miniatura|upright=1.3|Unha cría do ictérido Molothrus bonariensis (esquerda) que está sendo alimentada por un paserélido Zonotrichia capensis. miniatura|upright=1.3|Niño do tiránido Sayornis phoebe cun ovo do ictérido Molothrus ater (abaixo á esquerda). miniatura|O icrérido Molothrus bonariensis parasitando o tiránido Fluvicola nengeta no Brasil. O parasitismo de posta, parasitismo de niñada ou parasitismo de crianza é unha clase de parasitismo e un comportamento practicado por algúns animais (os parasitos de posta) que consiste en que utilizan a outros (os hóspedes) para que, sen sabelo, críen os seus fillos. Esta estratexia obsérvase en aves, insectos e peixes. O parasito de posta ou niñada manipula un hóspede que pode ser doutra especie ou mesmo da propia, para que críe os seus polos como se fosen fillos seus, xeralmente utilizando o mimetismo de ovos, no cal os ovos do parasito parécense moito aos ovos do hóspede. Esta estratexia implica unha forma de mimetismo agresivo chamado mimetismo Kirbyan.
A estratexia evolutiva afórralle aos pais parasitos ter que investir enerxías en criaren os seus fillos. Este beneficio débese ao custo que provoca unha carreira de armamentos evolutiva entre o parasito e hóspede a medida que coevolven: moitos hóspedes desenvolveron fortes defensas contra o parasitismo de posta, que poden consistir en recoñecer e desbotar os ovos parasitos, ou abandonar os niños parasitados e empezar a construír un niño novo. É menos obvio explicar por que a maioría dos hóspedes coidan as crías do parasito, dado que, por exemplo, os polos de cuco son claramente distintos dos polos do hóspede en tamaño e aspecto. Unha explicación é a hipótese da mafia, que propón que os adultos parasitos toman represalias destruíndo o niño do hóspede cando se produce o rexeitamento dos seus ovos; hai probas experimentais que apoian isto. O parasitismo de posta dentro da mesma especie tamén se produce, como ocorre en moitas especies de parrulos. Neste caso, non hai diferenzas visibles entre os ovos do hóspede e do parasito, o cal pode explicar por que os ovos do parasito son aceptados doadamente. Nos éider, o primeiro e segundo ovos do niño están especialmente suxeitos á predación, o que quizais explica por que a miúdo os poñen noutro niño de éider.
Estratexia evolutiva
O parasitismo de posta é uha estratexia evolutiva que aforra aos pais parasitos investir enerxía en criar os seus fillos ou construír o niño facendo que o hóspede críe para eles os seus fillos. Isto permite que os pais parasitos empreguen máis tempo noutras actividades como a busca de alimento e a produción de máis descendencia.
Adaptacións para o parasitismo miniatura|Catro postas de ovos de folosa, cada unha das cales contén un ovo de cuco visiblemente mís grande.
Para os especialistas en aves parasitas de posta, os ovos miméticos son case sempre unha adaptación. Na especie xeneralista Molothrus ater puido evolucionar unha coloración do ovo mimética cos ovos dos seus hóspedes. O tamaño pode ser tamén importante para a incubación e supervivencia de especies parasitas; pode ser beneficioso para os ovos parasitos que teñan un tamaño similar aos do hóspede.
As cascas dos ovos de parasitos de posta son a miúdo máis grosas que as dos hóspedes. Por exemplo, dous estudos do parasitismo dos cucos sobre a folosa grande informaron de proporcións de grosor de 1,02 : 0,87 e 1,04 : 0,81. A función deste grosor da casca do ovo é discutida. Unha hipótese chamada hipótese da resistencia á picada afirma que as cascas de ovo máis grosas serven para impedir que os hóspedes rompan a casca, o que mataría o embrión que hai dentro. Isto está apoiado por un estudo no cal as folosas palustres danaban os seus propios ovos con máis frecuencia cando intentaban romper os ovos do cuco, pero sofrían menos danos cando trataban de picar ovos da propia especie postos no niño polos investigadores. Outra hipótese é a hipótese de danos na posta, que postula que as cascas dos ovos están adaptadas a danar os ovos do hóspede cando o parasito os pon deixándoos caer encima, e a impedir que os ovos do parasito sexan danados cando o hóspede poña os seus ovos. En apoio desta hipótese, os ovos de Molothrus bonariensis que parasitaban niños de Troglodytes aedon, e ovos de Mimus saturninus e de Molothrus ater que parasitaban tamén o T. aedon e o Agelaius phoeniceus danaban os ovos do hóspede cando eran depositados, pero sufrían poucos danos cando os ovos do hóspede se depositaban deixándoos caer sobre eles.
A maioría dos parasitos de posta aviarios teñen uns períodos de incubación dos ovos moi curtos e un crecemento das crías rápido. En moitos parasitos de posta, como os cucos e guías do mel, este período de incubación curto débese a períodos de incubación interna de ata 24 horas máis longos nos cucos que nos hóspedes. Algúns cucos non parasitos tamén teñen períodos de incubación interna máis longos, o que suxire que este período de incubación interna máis longo non era unha adaptación debida ao parasitismo de posta, senón que predispoñía as aves a se converteren en parasitas de posta. Isto probablemente está facilitado porque o ovo ten unha xema máis pesada que proporciona máis nutrientes. Outra adaptación para ser parasito de posta é que as crías sexan máis grandes que os hóspedes ao faceren eclosión.
Carreira de armamentos evolutiva As aves parasitas mitigan o risco de perda de ovos distribuíndo os seus ovos en niños de varios hóspedes diferentes. Como tales comportamentos supoñen un prexuízo para o hóspede, isto a miúdo acaba dando lugar a unha carreira de armamentos evolutiva entre o hóspede e o parasito a media que coevolucionan. Algunhas especies hóspede teñen fortes defensas de rexeitamento, forzando a especie parasita a que evolucione nela un mimetismo excelente. Noutras especies, o hóspede non se defende contra os parasitos, e o mimetismo do ovo parasito é bastante peor.
miniatura|upright=2|Mimetismo Kirbyan, no cal un parasito de posta imita o seu hóspede.
O parasitismo de posta intraespecífico entre os galos de auga (Fulica) incrementa significativamente o éxito reprodutivo do parasito, pero só sobreviven aproximadamente a metade dos ovos postos parasiticamente noutros niños de galos de auga. Isto implica que os galos de auga teñen algún tipo de estratexia antiparasitismo efectiva. De xeito similar, a descendencia parasita dos rabilongos das canaveiras, comparada coa descendencia de niños non parasitos, tende a desenvolverse moito máis lentamente e a miúdo non chega á madureza.
Dado o custo irrecuperable que supón para o hóspede de que o parasito tire fóra do niño o seu ovo, a mellor estratexia para o hóspede é evitar o parasitismo en primeiro lugar. Isto pode facerse de varios xeitos, como a selección de sitios para facer os niños que sexan difíciles de parasitar, empezar a incubación cedo para que estean sentados no niño cando os parasitos o visiten pola mañá, e defender agresivamente o seu territorio.
Unha vez que o ovo parasito está posto no niño hóspede, a seguinte mellor defensa é chimpar fóra do niño o ovo parasito. Isto require que o hóspede distinga cales ovos non son seus, identificando diferenzas no debuxo da casca ou cambios no número de ovos. Os ovos poden ser botados fóra agarrándoos, se o hóspede ten un bico o suficientemente grande para facelo, ou picándoo. Cando o ovo parasito é mimético, o hóspede pode confundir un dos seus ovos co ovo do parasito. Un hóspede podería tamén danar os seus propios ovos ao tratar de boar fóra o ovo do parasito.
Entre os hóspedes que non tiran o ovo do parasito, algúns abandonan os niños parasitados e constrúen outro. Porén, con frecuencias de parasitismo suficientemente altas, isto convértese en algo maladaptativo a medida que aumenta a probabilidade de que o novo niño sexa tamén parasitado. Algunhas especies hóspede modifican os seus niños para excluíren os ovos parasitos, entrelazando material do niño sobre o ovo ou construíndo un novo niño sobre o previo. Por exemplo, o galo de auga americano pode botar fóra a patadas os ovos parasitos, ou constrúe un novo niño a carón do outro, no cal os polos do parasito morrerán de fame. Nun experimento co picafollas de papo branco, que é un pequeno hóspede, os ovos parasitos simulados artificiais pequenos colocados no niño eran sempre expulsados, mentres que usando ovos simulados grandes, a deserción do niño era a reacción máis frecuente.
Hipótese da mafia A hipótese da mafia intenta explicar a cuestión de por que a maioría dos hóspedes dos parasitos de posta coidan as crías dos seus parasitos. Estes parasitos non só adoitan ser bastante distintos en tamaño e aspecto, senón que tamén é moi probable que reduzan o éxito reprodutivo dos seus hóspedes. A "hipótese da mafia" propón que cando un parasito de posta descobre que o seu ovo foi rexeitado, este destrúe o niño do hóspede e dana ou mata as crías. A ameaza dese tipo de resposta pode favorecer un comportamento condescendente por parte do hóspede. O comportamento parecido ao dunha mafia ocorre nos parasitos Molothrus ater de América do Norte e no cuco grallo de Europa. O cuco grallo pon a maioría dos seus ovos nos niños de pega rabilonga. Visita repetidamente os niños que parasitou, unha condición previa para a hipótese da mafia. En experimentos, os niños nos cales se eliminaba o ovo do parasito eran destruídos polo cuco, o que apoia a hipótese. Unha explicación alternativa é que a destrución anima ou obriga a pega a construír un novo niño, dando ao cuco outra oportunidade de parasitismo. De xeito similar, o Molothrus ater parasita os niños de Protonotaria citrea. Noutros experimentos, o 56 % dos niños nos que se rexeitou o ovo parasito foron depredados, fronte a só o 6 % dos niños que non o rexeitaron. O 85 % dos niños parasitados reconstruídos polos hóspedes foron destruídos. Os hóspedes que rexeitaron os ovos parasitos producían un 60 % menos de crías que os que aceptaban os ovos do Molothrus.
Hipótese da semellanza Propúxose que as femias de cuco cincento seleccionan os hóspedes cuxos ovos teñen características similares ás dos seus. Esta hipótese suxire que a femia monitoriza unha pobaoción de posibles hóspedes e elixe niños dentro dese grupo. O estudo de coleccións de niños en museos mostrou unha semellanza entre os ovos de cuco e os ovos típicos das especies hóspede. Unha baixa porcentaxe de niños parasitados contiñan ovos de cuco cun aspecto que non se correspondía co morfo do ovo do hóspede específico. Nestes niños nos que non había correspondencia unha elevada porcentaxe dos ovos do cuco correlacionábanse co morfo do ovo doutra especie de hóspede con sitios de nidificación similares. Isto foi sinalado como proba de selección por semellanza. Esta hipótese foi criticada por non proporcionar ningún mecanismo para a elección dos niños, nin identificar a maneira en que se poderían recoñecer os niños.
Descendencia criada polo hóspede
Ás veces, os hóspedes non se dan conta de que están coidando unha cría que non é súa. Isto normalmente ocorre porque o hóspede non pode diferenciar o ovo parasito dos ovos propios. Tamén pode ocorrer cando os hóspedes temporalmente abandonan o niño despois de poñeren os ovos. Os parasitos poñen entón os seus ovos neses niños para que as súas crías se alimenten coa comida proporcionada polo hóspede. Pode acontecer tamén noutras situacións. Por exemplo, as femias de éideres prefiren poñer os ovos en niños nos que hai xa un ou dous ovos doutros individuos porque o primeiro ovo é o máis vulnerable á predación. A presenza de ovos doutros reduce a probabilidade de que o predador ataque o seu ovo cando a femia abandona o niño despois de poñer o primeiro ovo.