A filita é unha rocha que representa unha gradación no grao de metamorfismo entre a lousa e o xisto.Filita en ceramica.fandom.comStephen Marshak Essentials of Geology, 3rd ed. Os seus minerais planares son máis grandes ca os da lousa, pero non o bastante como para seren facilmente identificábeis a simple vista. Aínda que a filita parece similar á lousa, pode distinguirse con facilidade polo seu brillo satinado e a súa superficie ondulada. A filita, normalmente, mostra xistosidade e está composta fundamentalmente por cristais moi finos de moscovita, clorita ou ambas. Recoñécese facilmente pola súa estrutura laminar planar ou ondulada, producida pola orientación de filosilicatos, e a súa textura de gran moi fino, non visíbel a simple vista, pero si ao microscopio petrográfico, onde se poden distinguir os seus minerais máis comúns: micas, principalmente moscovita, cuarzo, talco, albita e clorita, entre outros.Mottana, Annibale, Rodolfo Crespi e Giuseppe Liborio (1978) Simon & Schuster's Guide to Rocks and Minerals. New York: Simon & Schuster Inc. As superficies posúen un brillo sedoso, ás veces moi característico, e un tacto untuoso, semellante ao do talco. Exfóliase facilmente e é relativamente pouco coherente. A súa cor é variábel: gris, gris-verdoso, gris-azulado, verde, violeta e mesmo marrón ou avermellado.

En moitos libros de xeoloxía, a filita descríbese comunmente como unha transición do metamorfismo rexional entre o xisto e a lousa. Da primeira rocha diferénciase polo tamaño de gran; no xisto obsérvanse os minerais a simple vista; da segunda, pola súa cor e o seu brillo satinado. A lousa, debido ao menor tamaño dos seus minerais, non brilla e é máis parecida a unha lutita compacta, ademais de que a súa estrutura laminar moi desenvolvida facilita a súa separación en laxas grandes e un tacto áspero.

Etimoloxía A palabra filita está formada polos elementos fil-, do grego φύλλωn fíllon folla, e -ita, sufixo empregado nos nomes de moitos minerais e rochas.Filita, en Rocas y Minerales.

Filita verde de Lugo 250px|miniatura|A Domus. A filita verde de Lugo é unha filita procedente de canteiras de Bretoña (no concello de Pastoriza) --en paraxes como Campo do Oso e A Beira do Río-- e de Pol --no lugar de Lourixe--. Presenta unha superficie brillante, de tons verdes a agrisados.

Como material de construción, tén algunhas características semellantes ás da lousa, tales como ser facilmente separada en laxas, e outras distintas, tales como unhas superiores propiedades mecánicas e un brillo característico. As características distintivas débense ao seu maior grao de metamorfismo.

A filita verde de Lugo tense empregado na construción de numerosos auditorios, hospitais, museos e edificios privados de Galicia, de España e doutros lugares do mundo. Como exemplos pódense citar a Domus ou Casa do Home da Coruña e o HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) de Lugo.

A filita verde de Lugo foi engadida en 2024 pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) ao listado de Pedras do Patrimonio Mundial. O devandito organismo recoñeceu deste modo o seu valor histórico e estético.

En relación cos mencionados valores, o profesor da Universidade de Oviedo Víctor Cárdenes van Den Eynde, do Departamento de Xeoloxía, sinalou que, entre as comarcas lucenses da Terra Chá e A Mariña, se emprega dende tempos históricos como pedra de construción este singular tipo de filita de idade cámbrica. E que estes lugares evocan séculos de historia de culturas e pobos antigos: a cultura dos castros, o Imperio romano ou os bretóns, entre outros.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Schumann, Walter (1993): Handbook of rocks, minerals, and gemstones. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 03-9551-1380.

Categoría:Xeoloxía Categoría:Petroloxía Categoría:Arquitectura Categoría:Construción