Xesús Díaz Díaz, coñecido como Suso Díaz, nado en Ferrol o 8 de setembro de 1944 e finado na Coruña o 8 de xullo de 2025, foi un destacado sindicalista galego, especialmente coñecido por ser secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia entre 1992 e 2000.

Traxectoria

O pai era carreiro, e el e mais a nai viñan de Guitiriz. A canda o seu irmán xémeo Xosé Díaz, iniciou a súa actividade laboral como aprendiz, sendo un pícaro de 14 anos, nos estaleiros de Astano, en Perlío (Fene) hoxe parte de Navantia. Naquel tempo coincidiu co debuxante Xaquín Marín ou co ceramista Francisco Pérez Porto. En 1962, con 18 anos, participou na súa primeira folga, converténdose axiña en membro das Comisións Obreiras clandestinas e mais do tamén clandestino Partido Comunista de España, durante a ditadura de Francisco Franco.

A súa militancia valeulle dúas detencións: en 1969 e en 1972. En 1969, pasou varios días no cuartel da Garda Civil, sen xuízo previo. A segunda detención foi logo dos sucesos do 10 de marzo en Ferrol, nos que a Policía Armada matara dous traballadores, Amador Rey e Daniel Niebla. Ao negarse a pagar sancións administrativas por estes feitos, Díaz botou dous meses no cárcere da Coruña.

Con legalización do sindicato en 1978, incorporouse á dirección de CCOO Galicia e integrouse no Comité Executivo Nacional baixo o mandato de Manuel Amor Deus. En sucesión deste, en 1992 foi elixido secretario xeral de CCOO Galicia, cargo que ocupou ata o ano 2000, cando o substituíu Xan María Castro. Como secretario xeral de Galicia, tamén foi membro do Consello Confederal de CCOO España durante os anos noventa.Durante o seu mandato impulsou a creación da Fundación 10 de Marzo e promoveu o recoñecemento do 10 de marzo como o Día da Clase Obreira Galega. Nesa época, tamén foi cofundador de Esquerda Unida de Galicia, e un dos seus membros destacados.

Recoñecementos e últimos anos Recibiu, por parte de CCOO, o Premio 10 de Marzo en 2010 pola súa traxectoria na defensa dos dereitos laborais, e en 2023 foi recoñecido pola Fundación Luís Tilve da UXT. Tamén mostrou apoio á esquerda política, e apoiou simbolicamente as candidaturas de Sumar (2023) nas municipais da Coruña e nas autonómicas de 2024, pechando as listas en ambos os procesos. Foi membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e de SOS Sanidade Pública, ambas as dúas na cidade da Coruña.

Vida persoal O seu irmán xemelgo foi o sindicalista e político nacionalista Xosé Díaz. Casou con Carmela e tivo dúas fillas. A máis vella, Yolanda Díaz, chegou a ser unha importante líder das esquerdas en España e ministra de traballo durante os gobernos de Pedro Sánchez. Enviuvou en 2013.

Morreu de cancro. Comisións Obreiras decretou tres días de loito oficial. Despedírono os seus na Coruña coa Internacional, o Himno galego e a bandeira de Galicia por riba do féretro.

Notas

Categoría:Nados en 1944 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Sindicalistas de Galicia Categoría:Comisións Obreiras Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados por cancro