José Antonio Quiroga y Piñeyro, nado na Coruña o 2 de outubro de 1931, e finado ibídem o 28 de xuño de 2020, foi un empresario galego. Foi presidente da Cámara de Comercio da Coruña, así como vicepresidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio de España.

Traxectoria Infancia e formación universitaria Procedente dunha familia de políticos, fillo de Benigno Quiroga López-Vázquez e de Carmen Piñeyro Caramés, filla dos condes de Canillas (rama segundoxénita do marquesado de Bendaña); tanto o seu bisavó Benigno Quiroga Ballesteros como o avó deste Luís López Ballesteros foron ministros. O seu pai foi enxeñeiro e ocupouse por refacer a fortuna familiar que minguara na xeración anterior.

José Antonio era o máis vello de tres irmáns. Un dos seus irmáns finou nun accidente automobilístico. Recibiu a súa educación da Compañía de Xesús, primeiro durante oito anos no internado dos xesuítas en Vigo, e despois nas Universidades de Deusto e de Valladolid, onde se licenciou en Dereito. Continuou a súa formación na Sorbona e no London Scholl of Economics. A súa formación foi marcadamente francesa.

Actividade empresarial En 1957 coa colaboración do grupo Pechiney España creou a empresa Grafitos Eléctricos do Noroeste (GENOSA), da que foi director xerente. Genosa foi a primeira fábrica de España de eléctrodos de grafito para fornos eléctricos. Tamén presidiu durante máis de trinta anos a empresa SGL Carbón.

Cámara de Comercio da Coruña En 1972 chegou á Cámara de Comercio da Coruña como voceiro do Pleno. En 1974, pasou ao Comité Executivo, e en 1976 foi nomeado presidente. Renovou en sete eleccións consecutivas devandito cargo, polo que permaneceu na presidencia da entidade ata que en 2010 foi relevado por Marcelo Castro Rial Schuler.

En 1982 foi nomeado vicepresidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio de España; e en 2002 adxunto ao presidente, e posteriormente vicepresidente das Eurocámaras.

Outros proxectos Nos anos sesenta creou o Club de Golf da Coruña. En 1970 participou na creación do Centro Oncolóxico de Galicia, integrado no Hospital Labaca. En 1982 accedeu á presidencia de Pechiney España.

Nos anos noventa puxo en marcha a Academia Galega de Gastronomía e participou en diversas misións comerciais encabezadas polo rei Xoán Carlos I, ou polos presidentes do Goberno, Felipe González e José María Aznar.

Finou o 28 de xuño de 2020 na Coruña.

Vida privada Casou con Carmen Fernández-Ladreda y García San Miguel. O matrimonio tivo cinco fillos.

Premios e recoñecementos En novembro de 2010, recibiu unha homenaxe en recoñecemento ás súas achegas ao progreso da Coruña. Ademais, recibiu entre outros, os seguintes premios e distincións:

Cabaleiro da Lexión de Honra. Cabaleiro da Orde do Santo Sepulcro de Xerusalén. Áncora de Prata da Real Liga Naval Española. Medalla de Ouro da Asociación Española contra o Cancro. Medalla de Ouro da Cámara de Comercio Francesa en España. Premio Chelo Liñeira ao Coruñesismo.

Notas

Categoría:Nados en 1931 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 2020 Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Cabaleiros da Lexión de Honra Categoría:Alumnos da Universidade de Valladolid Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Alumnos da Universidade de París-Sorbona