João de Barros, tamén escrito Joam de Barros e Ioam de Barros, chamado o Grande ou o Tito Livio portugués, nado en Viseu, 1496 e finado en Pombal, Santiago de Litém, Ribeira, o 20 de outubro de 1570, é xeralmente considerado o primeiro gran historiador portugués e pioneiro da gramática da lingua portuguesa, tendo escrito a segunda obra para normativizar a lingua tal e como era falada no seu tempo.
Traxectoria Fillo ilexítimo dun corrixidor de Entre Tejo e Guadiana, foi educado na corte de D. Manuel I, durante o apoxeo dos Descubrimentos. A súa prolífica carreira literaria comezou arredor dos vinte anos, cando escribiu a novela cabaleiresca, Crónica do Emperador Clarimundo, onde os Reys de Portugal descendem, dedicada ao príncipe mentres servía como o seu guarda-roupa. Este, ao ser coroado como Xoán III, outorgoulle o cargo de capitán da fortaleza de São Jorge da Mina. En 1525 foi nomeado tesoureiro da Casa da Índia, cargo que desempeñou até 1528.
Este, ao ascender ao trono como rei Xoán III en 1521, outorgoulle o cargo de capitán da fortaleza de São Jorge da Mina, de onde partiu ao ano seguinte. En 1525 foi nomeado tesoureiro da Casa da Índia, un cargo que desempeñou até 1528.
A peste de 1530 levouno a refuxiarse na súa granxa de Ribeira de Alitém, onde completou o seu diálogo moral, Rhopicapneuma.
Ao regresar a Lisboa en 1532, foi nomeado feitor das Casas da Índia, un cargo de responsabilidade nunha Lisboa que entón era un emporio europeo para todo o comercio con Asia. Barros demostrou ser un bo e desinteresado administrador, algo pouco común na época, amasando moi pouco diñeiro (os seus predecesores no cargo adquiriran grandes fortunas).
Casou con María de Almeida, filla de Diogo de Almeida (escriba do Almacén de Lisboa) e sobriña de Lourenço de Cáceres, que recibira o encargo de escribir a História da India, tarefa á que lle sucedeu João de Barros. O matrimonio tivo tres fillas e cinco fillos varóns. miniatura|Efixie de João de Barros no Monumento aos Descubrimentos.|346x346px
Expedición ao Brasil En 1534, Xoán III promoveu a colonización do Brasil para frear a presión francesa, seguindo o modelo de capitanías hereditarias dos Azores, Madeira e Cabo Verde. João de Barros recibiu territorios das capitanías do Maranhão e Río Grande, e enviou unha frota de dez barcos, con 900 homes e máis de cen cabalos. A exploración repartiu a zona por leguas entre Paraíba, Rio Grande do Norte, Ceará, Piauí, Maranhão e Pará. Logo de pasar por Pernambuco, dobrar o cabo São Roque e chegar á illa da Trindade, a expedición sufriu dificultades, ataques potiguara e unha retirada final, con barcos que acabaron mesmo nas Antillas capturados por barcos casteláns.
Arredor de 1550, João de Barros tentou colonizar de novo a súa capitanía, reunindo unha frota na que enviou aos seus fillos na que participaron os seus fillos Jerónimo e João, pero o pobo tupí guaraní e os franceses ofreceron unha forte resistencia e, unha vez máis, os expedicionarios regresaron a Portugal. En 1554, Luís de Melo da Silva foi de novo explorar a rexión con 3 barcos, pero naufragou nas súas augas pouco profundas.
A Gramática da Língua Portuguesa e as "Décadas" miniatura|Frontispicio da Grammatica da lingua portuguesa, publicado en 1540.|317x317px De Barros continuou os seus estudos e após a desastrosa expedición ao Brasil produciu un conxunto completo de textos pedagóxicos, que abarcan da alfabetización básica até aos principios morais que deberían rexer a formación dun mozo cristián, seguindo preocupacións educativas similares para a xuventude que os grandes humanistas europeos tamén foran revelando. Entre estes textos pedagóxicos, temos A Cartinha para Aprender a Ler, o Diálogo em Louvor da Nossa Linguagem, o Diálogo da Viciosa Vergonha, o Diálogo de Preceitos Morais com Prática Deles em Modo de Jogo e a Gramática.
Naquela época, publicou a Grammatica da Língua Portuguesa e varios diálogos morais que a acompañaban, para axudar no ensino da lingua materna. A Grammatica foi a segunda obra que estandarizou a lingua portuguesa, tal e como se falaba na súa época (só precedida pola de Fernão de Oliveira, impresa en 1536) e está considerada a primeira obra didáctica ilustrada do mundo.
Pouco despois, seguindo unha proposta do rei D. Manuel I, comezou a escribir unha historia que narraría as fazañas dos portugueses na India: as "Décadas da Ásia", de Ioam de Barros, das fazañas que os portugueses realizaron na conquista e descubrimento dos mares e terras de Oriente, chamadas así porque, como a historia de Livio, agrupaban os acontecementos en períodos de dez anos por libro. A primeira década publicouse en 1552, a segunda en 1553 e a terceira en 1563. A cuarta década, inacabada, foi completada por João Baptista Lavanha e publicada en Madrid en 1615, moito despois da súa morte.
A pesar do seu estilo fluído e rico, as "Décadas" recibiron pouca atención durante a súa vida. Só se coñece unha tradución italiana, en Venecia en 1563. D. Xoán III, entusiasmado co seu contido, pediulle que escribise unha crónica sobre os acontecementos do reinado do rei Manuel, unha tarefa que João de Barros non puido realizar debido ás súas funcións na Casa da Índia, e a crónica en cuestión foi escrita por outro gran humanista portugués, Damião de Góis. Diogo do Couto foi posteriormente encargado de continuar as súas "Décadas", engadindo nove máis. A primeira edición completa das 14 décadas apareceu en Lisboa no século XVIII. esquerda|miniatura|310x310px|Mapa do reino de Bengala feito por João de Barros para unha das Décadas de Asia … dos fectos que os Portugueses fizeram no descobrimento y conquista dos mares y terras do Oriente. En xaneiro de 1568 sufriu un ictus e foi relevado das súas funcións, recibindo un título nobiliario e unha pensión real do rei Sebastián. Morreu pobre na súa quinta de Alitém en 1570. As súas débedas eran tan grandes que os seus fillos renunciaron ao seu testamento.
As súas "Décadas" non só son unha valiosa fonte de información sobre a historia dos portugueses en Asia, senón tamén unha das primeiras grandes sínteses historiográficas da expansión europea ultramarina.
O galego na súa gramática miniatura|Serea na Grammatica de Joam de Barros. No portugués moderno, segundo o Acordo de 1990, escríbese "sereia".|320x320px Na Grammatica da lingua portuguesa (1540), João de Barros (Joam de Barros como el asinaba) cualificou como «galega» a representación gráfica do ditongo nasal final -ao. Consideraba esa grafía pouco axeitada para a norma portuguesa e censurou o escribir «à galega», polo que a variante ao norte do Miño funciona na súa obra como termo de contraste na definición do padrón portugués. Esa interpretación foi discutida posteriormente: segundo Sónia Duarte, recollendo observacións de José Luís Pensado e Henrique Monteagudo, a identificación da grafía ão como especificamente galega máis do que do reino de Portugal non concorda ben cos datos históricos coñecidos, que apuntan máis ben á conservación da distinción -an / -on na maioría do territorio galego.
No Diálogo em louvor da nossa linguagem, impreso no mesmo volume, eloxiou voces usadas entre Douro e Minho e presentounas como «conservadoras da semente portuguesa», o que revela unha valoración positiva das falas setentrionais.
Na filoloxía galega contemporánea, Xosé Manuel Sánchez Rei resaltou esa ambivalencia. Por unha banda, sinalou que para algúns gramáticos portugueses da Idade Moderna o galego aparece como unha «fala do pobo» e como unha variedade arcaica e dialectal fronte ao padrón lisboeta; por outra, subliñou que esas mesmas gramáticas son unha fonte útil para coñecer trazos do galego medieval e da continuidade galego-portuguesa.
Notas
Obras Crónica do Imperador Clarimundo (1522) (versão digital) Rhopicapneuma ou Mercadoria Espiritual (1532) O Panegírico de D. João III (1533) Cartinha com os preceitos e mandamos da Santa Madre Igreja (1539) Grammatica da Língua Portuguesa (1540) (versão digital) Diálogo da Viciosa Vergonha (1540) (versão digital) Grammatices Rudimenta ( 1540) (versão digital) Diálogo sobre Preceitos Morais (1540) (versão digital) Diálogo Evangélico sobre os Artigos da Fé (1543) Panegírico à muy alta, e esclarecida Princeza Infanta D. Maria nossa Senhora (escrito en 1545, publicado en 1655) Libro das antiguidades e cousas notaueis de antre Douro e Minho, e de outras muitas de España e Portugal (1549) (versão digital) Décadas da Ásia. Volumes I (1552), II (1553), III (1563) e IV (1615) (versão digital)
Véxase tamén
Outros artigos
Descubrimentos portugueses Estado portugués da India Idade Moderna Idade Moderna de Galicia Imperio portugués Lingua estándar Ortografía Renacemento Renacemento portugués Séculos Escuros Normativa oficial do galego Normativa reintegracionista do galego
Ligazóns externas
O jogo de preceitos morais de João de Barros, por Jorge Nuno Silva, Público, 3 de Setembro de 2018 Obras de João de Barros na Biblioteca Nacional Digital
Categoría:Finados en 1570 Categoría:Nados en 1496 Categoría:Escritores de Portugal Categoría:Escritores en lingua portuguesa Categoría:Gramática da lingua galega Categoría:Gramática Categoría:Galego-portugués Categoría:Pedagogos de Portugal Categoría:Historiadores Categoría:Historiografía Categoría:Historia da India Categoría:Historia de Portugal Categoría:Historia do Brasil