Alfred Gray, nado en Dallas, Texas o 22 de outubro de 1939, e finado en Bilbao o 27 de outubro de 1998, foi un matemático estadounidense principalmente interesado na investigación en xeometría diferencial. Fixo tamén contribucións nos campos da variable complexa e as ecuacións diferenciais.

Traxectoria Alfred Gray era fillo de Alfred James Gray e Eloise Evans. Estudou matemáticas na Universidade de Kansas. Recibiu o título de doutor (Ph.D.) na Universidade de California, nos Ánxeles, en 1964 e pasou catro anos na Universidade de California en Berkeley. Desde 1970 a 1998 foi catedrático na Universidade de Maryland, College Park.

Gray visitou frecuentemente España, introducido por A. M. Naveira , especialmente nas universidades de Santiago, Granada e Valencia , e a súa influencia pódese ver claramente na súa colaboración con Luis A. Cordero, Marisa Fernández e outros matemáticos españois. Morreu en Bilbao dun ataque ao corazón mentres traballaba de madrugada no Colexio Maior Miguel de Unamuno, preparando un curso de gráficos por computador co software Mathematica.

Contribucións matemáticas Na área de xeometría diferencial, fixo contribucións destacadas para clasificar varios tipos de estruturas xeométricas, como as variedades Kählerianas e case-Hermíticas.

Gray introduciu o concepto de variedade nearly-Kähleriana, deu obstrucións topolóxicas á existencia de estruturas xeométricas, fixo varias contribucións no cálculo do volume de tubos e bólas, identidades sobre a curvatura, etc. Publicou un libro sobre tubos e é o autor de dous libros de textos e arredor de cen artigos científicos. Os seus libros foron traducidos ao español, italiano, ruso e alemán.

Foi un pioneiro no uso de gráficos de computador para ensinar a xeometría diferencial (particularmente a xeometría de curvas e superficies) e en utilizar programas de ordenador para ensinar tanto a xeometría diferencial como as ecuacións diferenciais ordinarias.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Lista de publicacións Sitio web de xeometría diferencial mantido na súa honra Webpage Do Congreso Internacional en Xeometría Diferencial en Memoria de Alfred Gray Un filme curto en lembranza de Prof. Alfred Gray

Categoría:Nados en 1939 Categoría:Nados en Dallas, Texas Categoría:Finados en 1998 Categoría:Profesores da Universidade de Maryland, College Park Categoría:Alumnos da Universidade de California, Os Ánxeles