Bambara é unha banda estadounidense de post-punk formada en 2007 en Athens, Xeorxia, e no presente baseada en Brooklyn, Nova York. O trío está formado polos irmáns xemelgos Reid Bateh (voces principais e guitarra) e Blaze Bateh (batería), e William Brookshire (baixo).

O grupo foi chamado así por unha personaxe do mesmo nome da serie animada de televisión Æon Flux. O batería Blaze Bateh dixo que "sinceramente, non había nada en particular sobre el como personaxe que nos impulsase a usar o seu nome. Eramos grandes seguidores do programa. Vin o programa de principio a fin innumerables veces e aínda quedo impresionado por aspectos del. Pero si, só pensamos que o seu nome soaba moi xenial".

Historia Os membros de Bambara comezaron a tocar xuntos no ano 2001 en Athens, Xeorxia, cando os irmñans xemelgos Reid e Blaze Bateh e o amigo do colexio William Brookshire estudaban no instituto North Springs High School. O trío comezou tocando versións de bandas como Blink-182 e Red Hot Chili Peppers antes de desenvolver o seu propio son que incorporaba "funk, progresivo e moita música latina". Lanzaron o seu álbum de estrea, Curtains and Cannibals, en 2005 baixo o seu nome orixinal 23jinx.

En outubro de 2007 o grupo cambiou o seu nome e formouse como Bambara. Mudáronse a Brooklyn onde ficharon polo selo Arrowhawk Records en 2013. Bambara gravou o álbum Dreamviolence no soto do seu apartamento e editouno en abril dese ano. A súa música foi etiquetada como noise rock, en parte debido ao seu uso de máquinas, loops e programas lo-fi variados.

A mediados de 2014 a banda tiña case rematado o seu álbum Swarm, pero roubáronlle o ordenador con todos os temas que gravaran ata ese momento. Isto fixo que o álbum se atrasase xa que o grupo tomouse un descanso antes de regravar as cancións roubadas. Bambara gravou e lanzou un EP experimental de noise titulado Night Chimes en agosto de 2015. A banda afirmou que o EP axudou a sacar o ruído "dos seus sistemas", o que axudou a crear unha versión máis atenuada dos sons abrasivos de Swarm cando chegou o momento de regravalo. O álbum publicouse o 1 de abril de 2016. Segundo Zoë Beery de The Village Voice, Swarm mostraba a atmosfera marca da banda a través de longas reverberacións e guitarras distorsionadas, pero cunha produción máis clara para mostrar a musicalidade, así como a voz de Reid Bateh.

O seu terceiro álbum de estudio, titulado Shadow on Everything e publicado a través do selo Wharf Cat Records, continuaba co estilo de Swarm limitando a experimentación do noise ao tempo que incorporaba un concepto gótico occidental. O álbum segue unha historia de personaxes que se recitan historias estrañas entre si nun antro. A acollida da crítica para o álbum foi positiva.

Tras o lanzamento de Shadow on Everything en abril de 2018, a banda iniciou unha xira europea para promover o álbum antes de comezar unha xira polos Estados Unidos como abreconcertos de Idles. Joe Talbot, vocalista principal de Idles, dixo que Shadow on Everything foi o seu disco favorito de 2018.

O seu tempo na estrada continuou en 2019 xa que foron elixidos para actuar no festival South by Southwest e anunciaron unha xira pola costa leste dos Estados Unidos en apoio de Daughters.

No mes de febreiro de 2020 Bambara lanzou o seu cuarto álbum de estudio, Stray. No mes de marzo, mentres estaba na xira norteamericana de promoción do disco, a banda tivo que cancelar os seus concertos debido á pandemia de COVID-19. Mentres estaban separados por todo o país durante a corentena, os membros da banda comezou a escribir música nova a distancia. A banda non quedou contenta co resultado e descartou os temas resultantes, só para comezar de novo cando volveron estar todos xuntos en Nova York. En febreiro de 2022 lanzou o EP resultante, Love on My Mind, con recensións positivas. Pitchfork chamouno "un EP parecido a unha novela curta, cuxo shoegaze borroso e son metálico animan un mundo onírico de personaxes sórdidos e pasados ​​medio esquecidos".

Bambara volveu a xirar en 2021, incluíndo entre as súas datas actuacións como abreconcertos para Foo Fighters e Nothing. No ano 2022 a canción "Miracle" foi usada na sexta tempada da serie Peaky Blinders. Despois do lanzamento de Love on My Mind, Bambara fixo unha xira europea de dous meses e unha pequena serie de concertos en América do Norte.

Discografía Álbums Álbum Ano Selo Dreamviolence 2013 Emerald Weapon Swarm 2016 Arrowhawk Records Shadow on Everything 2018 Wharf Cat Records Stray 2020 Wharf Cat Records Birthmarks 2025 Bella Union, Wharf Cat Records

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Bandcamp

Categoría:Grupos musicais de Xeorxia, Estados Unidos de América Categoría:Grupos musicais de post-punk Categoría:Grupos musicais de noise rock Categoría:Grupos musicais formados en 2007