solapadas, levan un grupo de pelos como filamentos sedosos brancos coñecido como a comaSacchi, C.F. (1987) Variability in dispersal ability of Common Milkweed, Asclepias syriaca, seeds, Oikos Vol. 49, pp. 191–198 (a miúdo denominado con outros nomes como papo, "fíos", "pluma", ou "seda"). Os folículos maduran e abren, e as sementes, cada unha levando a súa coma, son levadas polo vento. Algunhas asclepias tamén se reproducen por reprodución clonal (reprodución vexetativa).
Ecoloxía As asclepias son unha importante fonte de néctar para as abellas e avespas nativas e outros insectos que buscan néctar, aínda que as abellas do mel non nativas xeralmente quedan atrapadas nas fendas dos estigmas e morren. As asclepias son tamén unha fonte de alimento para as larvas da bolboreta monarca e os seus parentes, así como diveros insectos herbívoros (como moitos escaravellos, avelaíñas e hemípteros) especializados en comer estas plantas malia as súas defensas químicas.
As asclepias usan tres defensas principais para limitar os danos causados polas eirugas: pelos nas follas (tricomas), toxinas cardenólidas e fluídos de látex. Os datos de estudos de ADN indican que, xeralmente, as especies de asclepias que evolucionaron máis recentemente ("derivadas" en terminoloxía botánica) usan menos estas estratexias preventivas e crecen máis rápido que as especies máis antigas, polo que potencialmente volven a crecer con máis rapidez que o que as eirugas poden comer.
As investigacións realizadas indican que o contido moi alto en cardenólidos de Asclepias linaria reduce o impacto do parasito Ophryocystis elektroscirrha da bolboreta monarca (Danaus plexippus). O parasito causa buracos nas ás das bolboretas monarcas completamente desenvolvidas. Isto debilita a resistencia e fai que non sexan capaces de migrar. O parasito só infecta as monarcas cando son larvas e eirugas, pero o prexuízo prodúcese cando están na fase de bolboreta. A diferenza do anterior, algunhas especies de Asclepias teñen cantidades escasas de cardenólidos, como Asclepias fascicularis, Asclepias tuberosa e Asclepias angustifolia.
A conservación da bolboreta monarca e as asclepias As follas das especies de Asclepias son unha fonte de alimentos para as larvas de bolboreta monarca e algunhas outras bolboretas das asclepias. Estas plantas son a miúdo usadas en xardinaría de bolboretas e en estacións de paso das monarcas nun intento de axudar a aumentar a poboación minguante de monarcas.
Porén, algunhas especies de asclepias non son axeitadas para os xardíns de bolboretas e as estacións de paso das monarcas. Por exemplo, A. curassavica (asclepia tropical) plántase a miúdo como ornamental nos xardíns de bolboretas fóra da súa área de distribución nativa de México e América Central. As plantas anuais destas especies nos Estados Unidos son controvertidas e criticadas, xa que poden orixinar novos sitios para pasar o inverno ao longo da costa do Golfo de México nos Estados Unidos e a conseguinte reprodución durante todo o ano das monarcas. Isto pénsase que afecta adversamente aos padróns de migración, e causa unha acumulación drástica do parasito perigoso Ophryocystis elektroscirrha. Novas investigacións tamén mostaron que as larvas de monarcas criadas sobre asclepias tropicais mostran un desenvolvemento migratorio reducido (diapausa reprodutiva), e cando os adultos migratorios están expostos á asclepia tropical, estimúlase o crecemento dos tecidos reprodutivos.
Debido a isto, adoita suxerirse que se planten asclepias que sexan nativas da área xeográfica para previr impactos negativos nas bolboretas monarcas.
As eirugas monarcas non prefiren a A. tuberosa, quizais porque as follas desa especie conteñen mi pouco cardenólido. .
Usos As asclepias non se cultivan comercialmene a grande escala, mais tiveron moitos usos ao longo da historia humana, fundamentalmente de tipo medicinal, doméstico e militar. En América do Norte, o pobo omaha de Nebraska, os menomini de Wisconsin e norte de Míchigan, os dakota de Minnesota, e os ponca de Nebraska, usaron tradicionalmente a A. syriaca con propósitos medicinais. As fibras vexetais dalgunhas das especies poden usarse para facer cordas. O pobo miwok do norte de California utilizaba A. cordifolia polos seus talos, que secaban e usaban como cordas, barazas e sogas.
Os finos pelos sedosos unidos ás sementes das asclepias, que facilitan a súa dispersión a longas distancias polo vento, son como fíos. Estes fíos son moi difíciles de fiar debido ao curtos e lisos que son os filamentos, pero mesurándoos con algo de la (25 %) ou outra fibra producen un fío traballable.
Un estudo sobre as propiedades illantes de varios materiais encontrou que o fíos de asclepias eran superados por outros materiais en canto ao illamento e grumosidade, pero melloraba moito cando se mesturaba con penuxe. Os filamentos da coma (ou fíos) está ocos e cubertos de cera, e teñen boas cualidades de illamento. Durante a segunda guerra mundial, recolléronse máis de 5000 t de fío de asclepias nos Estados Unidos como substituto do kapok en chalecos salvavidas. As asclepias cultívanse comercialmente a pequena escala como recheo hipoalerxénico para almofadas e como illamento para abrigos para o inverno. O uso de fíos de asclepias para estes propósitos podería proporcionar unha alternativa baseada nas plantas aos recheos de penuxe e promover o cultivo de asclepias en áreas onde este declinou, aínda tamén hai preocupación sobre os impactos medioambientais do seu monocultivo.
A A. syriaca cultivada no val de San Lourenzo de Quebec coñecida como a soie d'Amérique ("seda de América"), usando o termo "seda" que lle aplicou o naturalista Charles Sigisbert Sonnini en 1810, cando se utilizaba a planta en Francia para producir fibra téxtil. Os fíos de asclepias poden usarse no illamento térmico e acústico. Ten unha gran flotación e repele a auga, pero absorbe o petróleo doadamente, así que pode usarse para limpar verteduras de cru. miniatura|upright|Sementes de Asclepias syriaca.