O Campo da Estrada foi un amplo terreo situado na cidade da Coruña, no que se levaron a cabo numerosas actividades recreativas e deportivas na primeira metade do século XX. Foi utilizado como campo de fútbol durante décadas e serviu como o primeiro aeródromo da cidade.
Historia miniatura|Festival aéreo de 1911, celebrado no Campo da Estrada, nunha fotografía de Pedro Ferrer. Situado a carón do cuartel de Atocha, a súa vasta extensión permitía a realización de diversas actividades da sociedade coruñesa. Un dos seus usos máis habitual foi o de campo de fútbol, xa dende a década de 1900, na que a creación de numerosos clubs coruñeses fixo necesario un terreo de xogo adicional ao Corralón da Gaiteira e a praza de touros. Nas seguintes décadas xogaron nos seus terreos ducias de equipos, disputándose o último encontro o 20 de outubro de 1940.
Na década de 1910 foi o escenario dun festival de aviación organizado pola Liga de Amigos. Na primeira edición, celebrada en 1911, tivo lugar o primeiro voo a motor da historia de Galicia, a cargo do piloto francés Georges Leforestier e poucas semanas despois Pierre Léopold Lacombe partiu engalou dende o terreo coruñés para voar ata Ferrol. Na segunda edición do festival aterraron no Campo da Estrada os pilotos franceses Léonce Garnier, Maurice Poumet e Henry Tixier, mentres que en 1913 fíxoo o histórico Jules Védrines. Xa nos anos 30, disputáronse neste campo os primeiros partidos de béisbol da historia da cidade, trala creación dos clubs Caribe e Piratas no seo do Centro Íbero-Americano da Coruña.
Durante a guerra civil española, o Campo da Estrada serviu como aeródromo para o bando nacional. Nel instaláronse tamén as primeiras antenas de telegrafía sen fíos de Galicia. O seu nome consérvase na actual rúa Campo da Estrada, que ocupa parte dos mesmos terreos.
Notas
Categoría:Campos de fútbol da provincia da Coruña Categoría:Aviación en España Categoría:A Coruña