Valentino Riroroko Tuki, nado o 13 de febreiro de 1932 e finado o 29 de xullo de 2017, foi un aspirante ao trono Rapa Nui da Illa de Pascua. Era o neto do derradeiro rei, Riro Kāinga, quen morreu en 1899 e pertencía ao clan real Miru, descendentes do fundador e primeiro ariki mau de Rapa Nui, o lendario Hotu Matu'a.

Traxectoria Valentino Riroroko Tuki naceu o 13 de febreiro de 1932 na Illa de Pascua. Era fillo de Juan Riroroko, o fillo máis novo de Riro Kāinga e Luisa Tuki. Casou con Andrea Servia en 1953.

Como neto máis vello do derradeiro rei de Rapa Nui, o título pertencía a Jacobo Riroroko, quen sendo meirande e encamado por unha doenza, pasoullo ao seu irmán máis novo Valentino Riroroko. Riroroko foi coroado rei o 8 de agosto de 2011, nunha cerimonia oficial ante o Concello de Rapanui en presenza do gobernador local en representación do goberno chileno. O Parlamento de Rapa Nui, un organismo local non recoñecido polo goberno chileno, utilizou isto ao seu favor para tentar coaccionar tanto a Riroroko como ao goberno chileno a cumprir a súa axenda de independencia, falando moitas veces en nome do Rei sen o seu permiso.

Continuando a loita dos seus devanceiros, Riroroko avanzou na posición de que a Illa de Pascua debería ser un país de seu separado de Chile. Escribindo para Griffith Journal of Law & Human Dignity, Leonardo A. Crippa dixo, "aínda que a coroación de Riroroko podería verse como soamente simbólica, pode resultar fundamental para os esforzos xerais da nación rapanui por reconstruír o seu goberno e recuperar o control do seu territorio."

Riroroko apareceu no documental de 2014 Treasures Decoded: Easter Island Heads, no que pide a devolución do moai Hoa Hakananai'a que se atopa no Museo Británico.

Morreu o 29 de xullo de 2017 e está enterrado no territorio do clan Miru xunto a Ahu Tereruti, a plataforma cerimonial que pertence ao seu bisavó. A súa muller Andrea morreu dous anos despois, en 2019.

Notas

Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Historia da Illa de Pascua Categoría:Reis da Illa de Pascua