María Dolores Veleiro Alemparte, nada no Carballiño o 12 de xaneiro de 1959 e finada na mesma vila o 12 de outubro de 2024, foi unha empresaria e dinamizadora cultural e turística galega.
Traxectoria Filla dos comerciantes Cesáreo Veleiro Bravo (fillo á súa vez de Bernardino Veleiro Francisco e de Lola Bravo) e Leontina Alemparte Martínez, e irmá de César Veleiro. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1976 e 1981, e exerceu como avogada colexiada entre 1983 e 1989 e como xuíz en réxime de provisión temporal no xulgado de Distrito do Carballiño entre 1984 e 1986.
Desde 1977 vinculouse ao Cine Club Carballiño, do que foi tesoureira en 1980 e secretaria entre 1981 e 1983. En 1987 integrouse como auxiliar nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, coas que seguiu colaborando en sucesivas edicións.
Entre 1984 e 1986 formou parte da xunta directiva do Casino do Carballiño, da que era presidente Manuel Blanco Guerra. Unha das primeiras decisións foi eliminar a tradicional Festa da Mimosa do Carballiño, que elixía unha raíña anual, para reconvertela na Semana Cultural Mimosa 84, que durou ata 1986. Tamén en 1985 creouse a asociación fotográfica O Potiños, da que formou parte nos seus primeiros anos e coa que gañou varios concursos de fotografía do Entroido. Realizou o curso de Animación Sociocultural I e II pola UNED en 1995, e centrou o seu traballo de remate no Grupo Ecoloxista Outeiro. Entre 1996 e 2003 formou parte da Axencia de Desenvolvemento Local do Carballiño, vinculada á Asociación Comarcal de Empresarios, a través da cal organizou actividades como "O Carballiño coa escola". Fixo o mestrado Axentes de empleo: Planificación, financiamento e xestión de proxectos, da Universidade de Vigo (2002-2003). Participou en diversos proxectos vinculados á dinamización turística da vila e da comarca,La Región, 6 de xuño de 2003. e desenvolveu o proxecto Inserción laboral de los emigrantes retornados en la comarca de O Carballiño”.La Región, 12 de decembro de 2003.
Como empresaria, a comezos dos anos 90 compartiu a xerencia da empresa exhibidora Carballiño Cine S.L., na que coordinou a campaña pioneira Ven ó Cine que se desenvolveu no Carballiño (Cine Alameda e Cinema Paradiso), Verín (Cine Buenos Aires) e Lalín (Cine Lalín), co patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística.La Región, 4 de decembro de 1994. Entre 2007 e 2013 foi xerente da empresa de servizos culturais Lás Ideas. En 2007 participou cun texto no libro colectivo Os amigos de Chano Piñeiro, editado pola Xunta de Galicia. En 2019 participou narrando a historia do comercio paterno, Almacenes Gavilán, no DVD que acompaña a obra O Carballiño, industria e comercio, editada polo Concello do Carballiño e promovida pola asociación fotográfica O Potiños. En 2025 publicouse As fotos de Lola (ISBN 978-84-09-75194-5), que recolle as súas fotos.
Faleceu por mor dun cancro de mama.
Vida persoal En 1983 casou co escritor, historiador, crítico de cine e profesor universitario Miguel Anxo Fernández Fernández. Foi nai do crítico de cine Álvaro Fernández Veleiro. Residiu en Cambados, vila á que estivo vinculada.
Notas
Categoría:Nados no Carballiño
Categoría:Nados en 1959 Categoría:Finados en 2024 Categoría:Finadas por cancro de mama Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela