Carmen Fernández Seguín nada en Coalloso en 1905 e finada en Sandiás en 1999, foi unha guerrilleira antifranquista galega.

Traxectoria Naceu no seo dunha familia conservadora, pero cando coñeceu a Jesús de Dios, fundador do Partido Comunista de España (PCE) en Sandiás, politizouse e máis tarde casou con el e tiveron tres fillos, dous deles Perfecto e Camilo de Dios Fernández. Fuxiron a Portugal cando se declarou a guerra civil española e Galicia quedou en mans dos rebeldes. Poucos días despois ela regresou a Galicia coa axuda de dous irmáns falanxistas, pero sufriu insultos, ameazas e a incautación da súa casa, utilizada como centro de detención.

Rematada a guerra civil o seu marido volveu ocasionalmente a España, pero foi detido e condenado, falecendo poucos anos despois debido unha anxina de peito. Carmen Fernández seguiu o compromiso político do seu marido e, xunto cos seus fillos Camilo e Perfecto, foi enlace e subministradora de alimentos da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Deu o salto á loita armada de xeito inesperado, cando tiña na casa varios guerrilleiros ceando e parou un camión da Garda Civil moi cerca deles. Tivo medo de ser detida ela e mais os seus fillos por axudar os guerrilleiros e decidiron fuxir. A súa actividade comezou máis por humanidade ca por ideoloxía, pero terminou sendo por convicción.

En 1950, despois dunha serie de caídas nas filas guerrilleiras na que prenderon o seu fillo Camilo en Ourense, e coa idea de establecer contacto cos grupos da zona co seu fillo, Perfecto de Dios, pensaron marchar a Madrid desde Ourense, e logo ao exilio. No entanto, o 16 de maio, en Chaherrero (Crespos, Ávila), o grupo foi descuberto e tras un tiroteo da Garda Civil, mataron a Perfecto e detivérona a ela, que quedara xunto ao corpo do seu fillo morto.

Carmen Fernández foi trasladada a Ourense e acusada de participar en varios atracos efectuados pola guerrilla na Limia e na queima da casa do cura de Couso de Salas. A causa militar nº 111/50 recollía que eses feitos era constitutivos do delito de formar partidas armadas dedicadas ao bandidaxe e o terrorismo, polo que o Fiscal Militar solicitou a pena de morte e a responsabilidade civil para pago de indemnizacións. Finalmente, o 27 de outubro de 1950 foi condenada a 30 anos de prisión maior e o embargo dos bens.

Estivo 13 anos en diferentes cárceres e destacou pola súa actividade clandestina organizando celas comunistas en cárceres, colaborando con Mundo Obrero e realizando diferentes tipos de protestas e folgas. Durante anos mantivo correspondencia co seu fillo Camilo estando na cadea.

O 23 de decembro de 1958 concedéronlle o indulto da sexta parte da pena total. Conseguiu a liberdade condicional o 13 de decembro de 1961. Unha vez liberada regresou a Sandiás, onde nunca revelou as súas actividades fóra dun pequeno grupo de familiares. Morreu no ano 1999.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Archivo Intermedio Militar Noroeste. Procedimientos judiciales incoados por la Justicia Miliatar a raiz de la Guerra Civil y durante el franquismo. Tribunal Militar Territorial 4º. Galicia (Listado procedimientos judiciales Ourense)

Categoría:Represaliados polo franquismo

Categoría:Guerra civil española en Galicia Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1999 Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia