Avelino Chaves Couto, nado en Verín o 2 de febreiro de 1931 e finado en Zaragoza o 10 de xaneiro de 2021, foi un futbolista e director deportivo galego. Debutou na Primeira División con só 17 anos, nas filas do Real Valladolid, e tras pasar polo Granada recalou no Real Zaragoza, onde se convertería nunha das maiores figuras da historia do club. Marcou 54 goles ata que unha lesión aos 25 anos o obrigou a retirarse, pero volveu ao club en 1963, entrando na secretaría técnica, e foi o artífice da confección do equipo durante os seguintes 33 anos, nos que gañou catro Copas do Rei, unha Copa de Feiras e unha Recopa de Europa.

Traxectoria Fillo dun transportista verinés, foi o terceiro de catro irmáns e comezou a xogar ao fútbol nas leiras de Ábedes xunto aos seus irmáns maiores Emilio e Pepe. Estudou no colexio de La Salle, onde compaxinou o fútbol co atletismo, pois corría os 100 e 200 metros lisos, chegando a proclamarse campión provincial e rexional en categorías inferiores. Máis tarde xogou no Támega de Verín, sen estar federado, e participaba habitualmente en partidos doutros equipos que o chamaban para que os reforzase, debido á súa calidade, chegando a coincidir con Carriega en Allariz.

Aos 17 anos e a través dun amigo, realizou unha proba co Real Valladolid, equipo que acababa de ascender á Primeira División. O adestrador do conxunto castelán, o histórico Helenio Herrera, ordenou que o incorporasen inmediatamente ao club, polo que comezou a adestrar e viaxar habitualmente co primeiro equipo. Aínda que pola súa idade non podía aínda xogar, falsificaron os seus documentos, e o 10 de outubro de 1948 debutou co Valladolid en Primeira, nun partido ante o Oviedo en Zorrilla. Marcou o seu primeiro gol dous meses despois, ante o Athletic Club, e completou as súas dúas campañas en Valladolid cun total de 12 partidos oficiais e 5 goles.

Para a tempada 1950/51 fichou polo Granada CF, da Segunda División, onde militou durante dous anos, contabilizando 31 partidos e 18 goles. A continuación regresou á Primeira División, asinando contrato co Zaragoza. Marcou cinco goles na súa primeira campaña en Aragón, na que o equipo acabou descendendo, pero xa na seguinte aumentou a conta goleadora ata 13. Na tempada 1954/55 foi o máximo goleador do grupo Norte de Segunda, con 21 dianas, e sumou dúas máis na promoción de ascenso. O equipo fracasou no seu intento de volver á máxima categoría, pero conseguiuno na seguinte campaña, nunha fase de promoción na que Avelino marcou catro goles. Na última xornada desa promoción, o 29 de xuño de 1956 ante o Alavés en Mendizorrotza, disputou con 25 anos o seu derradeiro partido como futbolista, ascendendo a Primeira. Xogou ese encontro xa afectado por unha lesión de xeonllo, e aínda continuou no club un tempo, pero nunca puido volver xogar.

Trala súa retirada regresou a Verín para xestionar o negocio de transportes de seu pai. Durante ese tempo realizou algúns informes de xogadores para o Zaragoza, como o do dianteiro do Deportivo da Coruña Jorge Mendonça, e en 1963 o presidente do club, Waldo Marco, ofreceulle un posto de observador de xogadores. A primeira fichaxe que recomendou foi a de Irusquieta e foi o artífice da gran maioría de fichaxes dos seguintes 33 anos, entre eles Manolo González, García Castany, Pichi Alonso, Valdano, Amarilla, Rubén Sosa, Cafu, ou o considerado por moitos como mellor xogador da historia da entidade, Saturnino Arrúa. Levou a Carriega ao banco do Zaragoza e foi o "pai deportivo" de Víctor Fernández, ao que aconsellaba directamente dende a banda dos estadios.

Durante a súa longa etapa na secrataría técnica do Zaragoza, o club gañou catro Copas do Rei, unha Copa de Feiras e unha Recopa de Europa.

Notas

Categoría:Nados en Verín Categoría:Nados en 1931 Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia