miniatura|upright=1.35|Debuxo de 1579 da Gran cadea do ser da obra de Diego de Valadés Rhetorica Christiana
A scala naturae (escada da natureza), tamén chamada gran cadea do ser, gran cadea de seres ou gran cadea da vida, é unha estrutura xerárquica de toda a materia e seres vivos, que durante o cristianismo medieval se pensaba fora decretada por Deus. A cadea empeza con Deus e descende aos anxos e despois sucesivamente aos humanos, animais e plantas ata os minerais.
Trátase dun concepto derivado de Platón, Aristóteles (na súa Historia Animalium), Plotino e Proclo. O concepto seguiu desenvolvéndose durante a Idade Media, e chegou á súa máxima expresión no neoplatonismo moderno temperán ."Estqa idea dunha gran cadea do ser pode remontarse á división de Platón do mundo en Formas, que son seres completos, e cousas sensibles, que son imitacións das Formas e son tanto ser coma non ser. A teleoloxía de Aristóteles recoñecía un ser perfecto, e el tamén colocou todos os animais nunha soa escala natural de acordo co grao de perfección das súas almas. A idea da gran cadea do ser foi completamente desenvolvida no neoplatonismo e na Idade Media.", Blackwell Dictionary of Western Philosophy, p. 289 (2004)Edward P. Mahoney, "Lovejoy and the Hierarchy of Being", Journal of the History of Ideas Vol. 48, No 2, pp. 211-230.
Divisións A xerarquía da scala naturae ten a Deus no máis alto, por riba dos anxos, os cales, igual ca El, son enteiramente espíritos, sen corpos materiais, e, por tanto, inmutables. Debaixo deles están os humanos, que constan de espírito e materia; cambian e morren, e deste modo son esencialmente temporais. Máis abaixo están os animais e as plantas. Abaixo de todo están os materiais minerais da propia terra; que consisten só en materia. Deste xeito, canto máis alto está un ser na cadea de seres, máis atributos ten, incluíndo todos os atributos dos seres que están por debaixo. Os minerais son, na mente medieval, unha posible excepción á inmutabilidade dos seres materiais da cadea, xa que a alquimia prometera transformar elementos inferiores, como o chumbo, noutros que están máis altos na cadea, como a prata ou o ouro.
A gran cadea A gran cadea de seres liga Deus, anxos, seres humanos, animais, plantas e minerais. Os elos desta cadea son:
Deus Na cadea, Deus é o creador de todas as cousas. Moitas relixións, como o xudaísmo, o cristianismo, e o islam cren que Deus creou todo o Universo e todo o que hai nel. Ten atributos espirituais atopados en anxos e humanos. Deus ten atributos únicos de omnipotencia, omnipresenza e omnisciencia. É o modelo de perfección de toda a creación.
Seres anxélicos
No Novo Testamento, a Carta aos colosenses establece unha lista parcial de anxos: "todo o visible e todo o invisible, tronos, dominacións, principados, potestades, todas as cousas foron creadas por el e para el."Carta aos colosenses 1:15-20
Nos séculos V e VI, Pseudo Dionisio Areopaxita estableceu unha xerarquía máis elaborada, que consiste en tres listas, cada unha con tres tipos:
Anxos de presenza, que loan a deus Serafíns, espíritos do amor Querubíns, espíritos da harmonía Tronos, manteñen o rexistro das lei universais Anxos de goberno, espallando luz DominiosEpístola aos efesios 1:21, espíritos de sabedoría e coñecemento Virtudes, anxos de movemento e libre albedrío Poderes, anxos de forma e espazo Anxos da revelación, capaces de comunicarse con humanos Principados, anxos do tempo e personalidade Arcanxos, anxos poderosos superiores aos anxos ordinarios Anxos, gobernadores de espíritos da natureza
Seres humanos Os seres humanos soamente comparten os atributos espirituais con Deus e os anxos, o amor e a linguaxe e os atributos físicos cos animais que están por debaixo deles, como teren corpos materiais que experimentan emocións e sensacións como a luxuria e a dor, e necesidades físicas como a fame e a sede.
miniatura|Cadea de seres de Charles Bonnet do Traité d'insectologie, 1745
Animais Os animais teñen sentidos, poden moverse e teñen apetitos físicos. Un superdepredador como o león, pode moverse vigorosamente e ten poderosos sentidos como unha vista aguda e a capacidade de ulir a distancia, mentres que as ordes inferiores dos animais só poderían serpear ou arrastrarse, ou outros como as ostras serían sésiles, unidas ao fondo mariño. Porén, todos comparten sentidos do tacto e gusto.
Plantas
As plantas carecen de órganos dos sentidos da capacidade de moverse, mais poden crecer e reproducirse. As plantas superiores teñen importantes atributos para curar nas súas follas, gromos e flores. Entre as plantas inferiores incluiríanse os musgos e fentos e tamén antes se incluían os fungos.
Minerais Na parte inferior da scala naturae estaban o minerais, que eran incapaces de moverse, sentir, crecer ou reproducirse. Os seus atributos eran seren sólidos e duros, mentres que as xemas posuían maxia. O rei das xemas é o diamante.
Ciencias naturais
De Aristóteles a Linné A idea básica dunha xerarquización dos organismos vivos remóntase á bioloxía de Aristóteles. Na súa Historia dos animais clasificou xerarquicamente os animais por riba das plantas debido á súa capacidade de moverse e sentir, e clasificou os animais polo seu modo de reprodución, de modo que os que parían as crías vivas (vivíparos) eran "superiores" aos que poñían ovos, e pola posesión de sangue, de modo que os vertebrados, ao posuíren sangue, eran "superiores" aos invertebrados que non a tiñan, e distinguía entre os de sangue quente (mamíferos e aves) e os de sangue frío.
O concepto non relixioso de Aristóteles de organismos superiores e inferiores foi retomado polos filósofos naturais durante o período escolástico para fundamentar a scala naturae. A scala permitía facer unha ordenación dos seres, constituíndo así a base para a clasificación, na cal cada tipo de mineral, planta ou animal podía ser colocado nun lugar. Na época medieval a gran cadea de seres entendíase como dada por Deus e como unha ordenación que non podía cambiar. No Renacemento nórdico, a atención científica pasou a centrarse na bioloxía; a división da cadea en tres partes por debaixo dos humanos foi a base do Systema Naturæ de Carl Linné de 1737, na cal dividiu os compoñentes físicos do mundo nos tres reinos que nos son familiares: mineral, vexetal e animal.
En alquímia A alquimia utilizou a gran cadea dos seres como base para a súa cosmoloxía. Como todos os seres vivos estaban ligados na cadea, para que houbese unha unidade fundamental de toda a materia, a transformación pasando dun lugar da cadea ao seguinte sería posible segundo o razoamento alquimista. Á súa vez, a unidade da materia permitía a alquimia facer outra suposición clave, a pedra filosofal, a cal dalgún modo xuntaba e concentraba o espírito universal atopado en toda materia da cadea, e que ex hypothesi podería permitir a transformación alquímica dunha substancia noutra, como a do metal de base chumbo no metal nobre ouro.
A scala naturae en evolución
miniatura|upright|esquerda|O pedigree humano recapitulando a súa filoxenia recuando ata a ameba mostrada como unha cadea de seres reinterpretada con animais vivos e fósiles. Dunha crítica das teorías de Ernst Haeckel de 1873.
A natureza establecida das especies e de aí a certeza do lugar das criaturas na gran cadea de seres, púxose en dúbida durante o século XIX. A natureza dual da cadea, dividida aínda que unida, sempre permitira ver a creación como esencialmente un todo continuo, coa posibilidade de solapamento entre os elos. Os pensadores radicais como Jean-Baptiste Lamarck consideraban que había unha progresión de formas de vida desde as criaturas máis simples que se esforzaban para gañar en complexidade e perfección, un esquema aceptado por zoólogos como Henri de Blainville. A simple idea dunha ordenación de organismos, mesmo se se supoñían fixos, sentou as bases da idea da transmutación das especies, quer por medio dunha ortoxénese progresiva dirixida a unha meta, quer por medio dunha evolución non dirixida como a de Charles Darwin.
A cadea dos seres continuou sendo parte da metafísica na educación do século XIX, e o concepto era moi coñecido. O xeólogo Charles Lyell usouna como metáfora na súa obra de 1851 Elements of Geology na descrición da columna xeolóxica, onde utilizou o termo "elos perdidos" para referirse ás partes perdidas do continuo. O termo "elo perdido" pasou posteriormente a significar fósil transicional, especialmente para aqueles casos que salvan o espazo entre o home e as bestas.
A idea desta gran cadea, así como os "elos perdidos" derivados, foron abandonados pola ciencia de inicios do século XX, a medida que se abandonou en bioloxía a noción de que animais modernos representan antepasados doutros animais modernos (un peixe moderno representaría os antepasados dun anfibio moderno, como se podería ver comparándoo co embrión de anfibio). No entanto, a idea dunha certa secuencia que vai desde o "inferior" ao "superior" aínda perdurou un tempo, como o fixo a idea de progresión en bioloxía.
Implicacións políticas Allenby e Garreau propuxeron que as teses sostidas pola Igrexa Católica sobre a gran cadea dos seres mantiveron a paz en Europa durante séculos. O mesmo concepto de rebelión simplemente quedaba fóra da realidade na que a maioría da xente vivía, porque desafiar ao rei era como desafiar a Deus, xa que o rei fora posto no trono por Deus. O propio rei Xaime I de Inglaterra escribiu: "O estado da monarquía é a cousa máis suprema sobre a Terra: pois os reis non só son os lugartenentes de Deus na Terra, e sentan no trono de Deus, senón que mesmo o propio Deus os chamou Deuses."
Adaptacións e conceptos similares
O filósofo estadounidense Ken Wilber describiu o "Great Nest of Being" (Gran niño do ser), que el afirmaba que pertencía a unha "filosofía perenne" independente da cultura que se podía rastrear ao longo de 3000 anos de escritos místicos e esotéricos. O sistema de Wilber correspóndese con outros conceptos de psicoloxía transpersoal. No seu libro de 1977 A Guide for the Perplexed, o ecomomista E. F. Schumacher describiu a xerarquía dos seres, cos humanos no cumio con capacidade de percibiren conscientemente o "agora eterno".
Notas
Véxase tamén Outros artigos Historia do pensamento evolucionista Historia natural
Bibliografía
Miguel Espinoza, La Hiérarchie naturelle. Matière, vie, conscience et symbole, L'Harmattan, París, 2022 (). Tillyard, E. M. W. (1942) The Elizabethan World Picture: A Study of the Idea of Order in the age of Shakespeare, Donne & Milton. Nova York: Random House
Ligazóns externas Dictionary of the History of Ideas – Chain of Being The Great Chain of Being reflected in the work of Descartes, Spinoza & Leibniz. . Peter Suber, Earlham College, Indiana The Chain of Being: Tillyard in a Nutshell
Categoría:Filosofía natural Categoría:Teorías científicas obsoletas Categoría:Teorías filosóficas