miniatura|417x417px|Moeda-pa de ombreiros cadrados da dinastía Zhou (ca. 650-400 a.C.). Un carácter bei (貝). A moeda-pa (chinés tradicional: 布幣; chinés simplificado: 布币; pinyin: jbù bì) é unha forma premonetaria de bronce fundido en forma de pa empregada durante a dinastía Zhou da China (1045 a 256 a.C.). Aínda que a súa forma é a dunha pa un dunha pequena ferramenta de traballo agrícola, a finura da súa folla e o seu pequeno tamaño indican que a súa función non era utilitaria, senón unicamente como moeda.Hao Zhao et al. (2021). "Radiocarbon-dating an early minting site: the emergence of standardised coinage in China". En Antiquity. Vol. 95. Nº 383. Cambridge University Press. Páxinas 1161-1178.
As versións máis antigas das moedas-pa tendían a ter un furado para encaixar o cabo fráxil e oco, que lembra unha pa metálica. As versións posteriores das moedas-pa transformaron este oco nunha peza fina e plana e, co paso do tempo, engadíronse inscricións ás moedas-pa para marcar os seus valores nominais.
Varias versións de moeda-pa circularon polas chairas centrais chinesas durante o período da dinastía Zhou ata que foron abolidas pola dinastía Qin no 221 a.C. en favor das moedas de cobre banliang. Logo, durante a dinastía Xin, fundada por Wang Mang, reintroduciuse o diñeiro-pa. Nese período existiron 12 tipos diferentes destas moedas, con valores que ían de 100 a 1000 qián."Chinese spade coins". 2 Lick Coins (2-clicks-coins.com). 5 de outubro de 2023.
En 2021 publicouse un artigo sobre un antigo obradoiro monetario que se descubriu nun sitio arqueolóxico na provincia de Henan. Mediante a datación por radiocarbono das moedas-pa atopadas alí estimouse que foron creadas despois de 640 a.C. e non máis tarde do 550 a.C., o que a converte posiblemente na ceca máis antiga coñecida do mundo, unha condición tradicionalmente atribuída ao reino de Lidia.Kramer, J. (2021). "'World's oldest' coin factory discovered in China". National Geographic. 5 de agosto. Con todo, as moedas-pa que se atoparon do depósito arqueolóxico de Guanzhuang non son tan antigas como as moedas de metal que se descubriron na antiga cidade de Éfeso.Gershon, L. (August 9, 2021). "World’s Oldest Known Coin Mint Found in China". En Smithsonian magazine. 9 de agosto.
Moeda de pa de cabo oco As moedas-pa con cabo oco (en chinés: 布幣; pinyin: bùbì) constitúen unha ligazón entre as pequenas ferramentas de labor agrícola usadas como medio de troco e os obxectos estilizados empregados como diñeiro. Malia a súa fraxilidade, conservan o encaixe oco onde se suxeitaría unha empuñadura para as usar como unha ferramenta de verdade. Este encaixe é rectangular na súa sección transversal e aínda conserva a arxila do proceso de fundición. No encaixe, tamén se reproduce o furado que fixaría a ferramenta ao seu cabo.
Moedas-pa prototipo: este tipo de moeda-pa é similar en forma e tamaño aos utensilios agrícolas orixinais. Mentres que algúns exemplares son o suficientemente robustos como para poderen ser empregados no campo, outros son moito máis lixeiros. A moeda-pa prototipo leva unha inscrición co nome da cidade emisora. Algúns destes obxectos foron atopados en tumbas das dinastías Shang e Zhou Occidental, datadas entre o 1200 e o 800 a.C. Os espécimes inscritos parecen datar de cara ao 700 a.C.Hartill, D. (2005). Páxina 5. Moedas-pa de ombreiro cadrado: este tipo de moeda-palea caracterízase pola forma cadrada dos seus ombreiros, un pé recto ou lixeiramente curvado e tres liñas paralelas no anverso e no reverso. Atopáronse en cantidades de ata varios centos de exemplares na zona correspondente ao Dominio Real de Zhou, ao sur de Hebei e ao norte de Henan. As probas arqueolóxicas datan estas moedas do comezo do período de Primaveras e Outonos, aproximadamente do 650 a.C. en adiante.
As inscricións nestas moedas adoitan consistir nun único carácter, xeralmente un número, un carácter cíclico, un topónimo ou o nome dun clan familiar. A escrita rudimentaria é a dos artesáns que fabricaban as moedas, e non a caligrafía máis coidada dos eruditos que escribían as inscricións votivas en bronce. O estilo de escrita coincide co do período medio Zhou. Coñécense máis de dúascentas inscricións, moitas das cales non foron completamente descifradas. Os caracteres pódense achar á esquerda ou á dereita da liña central e poden estar invertidos ou ser retrógrados. A aliaxe destas moedas está composta normalmente polo 80 % de cobre, o 15 % de chumbo e o 5 % de estaño. O habitual é atopalas en tesouros de centos de exemplares, ás veces atadas xuntas en forma de feixes. Malia non haber mención na bibliografía do seu poder adquisitivo, está claro que non eran moedas de pequeno valor.Hartill, D. (2005). Páxina 6.
Moedas-pa de ombreiro inclinado: estas moedas-pa caracterízanse pola inclinación do seu ombreiro, coas dúas liñas exteriores no anverso e no reverso formando un ángulo. Normalmente non existe unha liña central. Este tipo é xeralmente máis pequeno que o das moedas-pa prototipo e o das de ombreiro cadrado. As súas inscricións son máis claras e adoitan consistir en dous caracteres. Asócianse co Reino de Zhou e coa zona de Henan. O seu tamaño máis pequeno indica que son posteriores ás moedas-pa de ombreiro cadrado.Hartill, D. (2005). Páxina 14. Moedas-pa de ombreiro en punta: este tipo ten ombreiros en forma de punta, e un furado para o cabo longo e oco. Estas moedas teñen tres liñas paralelas no anverso e no reverso con inscricións ocasionais. Atópanse no nordés de Henan e Shanxi, o territorio do estado de Jin, que máis tarde pasaría a ser Zhao. Considérase que son algo posteriores ás pas de ombreiro cadrado. A súa forma parece estar deseñada para facilitar a súa atadura en feixes, e non parece ter relación ningunha cun apeiro agrícola en particular.Hartill, D. (2005). Páxina 17.
Moeda-pa de cabo plano miniatura|Moeda-pa de pé cadrado de Anyang.A moeda-pa de cabo plano (平首幣) non ten o espazo oco para o cabo que tiñan as primeiras moedas-pa. Case todas teñen uns pés diferentes, o que suxire que o seu deseño estivo influído polas moedas-pa de ombreiro en punta con cabo oco, cunha estilización adicional para facilitar o seu manexo. Xeralmente son máis pequenas, e ás veces as súas inscricións especifican o seu valor nominal, ademais dos nomes de lugares. En combinación coa pouca evidencia das datas de fundación dalgunhas cidades produtoras, as moedas-pa de cabo plano poderían ser un desenvolvemento posterior. A evidencia arqueolóxica dátaas no período dos Reinos Combatentes (475 a 221 a.C.). As moedas-pa de pé arqueado teñen unha aliaxe composta por aproximadamente o 80 % de cobre; para outros tipos, o contido de cobre varía entre o 40 % e o 70 %.Hartill, D. (2005). Páxina 19.
Moedas-pa de pé arqueado: este tipo ten unha base arqueada en forma de U invertido. Os ombreiros poden ser arredondados ou angulares. Normalmente especifícanse os valores nominais de medio, un ou dous jin. Esta variedade de moedas-pa asóciase co estado de Liang —tamén coñecido como Wei—, que floreceu entre o 425 e o 344 a.C., e co estado de Han (403–230 a.C.). Moedas-pa especiais de Liang: estas son similares en forma ás de pé arqueado, mais amosan unhas inscricións que, aínda que foron obxecto de moito debate, parecen indicar unha relación entre o padrón de peso jin destas moedas-pa e o padrón alternativo lie, tamén utilizado tanto para o peso como para a moeda. Os estudosos atribúen unanimemente estas emisións ao estado de Liang.Hartill, D. (2005). Páxina 24.
Moedas-pa de pé en punta: este tipo ten pés en punta e unha base cadrada. Os ombreiros poden estar orientados cara a arriba ou ser rectos. Trátase dunha clara evolución da moeda-pa de ombreiro en punta con cabo cóncavo. O peso e o tamaño dos exemplares meirandes son compatibles coa unidade dun jin das moedas-pa de pé arqueado e cabo plano. Pola súa banda, os exemplares máis pequenos adoitan especificar a unidade como medio jin ou un jin —este menos frecuente—, aínda que con frecuencia non especifican unidade ningunha. Isto parece implicar que a unidade de medio jin acabou por se converter na norma. Estas moedas-pa asócianse co estado de Zhao e normalmente atópanse nas provincias de Shanxi e Hebei. Amosan adoito números no seu reverso. Os nomes dos obradoiros monetarios compostos por dous caracteres implican que as cidades que produciron estas moedas se poden identificar con máis certeza que as de series anteriores.Hartill, D. (2005). Páxina 26. Moedas-pa de pé cadrado: este tipo caracterízase pola forma cadrada dos seus pés, unha base tamén cadrada e unha liña central no anverso. O reverso normalmente só ten tres liñas, agás nas moedas-pa producidas por algúns obradoiros monetarios do estado de Zhao, que tamén produciron exemplares de pé en punta. Estas teñen números no reverso. As cecas que produciron moedas-pa de pé cadrado son máis numerosas que as que produciron as de pé en punta. Os seus pesos son compatibles co valor nominal de de medio jin. Estas pezas están asociadas cos estados de Han, Zhao, Liang, Zhou e Yan, e acháronse exemplares nas provincias de Mongolia Interior, Jilin, Hebei, Shanxi, Shaanxi, Shandong, Jiangsu, Anhui, Henan e Zhejiang. Este tipo utilizouse simultaneamente ao das moedas-pa de pé en punta; algúns obradoiros produciron ambos os tipos, e atópanse xuntos en tesouros.Hartill, D. (2005). Páxina 35.
Moedas-pa de cantos afiados: estas forman unha subserie dentro das de pés cadrados. Diferéncianse lixeiramente do tipo ordinario en que teñen pequenas proxeccións triangulares no cabo. As inscricións dos tres tipos meirandes inclúen os caracteres j金 jīn e 涅 niè. Aínda que niè era o nome dun río en Henan, o carácter non se pode interpretar doadamente como parte dun topónimo, xa que se atopa en conxunción con outros topónimos como Lu Shi e Yu. Segundo o Fang Yan —un antigo libro sobre dialectos—, niè significaba o mesmo que huà (化), traducido como "diñeiro" ou "moeda". Xa que logo, os caracteres jīn niè significan "moeda metálica". Os pesos das moedas meirandes semellan lixeiramente superiores aos 14 gramos do estándar jin. Os lugares de achado corresponden cos estados de Liang e Han. Moedas-pa Dang Jin: constitúen outro subgrupo cuxas inscricións suxiren equivalencia entre as unidades de dúas zonas comerciais. Tanto as moedas pequenas como as grandes teñen no seu anverso o carácter 伒 jìn. Normalmente considérase que esta é a mesma nidade jin atopada noutras moedas-pa de cabo plano. Con todo, o peso de 28 gramos desta variedade suxire que a súa unidade era o dobre dos 14 gramos do jin da moeda-pa de cabo plano, polo que quizais fose unha unidade local da zona. A moeda máis pequena adoita acharse en parellas unidas polos pés. Así foron fundidas, pero non está claro se se pretendía que circulasen deste xeito ou separadas. O seu peso está entre 7 e 8 gramos, aproximadamente un cuarto do das moedas máis grandes, polo que a inscrición que indica que catro eran equivalentes a un jin é lóxica. As súas inscricións no anverso foron obxecto dun certo debate, e na procura do consenso semella que a lectura máis lóxica é 斾比當伒 pèi bǐ dāng jìn ("moeda [da Cidade de] Pei equivalente a un jin").Hartill, D. (2005). Páxina 50.
miniatura|360x360px|Moedas-pa de pé redondo.Moedas-pa de pé redondo: é un tipo raro, caracterizado por ter cabo redondo, ombreiros redondos e pés redondos. Este tipo está representado polas moedas-pa de cinco cidades na actual Shanxi, entre o río Fen e o río Amarelo. Hai dous tamaños, equivalentes aos valores nominais dun jin e de medio jin. Teñen varios números nos seus reversos. Algúns estudosos defenden a tese de que proceden dos estados de Qin e Zhao ao final do período dos Reinos Combatentes, en tanto que para outros provirían do estado de Zhongshan durante o século IV a.C."Chinese coins". Ancient Chinese Charms and Coins (primaltrek.com).Hartill, D. (2005). Páxina 52.