O picafollas canario (Phylloscopus canariensis) é unha especie de picafollas endémico das illas Canarias.
Taxonomía Anteriormente, o picafollas canario era considerado unha subespecie do picafollas europeo (Phylloscopus collybita). Agora recoñécese como especie separada co nome Phylloscopus canariensis.
Subespecies Aceptáronse dúas subespecies, pero actualmente a subespecie de Lanzarote probablemente está extinta. Son:
Phylloscopus canariensis canariensis: subespecie das illas Canarias occidentais: El Hierro, La Palma, La Gomera, Tenerife e Gran Canaria †Phylloscopus canariensis exsul: subespecie das illas Canarias orientais: Lanzarote e posiblemene Fuerteventura.
Descrición O picafollas canario é similar ao picafollas europeo e ao picafollas ibérico, pero comparado co picafollas europeo ten un bico máis longo, ás máis curtas e cola máis longa. As súas partes inferiores son de ton beixe amarronado, especialmente nos flancos e peito, e as partes superiores son marróns máis escuras que as do picafollas europeo.
Vocalizacións Moitas das súas chamadas son similares ás do picafollas europeo, pero a canción carece da cualidade metronímica desa especie e é máis áspera e curta e máis variada e con interpretación máis rápida.
Hábitat Vive na maioría dos hábitats das illas, desde xardíns costeiros a zonas con vexetación de alta altitude, pero está ausente en matos semidesérticos a altitudes baixas.
Comportamento
No período reprodutor, de xaneiro a xuño, é territorial e atópase en solitario ou en parellas; o niño é unha estrutura esférica cunha entrada lateral e sitúano preto do chan nos matos costeiros, pero máis alto (a máis de 8 m) na laurisilva. A posta é de 2-5 ovos e a maioría das parellas fan tres postas. Cando non se están reproducindo en outono e inverno son máis sociables, formando pequenas bandadas. A muda post-reprodución adoita estar completa a finais de xullo. Pasa moito tempo buscando insectos para comer entre a follaxe desde o nivel do chan ata a copa das árbores, aínda que tamén ás veces sobrevoa, rebusca e captura en voo. É un pequeno paxaro activo con movementos rápidos e frenéticos, que frecuentemente move rápido as súas ás e menea a cola.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Gravacións de sons do picafollas canario en Xeno-Canto
Categoría:Filoscópidos Categoría:Animais descritos en 1886