Misao Fujimura (xaponés: Fujimura Misao 藤村操), nado o 20 de xullo do 1886 e finado o 22 de maio do 1903, foi un estudante de filosofía e poeta xaponés, recordado polo seu poema de despedida.
Traxectoria Fujimura naceu en Hokkaidō no 1886. O seu avó foi un samurai do dominio de Morioka, e o seu pai foi trasladado á illa de Hokkaidō logo da Restauración Meiji como director do Banco de Hokkaidō. Fujimura estudou a secundaria en Sapporo, para logo trasladarse a Tokyo coa intención de preparar os exames de ingreso para a Universidade Imperial.
Posteriormente, viaxou ás cataratas de Kegon, en Nikkō, unha zona célebre polas súas paisaxes. Alí, escribiu o seu poema de despedida no tronco dunha árbore para logo suicidarse. A súa tumba atópase no Cemiterio Aoyama da capital nipoa.
A historia foi moi comentada nos xornais da época. O famoso novelista Natsume Sōseki (1867-1916), naquela época profesor no instituto de Fujimura, reflexionou sobre a súa morte na súa obra Kusamakura (1906).Asakura (2005): 45.
Poema O poema de Fujimura reflexiona sobre as causas que o conduciron ao suicidio. Os versos reflicten unha visión existencialista da realidade e da vida, comparando a inmensidade do mundo coa insignificancia do ser humano. O texto é o seguinte:Pensamentos no precipicio
Que vasto é o universo! Que eterna a historia! Quixen medir a inmensidade deste diminuto corpo. Que autoridade ten a filosofía de Horacio? A verdadeira natureza de toda a creación é, nunha palabra, inescrutable. Con este remorso, decido morrer. De pé nunha pena sobre a cascada carezo de temor algún. Comprendo agora, por vez primeira, que o gran pesimismo non é senón un grande optimismo. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Asakura, K. (2005). Jisatsu no shisō 自殺の思想 [Pensar o suicidio; en xaponés]. Edicións Ōta. ISBN 978-4-87233-945-1
Ligazóns externas
Fujimura, M. (1903): Gantou no kan 巌頭の感 (texto completo en xaponés) Illingworth, D. (23 de marzo do 2016): The Suicide Note as a Literary Genre (en inglés).
Categoría:Finados en 1903 Categoría:Nados en 1886 Categoría:Suicidas do Xapón Categoría:Escritores en lingua xaponesa