Manuela Mariño Mariño, nada en Rianxo en 1964, é unha infografista e deseñadora gráfica galega que desenvolveu gran parte da súa traxectoria profesional en La Voz de Galicia. Os seus traballos foron recoñecidos polos premios Malofiej e Laus en varias ocasións.
Traxectoria Logo de varios anos dedicada á realización de grafismos técnicos para unha empresa de telecomunicacións, en 1990 entra a traballar no departamento de gráficos informativos de La Voz de Galicia, onde tamén se realizan as funcións de deseño editorial, xunto con Xoán G. Carlos Vázquez, Ana Remeseiro, A. Manzano e Agrafojo. Este departamento evolucionou en gran medida, como ela comentou en varias entrevistas, grazas aos programas de deseño vectorial que chegaron cos computadores Macintosh incorporados a mediados dos 80 ás redaccións dos xornais.
O primeiro conflito bélico do Golfo (1990-91) supuxo unha revolución no mundo da información gráfica que Manuela Mariño viviu en primeira persoa como responsable de deseño do xornal. As fotografías da fronte substituíronse por detallados mapas de situación nos que non só se representaban os avances da guerra, senón tamén detalles dos seus protagonistas e procedementos, xerando unha aproximación aos datos máis asimilable para os lectores. Das máis de 200 infografías que se elaboraron durante a I Guerra do Golfo para o xornal, un 29% foron realizadas pola infografista.
Esta sección do diario galego foi canteira doutros infografistas recoñecidos internacionalmente como Álvaro Valiño, Chiqui Esteban, Alberto Cairo e Xaquín G. V. (Xocas), que máis tarde traballaron en cabeceiras como o Washington Post, The New York Times ou National Geographic.
A serie de gráficos dedicados aos camiños a Santiago, elaborados por Manuela Mariño e Cristóbal Ramírez para o xornal, foi distinguida cunha medalla de ouro nos premios Malofiej de 2005, así como a cobertura gráfica que o departamento do diario fixo da traxedia do barco «O'Baía», na que tamén colaborou a infografista.
En 2007 participa como relatora no Quinto Cumio Mundial do Deseño en Prensa celebrado en Estepona, sendo, xunto á canadense Lucie Lacava, as únicas mulleres participantes de 16 relatores. O mesmo ano, a súa infografía «A costa galega asfaltada» é recoñecida cunha medalla de bronce nos premios de infografía Malofiej.
Manuela Mariño é a responsable do redeseño da cabeceira e maquetación de La Voz de Galicia efectuado en 2011. Para os titulares das noticias encargou unha tipografía a medida ao tipógrafo portugués Dino dos Santos. E en 2012 formou parte do xurado profesional nos premios ÑH Lo mejor del Diseño Periodístico España&Portugal.
A colección literaria de Valle-Inclán editada por La Voz de Galicia e deseñada por ela fíxose cun LAUS de prata na edición dos premios de deseño do ano 2020. Ao ano seguinte, a colección ‘Historia’ foi recoñecida cun LAUS bronce na categoría de portadas de libros e revistas destes premios de deseño. O citado traballo formou parte da mostra da Galicia Design Week, situada na sede da Coruña da Fundación Barrié, que reuniu pezas de deseño gráfico e industrial, ademais de referencias de arquitectura e paisaxismo.
Recoñecementos Medalla de ouro nos Premios Malofiej de Infografía, organizados pola Society for News Design (SND). Laus Bronce na categoría de colección de portadas de libros ou revistas pola colección ‘Historia’ de La Voz de Galicia, 2021. Laus Prata na categoría de colección de portadas de libros o revistas pola colección ‘Valle-Inclán’ de La Voz de Galicia, 2020. Premio Jovenews da revista ARDI, 1991.
Notas
Categoría:Nados en Rianxo Categoría:Nados en 1964 Categoría:Deseñadores de Galicia