As ultramicrobacterias son pequenas bacterias cun volume menor de 0,1 μm3 en todas as condicións de crecemento. Este termo foi acuñado en 1981 para describir cocos de augas mariñas que eran de menos de 0,3 μm de diámetro. As ultramicrobacterias foron recollidas tamén do solo e parecen ser unha mestura de especies grampositivas, gramnegativas e sen parede celular. Tamén se recolleron en solos urbanos, como as ultramicrobacterias ND5 e MY14T, dúas ultramicrobacterias con forma de bacilo aerobias gramnegativas
As ultramicrobacterias posúen unha razón área da superficie-volume alta debido ao seu pequeno tamaño, o que lles axuda a crecer en condicións oligotróficas (é dicir, pobres en nutrientes). O tamaño relativamente pequeno das ultramicrobacterias tamén facilita o parasitismo de organismos máis grandes; e viuse que algunhas ultramicrobacterias son parasitos obrigados ou facultativos de varios eucariotas e procariotas. Un factor que lles permite ás ultramicrobacterias acadaren o seu pequeno tamaño parece ser a minimización do seu xenoma, como no caso da ultramicrobacteria Pelagibacter ubique, cuxo pequeno xenoma de 1,3 Mb parece desprovisto de elementos xenéticos estraños, como ADN non codificante, transposóns, elementos extracromosómicos etc. Porén, faltan datos xenómicos delas, xa que o estudo das ultramicrobacterias, como o de moitos outros procariotas, é complicado polas dificultades á hora de cultivalas.
Os estudos microbacterianos feitos en Berkeley Labs na Universidade de California, Berkeley obtiveron imaxes microscópicas detalladas de especies microbianas ultrapequenas. Estas células tiñan un volume de 0,009 μm3, o que significa que aproximadamente 150.000 delas poderían caber na punta dun cabelo humano. Estas bacterias atopáronse en mostras de augas subterráneas e analizáronse con microscopio electrónico de transmisión crioxénico 2-D e 3-D. Estas bacterias ultrapequenas, cun xenoma de aproximadamente 1 millón de pares de bases de longo, mostraban densas espirais de ADN, poucos ribosomas, apéndices fibrosos parecidos a pelos e sistemas metabólicos minimizados. Estas células probablemente obteñen a maioría dos seus nutrientes esenciais e metabolitos doutras bacterias. Pénsase que as bacterias que están no rango de tamaños utrapequenos son bastante comúns pero difíciles de detectar.
As ultramicrobacterias confúndense con frecuencia con ultramicrocélulas, pero estas últimas son a formas dormentes de resistencia ao estrés de células máis grandes, que se forman en condicións de inanición (é dicir, estas célula máis grandes regulan á baixa o seu metabolismo, paran de crecer e estabilizan o seu ADN para crearen ultramicrocélulas que permanecen viables durante anos,) mentres que o pequeno tamaño das ultramicrobacterias non é unha resposta á inanición e é constante mesmo en condicións de abundancia de nutrientes.
O termo "nanobacteria" utilízase ás veces como sinónimo de ultramicrobacteria na literatura científica, pero as ultramicrobacterias son distintas das supostas nanobacterias ou "nanopartículas calcificadas", que se propuxo eu eran organismos vivos de 0,1 μm de diámetro. Porén, agora pénsase que estas estruturas non son seres vivos, senón probablemente partículas precipitadas de material inorgánico.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Forma L bacteriana Mycoplasma – as bacterias máis pequenas coñecidas (300 nm) Nanoarchaeum – as arqueas máis pequenas coñecidas (400 nm) Nanobacterias – posibles formas de vida menores que as bacterias (<200 nm) Nanobio – as posibles formas de vida máis pequenas (20 nm) Pithovirus – o virus máis grande coñecido (1500 nm) Pandoravirus – un dos virus máis grandes coñecidos (1000 nm) Parvovirus – o virus máis pequeno coñecido (18–28 nm) Prión – o axente infeccioso máis pequeno coñecido (10 nm)
Categoría:Bacterias