Paula Catalina Carmen Pàmies i Serra, nada en Barcelona o 10 de abril de 1851 e finada na mesma cidade o 31 de marzo de 1937, máis coñecida como Pauleta Pàmies, foi unha bailarina clásica e española.
Traxectoria Era filla de Josep Pamias i Anguera, barbeiro natural de Reus, e de Joana Serra i Bordas, nada en Barcelona. Foi directora da Compañía de Danza do Gran Teatre del Liceu de Barcelona. Tamén foi profesora de danza durante setenta anos, entre outros, no Liceu e na escola de danza que fundou en Barcelona coa bailarina rusa Sacha Goudine. Formou bailarinas como Rosita Segovia, Teresina Boronat, Trini Borrull, Carmita García e María de Ávila, entre outras moitas, e tamén a bailarina e profesora de castañola Emma Maleras.
En Barcelona era moi coñecida por ser profesora de danza no Liceu. Tiña alumnas da alta sociedade, mozas levadas polas súas familias para adquiriren unha postura elegante e estilizaren o seu corpo, e tamén outras de orixe humilde, algunhas das cales podían pasar despois á Compañía de Danza do Liceu. Algúns barceloneses tamén a lembraban como intermediaria para poñer en contacto as mozas cos seus admiradores. Parece que algunhas mesmo podían recibir un agasallo dun abonado a cambio dun sorriso persoal dende o escenario.
Menos coñecido é o seu traballo como coreógrafa. Pauleta Pàmies coreografiou numerosos espectáculos de danza no Liceu, comezando en 1917 con El corregidor y la molinera, con música de Manuel de Falla, e ópera, como Le nozze di Figaro, dirixida por Eugène Szenkar en 1935. Tamén fixo, por exemplo, as coreografías do filme El sino manda (1917), drama social dirixido por Fructuós Gelabert i Badiella; e La viola d'or , de Apel·les Mestres (1914), fábula poética estreada no festival do Teatre de la Naturalesa, organizado por artistas e intelectuais modernistas.
Bailarina profesional Pauleta Pàmies entrou no Liceu como bailarina profesional en 1864 e en 1880 converteuse en primeira bailarina. Tamén bailou noutros teatros da cidade, como o Teatre Principal, onde foi primeira bailarina de 1871 a 1873. Aos 42 anos decidiu retirarse dos escenarios para dedicarse exclusivamente á coreografía, dirección e formación de danza.
Colaborou co etnólogo Aureli Capmany no seu labor en relación coa danza, os bailes e os espectáculos populares e tradicionais, especialmente a composición e dirección da danza e a técnica.
Notas
Categoría:Nados en 1851 Categoría:Bailarinas de ballet Categoría:Flamenco Categoría:Finados en 1937 Categoría:Nados en Barcelona